venres, 28 de xullo de 2023

Festival Pétalos de Igualdade Flor de Vida 2023

A verdade é que non tiña eu noticia da existencia deste Festival, se acaba de nacer, no caso de que sexa así se ten pretensión de pervivencia.... O caso é que entereime de casualidade do primeiro dos concertos, e ao asistir a ese, entereime que ao día seguinte tocaban outros dous grupos. É unha máis das moitas iniciativas da Asociación de Veciños da Agra do Orzán xunto co Concello da Coruña, que organizan moitos eventos, principalmente no Ágora.

O primeiro dos días tocaba Verónica Codesal, unha das cantantes de Ialma, ou sexa, as rapazas nadas en Bruxelas e que son descendentes de emigrantes galegos. Nesta ocasión comeza un novo proxecto que semella levar o seu nome, pero tamén constan os dos músicos acompañantes, Didier Laloy no acordeón, Damien Chierici no violín e Boris Tchango na batería. Estivo ben, aínda que lembra un pouco a Ialma, e a min persoalmente gústame máis Ialma, porque a armonía das súas voces é unha marabilla. Presentaban o seu primeiro disco, titulado "100 voltas" (se non me engano tamén era o título dunha canción de Ialma).

Ao día seguinte tocaban dous grupos. O primeiro deles é Barahúnda. Polo visto, son unha parella que vivían en Madrid e foronse hai unha década a vivir a unha aldea de Rianxo. E moi mal non lles debe ir, porque reivindican continuamente ese paso. A súa música é estilo cantautor e algunhas das pezas que tocan son cantigas medievais. O guitarrista é Jose Lara e a cantante é Helena de Alfonso, invidente, e que ten unha voz preciosa.

A continuación produciuse o cambio de grupo no escenario máis rápido que vin nunca (tendo en conta que os anteriores eran unha voz e guitarra acústica enténdese perfectamente), debeu durar 2-3 minutos. O segundo grupo que actuaba era Cantometrics. Son un quinteto formado por Marina Vigo (gaita, e que semella a lideresa do grupo), Sandra Pérez (marimba e percusións), Nébeda Piñeiro (percusións e voz), Luis Sánchez (percusións e zanfona) e Iago Camaño (acordeón).

Deste concerto só puiden ver as 3 ou 4 primeiras cancións, pero semella moi interesante a idea. Colleron o arquivo de sons que recabou Alan Lomax cando estivo por Galicia no ano 1952, e inspirándose nel, tocan pezas de música tradicional, pero con algún toque moderno, como a marimba. Obviamente, o máis coñecido é o "chifro", a frauta aguda de capador que recolleu Lomax, e que inspirou a Miles Davis para abrir o seu disco "Sketches of Spain".

Saúdos.





Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...