domingo, 20 de decembro de 2020

West Side Story

Botaban "West Side Story" nese famoso espazo de cine clásico da 2 dos martes pola noite, que xa mencionei aquí moitas veces nos últimos tempos. Xa a vin varias veces, pero non me desagradou facelo de novo. A min gústanme moi poucos musicais, só este, "Xesucristo Superstar", "O Rei León" (ese en directo, xa o vin 6 veces en Madrid) e algún outro que agora mesmo non lembro. Ademais teño un CD coa banda sonora, así que podo disfrutar da magnífica música de Leonard Bernstein cando queira. Chámame máis a atención iso ca o baile, pero nesta película ata iso resulta interesante.

Pois nada, disfrutei de novo desta versión moderna de "Romeo e Xulieta", ambientada no Nova Iork dos anos 50 (a película foi dirixida por Robert Wise en 1961). Enfróntanse a banda dos "Sharks", que son portorriqueños, e os "Jets", brancos de orixe europea. Namóranse María e Tony, que pertencen a bandas diferentes, e a tensión entre as dúas bandas, que non era pouca, crece aínda máis, e remata en tres mortes, entre elas a de Tony, que provoca a reconciliación das bandas. A diferenza da obra orixinal de Shakespeare, sobrevive María, a nova Xulieta.

Dediqueime entón a mirar algúns datos que me provocaron curiosidade. Esta película optou a 11 oscars, dos que ganou 10. Despois tamén me deu por investigar na carreira cinematográfica (ou de calquera tipo) dos actores principais, porque a maioría deles son bastante descoñecidos. Natalie Wood si foi unha estrela, e Rita Moreno, aínda que non moito, pero algún éxito tivo. Pero Richard Beymer (Tony), Russ Tamblyn e George Chakiris xuraría que só os vin nesta película, e iso fíxome investigar. Efectivamente, non vin moitas outras actuacións reseñables. Pero chamoume a atención que Richard Beymer e George Chakiris coincidiron en "Twin Peaks", famosa serie de televisión dos 90 que eu non vin, pero da que se fala moito.

Saúdos.



O dominio mundial

Lin hai unhas semanas un libro bastante interesante. Titúlase "O dominio mundial. Elementos do poder e claves xeopolíticas" e foi escrito por Pedro Baños, un militar español na reserva. Acabo de enterarme que esta obra é a segunda dunha triloxía escrita por este autor, e que está tendo moito éxito. Non estou seguro, pero debeu ser dos últimos que merquei no Círculo de Lectores, que pechou hai un ano, máis ou menos.

Unha das cousas que me chamou a atención cando me enterei da existencia deste libro foi o autor, do que estiven investigando un pouco. A liña ideolóxica do libro parecía coincidir bastante coa miña, e me chocaba un pouco ou bastante que o escribira un militar que tivo cargos importantes. Algo non me cadraba, e segue sen facelo, pero son cousas que pasan.

O libro trata todos os elementos que determinan o poder e o dominio no mundo actual. O índice pode darnos unha idea de cales son todos eses elementos:

1. Potencia militar

2. Capacidade económica

3. Diplomacia

4. Servizos de intelixencia

5. Recursos naturais

6. Territorio e poboación

7. Potencialidades intanxibles (cultura, lingua, identidade...)

8. Coñecemento e tecnoloxía

9. Comunicación estratéxica

Hai unha última sección onde se fala aínda máis de dous factores que tiñan e seguirán tendo moito peso, como son a Tecnoloxía e a Demografía.

O libro resulta de amena lectura, é vistoso, con infografías e táboas para presentar moitos datos. Xa digo, resúltame chocante que me convencera tanto o que me conta un militar, que semella ter unha visión bastante parecida á que teño eu.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...