luns, 28 de febreiro de 2022

A Terra contra os platillos voantes

Cando descubrín que coa miña nova "smart tv" podía ver películas de Youtube, vin o ceo aberto. Pero aínda non dei coa tecla correcta. Como a primeira película que vin dese xeito foi "Dune" (versión de 1984), víñenme arriba e pensei que ver películas antigas de ciencia ficción podía ser unha boa idea. Hai algunhas razonablemente boas da época, pero en xeral hai moita broza estadounidense dos anos 50, onde mesturaban churras con merinas, coa Guerra Fría e cos soviéticos. Esta da que vos vou falar aínda é tragable, parece que do mellor da época, pero aínda así, segue sendo moi perralleira.

Foi dirixida en 1956 por Fred Sears, e polo que parece, o máis reseñable tecnicamente é que os efectos especiais foron realizados por Ray Harryhausen, que era toda unha garantía na época. O elenco se cadra tivo algo de éxito no momento, pero agora está totalmente esquecido. Só vou mencionar o nome do actor principal, Hugh Marlowe, pero supoño que non vos soará de nada.

A historia é ben simple. Un científico é o xefe da operación Skyhook, que está mandando cohetes ao espacio, pero que está fracasando en todos os intentos. Iso débese a que hai uns alieníxenas que van invadir a Terra, e comezan a facelo xustamente no momento en que van facer un dos novos lanzamentos do proxecto.

Algúns dos alieníxenas, con total pinta de humanoides, baixan dos seus platillos e intentan interactuar cos humanos, con moi mal resultado. Ao final, os humanos acaban sabendo que os extraterrestres odian determinados tipos de sons e conseguen vencelos dese xeito.

A verdade é que a historia é bastante pobre e demostra a paranoia dos estadounidenses nesa época. Aínda que tamén fixeron boas películas dese xénero neses anos.

Saúdos.



Dune 1984

Como xa comentei aquí hai uns meses, están facendo agora unha versión cinematográfica de "Dune" (novela orixinal de Frank Herbert), que non están nada mal e que incluso vin en sala de cine. Suponse que este ano estrean a segunda parte. Pero tiña moitas ganas de ver enteira a primeira versión, que fixo o estraño director David Lynch a mediados dos 80. E puiden facelo dun xeito inesperado, navegando por Youtube na miña nova "smart tv".

Pois xa dixen algo da ficha, foi dirixida por David Lynch en 1984. O papel principal foi para Kyle MacLachlan, actor que tivo boa parte dos seus éxitos nos primeiros anos de carreira deste director. En canto a secundarios, está moi ben dotada, con profesionais como Francesca Annis, José Ferrer, Virginia Madsen, Sean Young, Everett McGill, Jurgen Prochnow, Patrick Stewart, Sting, Richard Jordan, Max von Sydow, Dean Stockwell ou Silvana Mangano. Nada mal. A historia vén sendo a mesma de sempre, contándoa tamén de forma moi interesante, sobre todo tendo en conta que eran os 80, e que o director era David Lynch (iso soubémolo despois, o rariño que era).

Na galaxia hai varias razas enfrontadas. Por un lado están os Harkonnen, que explotan a extración da importantísima especia no planeta Arrakis. Esa especia permite, entre outras cousas, a super-velocidade nas viaxes espaciais. No planeta Arrakis viven uns vermes xigantescos aos que hai que evitar para conseguir extraer esa especia. O planeta é arenoso e hai xigantescas dunas (supoño que de aí vén o nome da obra).

Nun determinado momento, o emperador ordea que a concesión da extración da especia, que outorga grandes ganancias a quen se dedica a ela, pase dos Harkonnen á casa Atreides. Polo que parece, ese movemento non é exactamente para favorecer aos Atreides, senón que o emperador está aliándose cos Harkonnen para poder atacalos en Arrakis e acabar con eles. O que eles non saben é que o herdeiro da Casa de Atreides, Paul, ten uns poderes que lle permitirán vencer. Para iso aliarase cos Fremen, a tribo que vive en Arrakis e que teñen os ollos azuis do seu contacto coa especia.

Saúdos.



Cara de anxo

No espazo de cine clásico de Garci en Trece botaron hai pouco unha película que non vira. Soábame o título vagamente, creo que tiña boa fama, pero pensaba que non a vira, como así foi. A película está ben, pero non penso en nada grandilocuente, como sempre pasa neste tipo de espazos coloquio, onde sempre se adornan con frases maximalistas dalgunha clasificación.

"Cara de anxo" foi dirixida por Otto Preminger (polo visto, tiña moi mal carácter e as súas rodaxes eran unha odisea para os actores) en 1953. Os dous papeis principais son para Jean Simmons (a cara de anxo é a dela, obviamente) e Robert Mitchum. Entre os secundarios principais están Mona Freeman, Herbert Marshall, Leon Ames e Barbara O'Neil,

A cousa vén sendo a seguinte. Frank Jessup traballa como enfermeiro e condutor de ambulancias. El e o seu compañeiro son chamados a unha mansión onde está a piques de morrer unha muller maior dalgo así como un escape de gas. Pero todo é moi turbio e tampouco está claro se foi un intento de suicidio, aínda que a afectada di que non, que foi un intento de asasinato. Isto resulta moi raro, porque na casa só están o marido e a súa fillastra, e non parece probable.

Frank acaba coñecendo á atractiva fillastra da señora, chamada Diane, e fanse amigos ou algo máis. Convence ao seu pai e madrastra para que contraten a Frank como chófer, aínda que non parece que teñan moita necesidade diso. A familia é moi estraña. O pai era escritor, pero xa non escribe dende que coñeceu á súa nova parella. A madrastra é rica, e todos viven dela, pero non protestan. A filla adora ao seu pai, pero non á súa madrastra, en absoluto, e convence a Frank de que o sentemento é mutuo. Aínda así, consegue o compromiso de que a madrastra axudará a Frank a montar un taller para coches deportivos, que é a súa paixón.

Dunha forma un tanto estraña, o pai e a madrastra morren nun estraño accidente de coche que se produce na casa. Hai un xuízo e non queda claro de quen puido ser a culpa, se é que foi de alguén. Todo apunta a Diane, pero se cadra non contaba con que o seu pai, ao que adoraba, estivera tamén no coche. Pouco despois, e de forma similar, provoca a súa morte e a de Frank (toma spoiler).

Mala herba.....

Saúdos.



Raíces profundas

Esta película ían botala xa un mes antes no espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite. Pero a fin de semana anterior tivo a desgraza de morrer Sidney Poirot, e decidiron proxectar de novo "Adiviña quen vén cear esta noite" (que xa botaran o ano anterior). Así que tocou esperar un pouquiño máis. Está considerado un dos mellores "westerns". A curiosidade da tradución do título ao castelán, fai que o orixinal "Shane" (nome de pía do personaxe principal) se convirta en Hispanoamérica en "Shane o descoñecido", e en España en "Raices profundas", supostamente por unha das escenas emblemáticas, que é cando Shane axuda ao pai de familia que o contrata a sacar un tocón de árbore que semellaba levar alí toda a vida.

Foi dirixida por George Stevens en 1953. O papel principal é para Alan Ladd. A familia que o acolle está representada por Van Heflin, Jean Arthur e o rapaz Brandon De Wilde (un actor infantil que prometía pero morreu moi novo). E entre os malos aos que se enfronta destacan Jack Palance e Ben Johnson.

Shane é un pistoleiro solitario que chega a un determinado lugar intentando fuxir do seu pasado. Atopa a unha familia de granxeiros e ofrécese para traballar con eles e levar unha vida tranquila. O que non sabe é que, para non variar no oeste estadounidense, esta familia é unha máis das pequenas propietarias no val que é acosada por un terrateniente que quere facerse con todo o territorio. Así que terán que defenderse e enfrontarse a eles. O que a familia non sabe é que Shane é un pistoleiro moi efectivo. Os terratenientes contratan a un pistoleiro chamado Wilson para acabar con toda a resistencia. Pero seguro que xa imaxinades quen acaba gañando ao final. Agora ben, Shane debe marchar de novo porque o seu pasado (e o seu presente) segue perseguíndoo.

Saúdos.



A lúa vai encuberta

Aos poucos, imos volvendo ao teatro. Recoñezo que son máis selectivo e cauto do que era antes da pandemia, e xa non vou a "todo", como antes, pero xa se chegará, espero. Escoiteille a algún crítico dicir que esta era a mellor obra galega da tempada. Non sei, fun a moi poucas como para comparar, pero tampouco me pareceu para tanto. Incluso me pareceu algo sectaria e sesgada ideoloxicamente, así que non o teño nada claro.

