sábado, 12 de agosto de 2023

Sendeirismo na Mariña Central

Agora que xa imos recobrando a normalidade despois da pandemia, volvemos ás nosas tradicionais viaxes. Esta do mes de agosto habitualmente está dedicada ao sendeirismo, e esta vez tamén foi así. Fuxindo un pouco do calor dominante (noutros sitios máis que en Galicia, pero aquí tamén algo) fomos á Mariña Central, facendo base no magnífico Hotel Montero de Mondoñedo. O programa de actividades foi o seguinte:
- Domingo 6: Basicamente dedicamos o día a facer unha sinxela ruta de sendeirismo en Foz, pero moi fermosa. Saíndo da vila pola costa, en dirección oeste (ou sexa, cara a Burela, que se veía alá ao fondo), chegamos ata o castro de Fazouro, pasando por unhas cantas praias do concello. Chegando alí, subimos ao lugar de Lousada e baixamos de novo á desembocadura do río Ouro, onde demos a volta.
- Luns 7: A nosa idea era facer algunha ruta de sendeirismo que nos permitira percorrer e ver o máis salientable do concello de Vilanova de Lourenzá. Pero na oficina de turismo dixéronos que non era en absoluto recomendable, porque debido á elevada actividade madeireira quitábanse moitos dos postes de orientación, e polo tanto era moi difícil completar as rutas. Así que fixemos unha pequena, que era a única que estaba máis ou menos practicable, chegar ata a ponte e a área recreativa de Cazolga. Certo é que case a metade da ruta era por pistas asfaltadas, así que tampouco foi para tanto. O que nos sobrou do día dedicámolo a explorar a vila de Mondoñedo, incluíndo unha demorada visita á Catedral con audioguías, na que aprendemos moito.
- Martes 8: Por razóns que non veñen ao caso, decidimos facer un pequeno parón sendeirista neste día, e dedicamos o día a facer visitas culturais. Comezamos por Vilanova de Lourenzá, onde visitamos o Museo da Faba. A continuación fomos ao concello de Foz para ver a impoñente Basílica de San Martiño de Mondoñedo, que din que foi a primeira catedral da península. Chamoume a atención (porque non o sabía) que cando moveron a sede episcopal para a actual Mondoñedo levaron tamén o topónimo, porque o lugar actualmente chamado Mondoñedo chamábase Vallibria. Despois fomos a Burela para visitar o Barco Museo Boniteiro "Virxe do Carme", que é moi interesante. E rematamos en Alfoz, vendo o Castelo de Castrodouro, unha máis das posesións do Mariscal Pardo de Cela. Dende alí, intentamos chegar de novo (porque xa estivemos hai anos) ao mítico Castelo da Frouseira, pero era xa tarde e fomos dende o concello de Alfoz, dende onde aquela rocha é case inexpugnable. A forma moi doada de acceder en coche é dende o concello de Foz.
- Mércores 9: Para este día anunciaban unha vaga de calor en toda a península e incluso en boa parte de Galicia, pero para iso fomos á Mariña, porque alí é máis doado protexerse diso. Incluso en concellos do "interior" como Mondoñedo anunciaban máximas preocupantes (que ao final non sabemos se chegaron a darse) pero nós fomos facer unha fermosa ruta circular en Burela (de estrutura similar á de Foz do primeiro día). Había algo de nubes e brétema, algo de brisa, non debeu pasar de 25 graos, que delicia!!! Saíndo da oficina de turismo, no porto, fomos camiñando pola costa cara ao oeste, en dirección á fermosísima praia da Marosa. Nos últimos quilómetros dese tramo, cruzámonos varias veces coa plantilla do Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino, que creo que segue sendo o mellor equipo do mundo. Parece que están comezando a pretempada, porque a algunhas víaselles acusar o esforzo. Dende a Marosa subimos polo monte ata o fermoso mirador do Monte Castelo, onde xantamos. E dende alí baixamos á esquina oposta de Burela, pasando pola praia de Areoura e polas zonas de formacións xeolóxicas do Cantiño e Perdouro, chegando de novo ao porto.
- Xoves 10: Pola mañán fixemos uns pequenos traxectos no concello do Valadouro. Primeiro fomos ata a fervenza do Escouridal, que fai fronteira entre os concellos do Valadouro e Alfoz. E dende alí intentamos subir en coche ata o Cadramón, a 1.056 metros sobre o nivel do mar, o pico máis alto da mítica Serra do Xistral. Pero a falsa crenza de que ese pico era o único da serra que tiña antenas de televisión fixo que nos desviásemos e chegásemos ao Alto de Onsolar, a 1.031 metros de altitude, que tampouco está mal. E despois de xantar un bocata xunto ao castelo de Castrodouro, fomos ao colofón desta xeira, que resultou bastante espectacular: a Cova do Rei Cintolo. Nós xa visitamos covas subterráneas en bastantes partes da península, tamén algunha en Portugal e incluso algunha en Iparralde. Pero esta é outra cousa. As outras son visitas de turismo pasivo, pagas unha entrada, entras nun entorno abraiante pero está todo acondicionado para que o fagas con moita comodidade e boa iluminación, para ver ben as marabillas que hai alí dentro. Para entrar na Cova do Rei Cintolo xa te avisan de que tes que estar en boa forma física, que leves roupa normaliña porque seguramente sairá algo sucia, e antes de entrar asinas un papel no que recoñeces que a túa condición física e saúde é a correcta para esa actividade. Póñenche un casco con iluminación, unha rede para o pelo, un mono de gasa para todo o corpo e recomendan botas de auga ou de montaña, ou sexa, calzado que non esvare. E a visita pasa a ser de turismo activo, ou sexa, fas un curso básico nivel 0 de iniciación á espeleoloxía. Vas pasando por galerías de dificultade variada, moi ben presentadas e explicadas polo guía (a nós tocounos un conquense moi simpático chamado Carlos), que aparte de contarche cousas sobre as covas subterráneas, explícache tamén que tes que facer para superar cada galería. Hai tobogáns nos que tes que agarrarte a cordas, tes que trepar, gatear, reptar, etc. Pero pásase moi ben, e segundo avanzas vaslle perdendo o medo á actividade. Do máis recomendable, sempre que a túa condición física e mental che permita afrontar retos así.

É probable que o vindeiro ano volvamos aloxarnos no magnífico Hotel Montero de Mondoñedo para seguir explorando a Mariña Lucense, pero noutros concellos diferentes. Xa veremos que sae.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...