En RTVE Play está dispoñible "Lorca, morte dun poeta" en dous formatos. O máis coñecido é a miniserie de 6 capítulos (que estaban botando o outro día na televisión, por iso a lembrei). Pero o outro día descubrín que tamén a hai en formato película. Acabo de saber que esa película máis ou menos condensa os dous últimos capítulos da serie, aproximadamente o último mes de vida. Xuraría que non a vin no seu momento, cando saíu, a finais dos anos 80.
Pero algo que sempre me chamou a atención é porque escolleran a un actor inglés para facer de Federico García Lorca. Non o sei, pero sospeito que algún actor español ou hispanoamericano habería, que cun pouco de maquillaxe, puidera parecerse minimamente a Lorca como pasaba con Nickolas Grace. Acabo de saber que naquela época tiña certa fama por ter participado na serie "Retorno a Brideshead", e que ter a ese actor aí garantizou a venda da serie ás televisións inglesas e estadounidenses. Era cousas dos cartos.
"Lorca, morte dun poeta" (tanto a serie como a película) foi dirixida por Juan Antonio Bardem en 1987. Non digo que o elenco cambie demasiado, pero pode ser que na serie aparezan ao longo da vida de Lorca personaxes variados que xa non están na película, que só trata dos dous últimos capítulos. No elenco da película que vin eu podemos destacar a Nickolas Grace (obviamente), Fernando Chinarro e Margarita Lozano (pais), Diana Peñalver (a súa irmá Concha), Amparo Baró (a criada), Ángel de Andrés (Ramón Ruiz Alonso, o que o denunciou), Manuel de Benito (Luis Rosales) e José Manuel Cervino (comandante Valdés, quen mandaba en Granada).
Non é que haxa que contar moito desta historia. A película céntrase no seu último mes de vida, dende o 12 de xullo ata a morte, que foi o 18 de agosto. Chámame a atención a data, porque sei que, por exemplo, en Galicia, no 17 e 18 de agosto tamén mataron a moitos dos líderes políticos da oposición, como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal. Do cal deduzo que cando ía un mes de golpe militar decidiron que non se botaban atrás e que había que pisar o acelerador ata un punto de non retorno.
Vese como Federico marcha de Madrid, despois de facer a primeira lectura de "A casa de Bernarda Alba", porque ve que a cousa se está poñendo moi fea, e decide ir á casa familiar de Granada onde están xa todos. Agora resulta moi doado saber que a cousa ía ben en serio e que o nivel de brutalidade ao que ían chegar os golpistas era moi elevado, e todos pensaron que alí non lle pasaría nada.
Pero despois dalgunhas visitas da Garda Civil, bastante salvaxes, para buscar a outros veciños da zona por razóns non moi relevantes, xa se decataron que era mellor buscar un refuxio máis seguro. Así que decidiu ir a casa de Luis Rosales, e este e a súa familia aceptaron encantados. O máis paradoxal disto é que nesa casa todos eran falanxistas, pero adoraban a Federico, porque estivera alí moitas veces e tiña grande amizade con Luis, tamén poeta. E a ningún deles se lle ocorría pensar que Federico fora un perigo para ninguén.
Pero deu igual, alí foron buscalo, con grande disgusto e protesta da familia Rosales. A causa principal foi unha denuncia de Ramón Ruiz Alonso, ex-deputado da CEDA, que comezou a poñer todo tipo de acusacións sobre Federico. Os Rosales dicían que todas aquelas cousas eran inventos e que sería moi doado demostrar que eran falsas, pero dá a impresión de que ninguén se tomou o máis mínimo traballo de facer ese esforzo, e uns días máis tarde decidiron fusilalo, xunto a un profesor e dous banderilleiros. Polo que se ve na película e serie, o comandante Valdés, o cargo máis alto que controlaba Granada, chamou a Queipo de Llano a Sevilla, para asegurarse de que non se cargaba a ninguén demasiado importante (Lorca era un poeta coñecido mundialmente).
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario