sábado, 27 de xullo de 2024

Sendeirismo na Montaña Central Asturiana


Esta pasada semana Viaxes O Lóstregho tivo a súa cita anual co sendeirismo. Había xa tempo que non saíamos de Galicia, pero dado que na península son cada vez máis comúns as vagas de calor no verán, decidimos quedar na "España húmeda", que sempre é máis agradable. A comarca escollida foi a Montaña Central Asturiana, unha das poucas que nos quedaba por explorar desa comunidade autónoma.

A comarca está formada polos concellos de Mieres, Lena, Aller, Riosa, Morcín e Ribera de Arriba. A idea era aloxarse en Mieres ou Lena, que son os núcleos de poboación máis grandes e que están á beira da autovía, polo tanto, mellor comunicados. Conseguimos a última habitación dobre que quedaba para esa semana nun pequeno hotel de Pola de Lena, e todo foi perfectamente.

Estivamos os cinco días laborables dunha semana, e a continuación digo que fixemos cada día:
- Luns: chegamos dende Galicia, instalámonos no hotel, conseguimos uns bocatas e partimos cara á primeira ruta. Decidimos subir á estación de esquí de Valgrande-Pajares, que está cerca do alto do porto de Pajares. Dende alí subimos pola pista asfaltada que vai ata o alto da estación, no pico chamado Cuitu Negru. Alí xantamos e despois intentamos achegarnos a un dos picos máis altos da zona, o Negrón, que dá nome ao túnel da autopista que une Asturias coa meseta. Non foi posible chegar porque a sinalización era nula e a descrición da ruta que tiñamos era moi básica e ademais pouco fiable. Pero non estivo nada mal para debutar o primeiro día.
- Martes: este foi o día máis intenso, con diferenza, que condicionou todo o que pasou despois. Xa que seguía o bo tempo, pero non parecía que fose durar demasiado, decidimos facer a ascensión máis dura da comarca, a mítica Peña Ubiña. Segundo a información que tiñamos parecía asequible, pero finalmente non o foi. Hai que ir por estrada ata a aldea de Tuiza de Arriba. Dende alí sae un camiño con certa pendente, ese si asequible, ata o refuxio do Meicín, metido entre montañas nun lugar idílico (a foto que vedes está sacada dende alí). Como se ve, dende alí comeza a segunda fase da ascensión, sinxela dende o punto de vista que simplemente hai que andar, pero as pendentes convértense en moito máis duras. Esta parte esta dividida en dúas, a primeira bastante dura e a segunda bastante máis asequible, que nos leva ao collado Terreos primeiro e ao Ronzón despois. E despois diso comeza a terceira e última parte, cando xa se superan os 2000 metros de altitude sobre o nivel do mar. A pendente segue crecendo ata que nos 2100 metros de altitude, aproximadamente, chegamos ao rochedo calizo. A partir dese punto, xa poucos tramos se poden andar e case todo é trepar, movéndose con bastante precaución. A min comezaron a darme tirón nos abductores sobre os 2250 metros de altitude, e decidín parar a xantar aí e non seguir. O colega que ía comigo xantou alí tamén, pero despois fixo un último intento, porque ía bastante mellor ca min. E conseguiu chegar. Díxome que case ata o cumio, que está a uns 2415 metros de altitude, había que seguir trepando. Polo tanto, unha ascensión moi dura para min, que son simplemente sendeirista, non montañeiro. Neste lugar, é cansada ata a baixada.
- Mércores: despois da tralla do martes, decidimos tomarnos o día con moita máis calma, estabamos moi cansos e doridos. Visitamos a oficina de turismo de Pola de Lena e alí déronnos varias ideas moi interesantes, que desenvolvimos este día. Pola mañá fixemos a sinxela senda fluvial que leva da Pola de Lena á igrexa prerrománica de Santa Cristina de Lena. Baixamos a xantar á Pola de novo. E pola tarde, comezamos unha das rutas máis coñecidas da zona, coñecida como o Mofusu, que sube a un monte cercano. Non a fixemos completa porque, unha vez máis, a señalización era nefasta e case inexistente a partir da ermida da Flor.
- Xoves: aínda estabamos algo tocados, así que non queríamos ningunha ruta moi esixente, pero queríamos cambiar de concello, porque só pisaramos ata o momento o concello de Lena. E decidimos ir a Riosa para facer a Ruta mineira á Esperanza. Comeza na aldea de Villamer, e unha vez máis, non conseguimos facela enteira porque a sinalización é nefasta e o único que conseguimos atopar foi grazas á nosa orientación e aos medios tecnolóxicos que usamos. Visitamos un área recreativa que está nun lugar curioso, e despois subimos ao monte a sitios onde supostamente había restos de instalacións mineiras, pero apenas atopamos algúns. Pero puidemos disfrutar dalgunha magnífica braña asturiana na aba do monte Llosoriu e dunhas boas vistas da Serra do Aramo, esa na que está o Angliru, a Gamonal e o Gamoniteiru. Despois diso baixamos a Mieres a coñecer e pasear a vila, e a visitar a oficina de turismo, onde nos deron algunha boa idea para o día seguinte.
- Venres: fixemos unha moi sinxela ruta que lembra a antiga vía de ferrocarril que visitaba á mina Baltasara. Polo tanto, ten pouca pendente, e agora está totalmente asfaltada. Na parte final puidemos ver restos do Pozo Tres Amigos, como o seu castillete. A pesar do sinxela que é a ruta, tampouco está moi ben sinalizada, porque non puidemos atopar un último punto que presentaban como algo interesante. Despois diso baixamos a xantar a Oviedo (tomamos uns pratos combinados nun curioso restaurante árabe no campus universitario) e demos un paseo pola Catedral, o Fontán e os monumentos prerrománicos da zona, algúns na cidade e outros no monte Naranco. E despois diso, emprendemos o camiño de volta a casa.

Xa vedes, semana intensita. Volvimos algo ou bastante decepcionados coa calidade da sinalización das rutas de sendeirismo, eu xuraría que antes era mellor, ou non reparáramos no deteriorada que estaba.

Saúdos.

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...