venres, 4 de agosto de 2023

A viaxe xeométrica de Domingo Fontán

Seguramente xa comentei aquí que a de Domingo Fontán é unha figura científica galega que me fascina. Xa teño mercado algunha novela máis que tamén fala sobre a súa vida e obra. E volvín intentalo nesta ocasión con este libro, metade ficción e metade divulgativo, da autoría de Alberto Fortes.

A estrutura é curiosa. Os capítulos están numerados de tal forma que os impares contan a historia de ficción e os pares os de non ficción. A historia de ficción está ambientada nos meses nos que foi con José Dionisio Valladares (o pai de Marcial Valladares) á antiga provincia de Tui, para facer o levantamento xeográfico e xeodésico que lle permitiría facer o mapa de toda Galicia posteriormente. 

Tiñan que ir cos seus pesados artefactos ata puntos moi significativos das comarcas, normalmente con boas vistas, para ver dende alí outros puntos senlleiros cercanos, despois ir a estes e medir ángulos e distancias, e tomar nota da colocación das vilas importantes. Tamén tiñan que medir latitudes e lonxitudes, por exemplo de noite coas estrelas. Ou sexa, unha auténtica marabilla. Pateouse o país completo para que Galicia tivera un mapa fiel moito antes que outras zonas máis ricas e poderosas.

Tamén me chamou a atención, porque a verdade é que o tiña bastante esquecido, que o século XIX en España é en Galicia foi un auténtico caos, e conseguir desenvolver calquera actividade era unha odisea tendo en conta a polarización política que existía. E máis para un tipo coma el, que estaba do lado dos liberais, ou sexa, dos máis progresistas. Pero acabou vivindo moitos anos, facendo moitas cousas, e destacando en moitos sectores e saberes moi variados. Todo un sabio.

Saúdos.



Amundsen

Estes días, despois de moito tempo sen facelo, estou buscando nalgunha das plataformas gratuitas que veñen na miña "smart tv" para ver se emiten algunha película interesante. En Rakuten hai bastante mediocridade en xeral, pero con iso de que poñen a nota en IMDB, aínda tes unha referencia. Na aplicación da ETB hai poucas películas e non poñen máis que o título e un fotograma representativo, así que hai que ter bastante puntería para acertar. Pero un día destes atopei unha película que trataba sobre un personaxe do que quería saber máis, e animeime.

"Amundsen" foi unha produción noruega do ano 2019 dirixida por Espen Sandberg. Roald Amundsen está protagoniza por Pal Sverre Hagen, o seu irmán Leon por Christian Rubeck e Katherine Waterston (semella que a única non nórdica dos principais) é a súa última amante.

Obviamente, a película interésame polo gran explorador, pero na película tamén deixan patente que como persoa xa tiña máis aristas. Tivo varias amantes, e parece que todas estaban casadas, pero non semella tampouco que tivera maior intención de formar familia con elas. Por outra banda, preséntano como un ególatra que quería ser aclamado como gran explorador e por chegar de primeiro a lugares moi distantes e illados, e non tiña nin idea de como se financiaban as súas expedicións nin cal era o estado de contas das mesmas. Diso encargábase o seu irmán Leon, e por esa razón acabaron distanciándose.

Seguindo e utilizando algúns recursos doutro gran explorador noruego, Fridtjof Nansen, tiñan a intención de ser os primeiros en pisar o Polo Norte. Pero cando souberon que Peary xa chegara alí antes, decidiron cambiar de plans e atacar o Polo Sur, pero non llo dixeron a ninguén, nin sequera a Nansen, non fora a ser que se negara a axudalos.

E aí chegou a mítica carreira cos ingleses capitaneados por Robert Scott, ao que superaron facilmente. De feito, sempre se mencionou que a planificación e dotación da expedición noruega era moito mellor que a inglesa, sempre que o obxectivo fora chegar primeiros ao Polo Sur, claro. Levaron cans en troques de cabalos, a carga era menor, para a volta sacrificaron algúns dos cans, e outra serie de cousas que eran consideradas indignas polos ingleses, que morreron todos na viaxe de volta. Mira ti para que lles serviu a dignidade aos ingleses.

Despois puxeron en marcha outro dos proxectos de Nansen, aínda que tampouco tiñan moita confianza nel. Foron ao Paso do Noroeste cun novo barco construído para esa expedición, integraron o barco nun banco de xeo flotante coa intención de que as propias mareas o levaran ata o Polo Norte. Tiñan previsto que nuns cinco anos poderían conseguilo, pero estar tanto tempo sen facer case nada no barco debía ser insufrible. Amundsen marchou cando levaban 2 ou 3 anos, boa parte do resto dos tripulantes seguiron ata que embargaron o barco uns anos máis tarde. Como curiosidade, antes de que marchara Roald, apareceu polo barco unha familia inuit con dúas rapazas que foron consideradas fillas del durante varios anos, aínda que despois volvería á súa terra.

E por último chegou a teima de ser o primeiro en sobrevoar o Polo Norte. Conseguiuno en compañía dun italiano chamado Nobile, fixérono nun dirixible. Uns anos máis tarde, Nobile volveu en dirixible á zona e tivo un accidente. Amundsen foi en hidroavión para intentar salvalo, pero parece que foi el o que se matou nun accidente, xa que o seu corpo nunca apareceu. Si apareceu Nobile, e vivo, algún tempo máis tarde.

Saúdos.







Oppenheimer

Supoño que xa dixen aquí nalgún momento que considero a Stanley Kubrick o mellor director de cine da historia. Iso non significa que todas as súas películas me gusten, pero creo que a maioría están moi ben e algunhas son simplemente sublimes, tendo en conta que non fixo demasiadas, só 12 ou 13 en case medio século de carreira. Na miña humilde opinión, o seu relevo no século XXI colleuno Christopher Nolan. E como non puiden ver moitas das súas películas no cine, animeime con esta no verán.

"Oppenheimer" foi dirixida por Christopher Nolan en 2023 (foi estreada hai poucas semanas). O papel principal foi para o irlandés Cillian Murphy (que xa demostrara antes as súas cualidades e aquí tampouco decepciona, en absoluto). Na nómina de secundarios hai un bo feixe, entre os que destacarei a Emily Blunt, Matt Damon, Robert Downey Jr. e Florence Pugh por presenza na película, e a Kenneth Branagh, Matthew Modine e Gary Oldman como ilustres actores que aparecen en pequenos papeis e que aparecen con frecuencia nas películas deste director. Tamén pode poñerse a lista de físicos e químicos ilustres que aparecen nesta película: Oppenheimer, Niels Bohr, Einstein, Richard Feynman, Fermi, Heisenberg, Gödel... sen mencionar os menos coñecidos popularmente pero que despois recibiron o Premio Nobel, que foron uns cantos.

Como a película aínda está nas carteleiras, a historia é relativamente coñecida e non quero destripar demasiado, tampouco desvelarei moito. A cinta trata en torno á historia de Robert Oppenheimer, que non estivo no partido comunista americano, pero si estivo cerca e tivo amantes e familiares que militaron nel. A pesar diso, foi seleccionado para dirixir o proxecto Manhattan, coa idea de crear unha bomba atómica estadounidense. Pero despois do "éxito" tivo problemas no seu propio país porque se desatou a febre do maccarthysmo.

Fálase moito da carreira científica cos alemáns, liderados por Heisenberg, e se cadra tamén cos soviéticos, que eran "aliados" durante a guerra, pero que obviamente non espertaban demasiada confianza. Teoricamente estaban deseñando a bomba para lanzala en Alemania, pero Alemania acabouse rendendo e Hitler suicidándose. E como os xaponeses colleron o relevo bélico e non parecían querer rendirse, a bomba tocoulles a eles.

O máis pesado da película son as investigacións sobre o propio Oppenheimer posteriormente para ver se lle renovan a acreditación máxima de seguridade para seguir dedicándose a esa tarefa. E a investigación máis ou menos paralela a un funcionario do goberno que traballou con el moitos anos e con quen tiña unha relación moi tirante. Aos estadounidenses esas cousas parécenlles interesantísimas, pero creo que a maioría do resto da humanidade non. E a min non, dende logo.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...