martes, 12 de abril de 2022

O guerreiro número 13

Esta película xa a vin hai tempo, e apenas lembraba algunha escena, pero tiña ganas de vela de novo. Ambientanda na (para min) fascinante Idade Media, mestura a cultura árabe coa nórdica ou viquinga. E ademais hai algo de sobrenatural nos inimigos aos que se enfrontan. Apenas ten base real, aínda que o personaxe principal si que existiu, pero non creo que sexa relevante para esta historia.

A película foi dirixida por John McTiernan en 1999 (polo tanto, a acción e o afastamento da realidade están garantidos) e os únicos actores para min coñecidos eran Antonio Banderas e Omar Shariff (papel secundario moi relevante nos primeiros 15-20 minutos da película, despois desaparece). Destacan un tal Vladimir Kulich e Dennis Storhoi, e pola parte feminina, se cadra Diane Venora, aínda que ten bastante pouca presenza. A película está baseada nunha novela de Michael Crichton.

Un poeta de Bagdag é desterrado por descubrirse que é o amante (ou pretende selo) dun emir cercano ao califa. É enviado como embaixador ante os pobos do norte. Para alí vai e acaba contactando cos viquingos. O entendemento con eles non é doado, xa que o seu amigo Melchisidek fala en latín cun dos viquingos, o único que se expresa nese idioma. Pouco despois diso vén a única escena que eu lembraba da película, por totalmente surrealista, e é que a súa total incomunicación desaparece unha noite simplemente escoitando con moita atención aos seus compañeiros viquingos. A partir de aquí, xa podes crer calquera cousa.

Pero o importante vén xusto antes. Unha muller oráculo di que ante a terrible ameaza da que chegan noticias, debe formarse un equipo de 13 guerreiros, e que o decimoterceiro non debe ser nórdico. Así que vemos ao poeta árabe formando parte dese batallón, cando a loita tampouco era a súa especialidade. O equipo vai dirixido por un tal Beowulf (na película pronunciaban algo así como "Vaivul", así que non caín nesa coincidencia).

Pois nada, achéganse a un lugar onde están sufrindo terribles ataques duns seres dos que se falaba na mitoloxía nórdica, pero que se pensaba que xa non existían. Unha especie de bestas, entre home e oso, que son caníbales. Na película vese que son homes bastante salvaxes disfrazados con pelicas de oso. Na Wikipedia di que non hai probas de que sobreviviran homes de Neanderthal que foran caníbales, do cal se deduce que iso era o que insinuaba a película.

Acaban localizando a cova onde se esconden eses salvaxes, que sempre atacaban de noite e aproveitando a brétema, e alí conseguen matar á "nai" que era como a súa máxima sacerdotisa. E na última batalla Beowulf consegue matar ao xefe dos atacantes, e todos eles fuxen, aínda que aparentemente eran maioría. Unha muller vella pronosticara que pasaría iso, que os atacantes fuxirían en canto morrera o seu máximo xefe.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...