domingo, 18 de decembro de 2022

O inimigo coñece o sistema

Hai varios anos merquei un libro titulado "O inimigo coñece o sistema", publicado en galego por Kalandraka, e escrito pola xornalista Marta Peirano. Hai unhas semanas tocoulle a súa quenda para ser lido. Casualmente, uns días máis tarde fun ver unha exposición sobre intelixencia artificial titulado "More than human", que pode verse na Coruña nestes meses. Mira ti por onde, na exposición falaban dalgún dos temas que saen no libro.

O libro trata sobre a vixilancia que exercen os gobernos a través das grandes empresas tecnolóxicas na vida dos usuarios electrónicos. Principalmente a través de Internet, algo nos ordenadores, pero sobre todo cos móbiles, que son unhas máquinas de produción inxente de datos e información moi golosa para as corporacións e gobernos que queren controlarnos.

Nas súas algo máis de 300 páxinas había moitas anécdotas xugosas, pero por destacar só algunhas, direi que as aparentemente inocuas "tarxetas de puntos" que usamos en moitas tendas, son unha fonte de datos inesgotable sobre os nosos hábitos, e ninguén sospeita delas e estamos encantados de telas, e cantas máis mellor. Por outra banda, tamén me chamou a atención o feito de que o coche de Google Street View que nos permite ver na pantalla as rúas das nosas cidades tamén vai rastrexando wifis por todo o planeta, para poder ubicar mellor a todo mundo e seguir os seus movementos (o móbil é moi doado de xeolocalizar, o ordenador fixo non tanto).

Saúdos.



O Rei da Comedia

Cando eu era pequeno, na televisión botaban con certa frecuencia películas de Jerry Lewis e tiña un certo prestixio por aquí. Pero coido que dende hai anos xa non se proxecta ningunha película súa nas televisións convencionais (algo parecido ao que sucede coas clásicas de Tarzán con Johnny Weismuller, é case imposible atopar ningunha). Creo que non me desagradaban demasiado e cando vin que botaban "O Rei da Comedia" na súa propia época, dispúxenme a vela pensando que era unha película máis de Jerry Lewis, como podería ser "O profesor chiflado". Lembro que a vin con moita decepción, non entendendo que estaba pasando.

Agora que xa son moito máis maior e consciente, cruceime o outro día con ela en Rakuten TV, e decidín vela, para ver se entendía a situación e si, efectivamente, entendina porque tampouco era tan complicado facelo. Xa nun certo declive de Jerry Lewis na súa propia carreira cinematográfica, esta película utilizaba a súa figura pública para falar doutro problema diferente e, aínda que o parecera, non era unha comedia en absoluto, máis ben todo o contrario.

Foi dirixida por Martin Scorsese en 1982, e os papeis principais foron para Robert De Niro e Jerry Lewis, e despois nun rol algo máis secundario as actrices Diahnne Abbott, Sandra Bernhard e Shelley Hack.

A historia é ben curiosa. Jerry Langford (obviamente Jerry Lewis) é un famoso cómico similar ao actor que lle dá vida, con milleiros de fans e coñecido por todo o mundo, pero de caracter máis ben arisco na súa solitaria vida persoal. Dous deses fans son Rupert Pupkin (Robert de Niro) e Masha (Sandra Bernhard). Entre os dous, aínda que na película vese moito máis a Rupert, comezan a acosalo para que lles dea un empurrón profesional. Rupert está convencido de que ten moitas dotes para a comedia, pero non consegue que lle dean a oportunidade en ningún local, entón intenta acadar ese recoñecemento co aval do gran cómico, pero este e a súa empresa pasan totalmente del.

Como ve que non consegue nada, Rupert alíase con Masha e raptan a Jerry. Ameazan á súa empresa de matalo se non lle dan unha oportunidade no seu programa de máxima audiencia, e con esa coacción, consegue actuar como estrela invitada no programa de Jerry, que ese día é presentado por Tony Randall, que non entende nada do que está pasando. En paralelo a isto, Jerry conseguiu convencer a Masha de que o liberara, e fuxe para casa, e nos televisores dun escaparate é testemuña da actuación de Rupert. Rupert é apresado e pasa varios anos no cárcere, pero é tal o éxito que tivo por aquela actuación, que agora é el quen ten un numeroso grupo de fans agardando a que saia da cadea para actuar.

Saúdos.





Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...