domingo, 7 de novembro de 2021

Branca de Loboso

Seguimos avanzando cara ao remate da Colección 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión foi a quenda do volume número 84, titulado "Branca de Loboso", da autoría do escritor chairego Xesús Rábade Paredes, o marido de Helena Villar Janeiro, que son os pais do pianista Abe Rábade e da escritora María do Cebreiro, familia toda moi culta, como pode verse. Non foi doado avanzar, porque a noveliña non chega a 100 páxinas e leva como hora e media lela completa.

Nada, breve, agradable, sobre un tema que me reconforta, como é a estupidez da Inquisición na Galicia e na España de comezos do século XVII, cando supostamente era un imperio case mundial con pés de barro, como puido comprobarse.

Unha moza da Terra Chá chamada Branca de Loboso, nai de solteira, cousa nada rara naquela época, e sabida por todos, namora dun mozo chamado Toño de Aldán. O Arcipreste de Saavedra, Servando Fontes, que se deita coa nai de Branca, un día intenta deitarse con ela, e como ela se nega totalmente, coa preeminencia do seu posto clerical, dille á Inquisición que o mozo da rapaza é o Demo trasfigurado. E o malo non é iso, senón que lle cren totalmente, como sabemos que pasaba naquela dura e estraña época. Ela é torturada. El tamén e é queimado nun acto de fe en Valladolid. Non ten máis. Naquela época o Imperio español sustentábase en estupideces como esa. E algúns aínda teñen nostalxia dese estatus. Así nos vai.

Saúdos.



Piratas do Caribe: a venganza de Salazar

Nestes últimos tempos, debido á pandemia, está crecendo bastante o meu consumo audiovisual, especialmente de películas, e como xa comprobaríades, a saga de "Piratas do Caribe" está resultándome simpática, porque acabo de ver a terceira das cinco que a compoñen. A terceira na orde do meu visionado, porque realmente é a quinta e última das rodadas e presentadas en público. Por certo, a tradución do título orixinal era "Os homes mortos non contan contos", pero en todo o mundo hispanofalante decidiron titulala "A venganza de Salazar", seguramente porque ese personaxe estaba protagonizado polo español Javier Bardem, e así potenciaban o mercado patrio.

A película foi dirixida en 2017 por un par de directores noruegueses que, polo visto, sempre traballan xuntos: Joachim Rønning e Espen Sandberg. Os papeis principais son para Johnny Depp, Geoffrey Rush e Javier Bardem como malísimo. Pero semella que xa están preparando o futuro da saga, porque aparecen dous actores novos que ademais acaban emparellándose: Brenton Thwaites (que fai de fillo dos personaxes de Orlando Bloom e Keira Knightley, que só aparecen un breve instante nesta película) e Kaya Scodelario (que fai dunha astrónoma á que intentan queimar por bruxa unhas cantas veces, e que finalmente descóbrese que é a filla de Héctor Barbosa). Por certo, o personaxe de Héctor Barbosa morre nesta película, pero xa sabedes que, nas películas de piratas, polo menos nas desta saga, iso da morte é algo relativo. Sempre hai unha maldición á man que permite resucitar a todo o mundo. Vaia, acabo de enterarme que nunha breve escea sae Paul McCartney, non o recoñecín.

Como habitualmente, a historia é enrevesada, pero tampouco ten moita chicha, xoga coas trampas típicas do mundo da piratería, especialmente nesta saga na que se toma todo en forma de comedia. Basicamente, Will Turner está medio-morto, debido a unha maldición no "Holandés errante", Jack Sparrow é un pirata sen sorte e a súa tripulación pasa del, e Barbosa entérase de que un barco fantasma liderado por un tal Salazar está acabando con toda a súa flota. Supostamente, a salvación de todos eles depende de que unha astrónoma consiga localizar o Tridente de Poseidón, que acaba sendo unha constelación de estrelas que lle indica onde se atopa unha illa na que hai algo que necesitan todos, aínda que non saben exactamente o que é. Efectivamente, chegan alí grazas aos coñecementos dela, e poden desencadear algo que lles permiten romper todas as maldicións.

Xa digo, non son obras de arte, pero resultan películas moi entretidas de ver, sobre todo, dende o punto de vista físico e circense. Os protagonistas escapan de algunhas situacións límite de formas moi ocorrentes e visualmente moi potentes, hai que recoñecerlles ese mérito.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...