A obra está baseada nunha peza teatral de Manuel María (da que despois falaremos algo, pola súa enigmática orixe). Semella unha colaboración das compañías Incendiaria (da que forman parte Vanesa Sotelo e Davide González) e A Quinta do Cuadrante (da que forman parte Tito Asorey e Melania Cruz). A dirección é de Tito e a dramaturxia de Vanesa.

A enigmática orixe vén dos comentarios de Manuel María, dicindo que a escribira por encargo para o grupo de teatro da Asociación Cultural Auriense nos anos 70, pero que despois de comezar os ensaios, o grupo se disolvera. As persoas que se encargaron desta montaxe entrevistáronse con algunhas das persoas que formaban parte daquel grupo teatral, e ninguén deles lembraba nin ensaiar esta obra, nin que o grupo se disolvese naquel momento. Está claro que esa aura de misterio engade interese á obra.

Pareceume que basicamente a obra contaba a historia do nacionalismo galego durante o franquismo e comezo da transición, sobre todo dende o punto de vista da UPG, e ese proceso Manuel María debía coñecelo ben. Incluso hai burlas ben malvadas contra o grupo de Ramón Piñeiro, que non digo eu que non poidan ser merecidas (en maior ou menor parte), pero que amosa claramente o sectarismo dunha proposta, que pasado o tempo, se erixe como vencedora da mezquina loita entre galegusitas e nacionalistas, nunha época ben dura para todos.

Saúdos.



Plácido

Esta película xa a vin hai moitos anos, e sempre me pareceu unha obra mestra, moi típica da narrativa de Berlanga, que tivo que esquivar á censura, porque calquera, incluso con poucas luces, ve claramente que é unha crítica á beatería e á conciencia da burguesía durante o franquismo. Por certo, botárona esta vez no ciclo de cine clásico de Garci na cadea Trece.

A película foi dirixida en 1961 por José Luís García Berlanga, con Rafael Azcona liderando ao seu equipo de guionistas. O papel principal foi para Cassen (Casto Sendra, que debutaba no cine), que está moi ben secundado por xente como José Luís López Vázquez, Manuel Alexandre ou Amparo Soler Leal, aínda que, como é habitual nas películas de Berlanga, o reparto é moi coral e hai escenas na que xa se perde a conta do número de persoas que aparecen na pantalla.

Basicamente, a trama se divide en dúas. Nunha cidade de provincias, as beatas organizan unha campaña de Nadal chamada "Siente a un pobre a su mesa", que pretende limpar as conciencias dos ricos invitando a cear de forma máis ou menos digna a un pobre do seu contorno nesas datas. O principal organizador da mesma, pasa esa noite facendo recados por toda a vila, e para desprazarse necesita o motocarro de Plácido, que acaba de mercar, pero que xusto esa noite vence a súa primeira letra. Plácido intenta que lle paguen os seus servizos de transporte para poder pagar a letra, pero o organizador bótalle moita cara e vai demorando ese pago, esixindo que o leven dun sitio a outro nesa frenética noite, na que pasa absolutamente de todo. Iso si, o que sucede é absolutamente patético e mostra da sociedade española no franquismo.

Saúdos.



Keepers, o misterio do faro

Hai xa un mes ou máis botaban nunha cadea estatal, pero non das principais (creo) unha película que me chamou a atención. Estaba ambientada nun faro, que iso sempre é un elemento interesante, e falaba do misterio da desaparición de tres fareiros. Polo visto, é unha especulación libre dos guionistas sobre unha historia lendaria que corre por Escocia, xa que no ano 1900 pasou iso mesmo con tres fareiros na illa de Flannan, e aínda hoxe non se sabe que puido suceder.

A película foi dirixida en 2018 por un tal Kristoffer Nyholm, e os tres fareiros son protagonizados por dous veteranos como Peter Mullan e Gerald Butler, e un novato e descoñecido como Connor Swindells.

Pois iso, nesa remota illa escocesa parece que hai relevos de tres meses, e en cada relevo van tres fareiros. Neste relevo van os tres fareiros reseñados (a verdade é que non lembro os seus nomes en absoluto: son o veterano, o adulto e o rapaz) e comezan o seu relevo estacional.

Un dos primeiros días, cando están facendo unha revisión da pequena illa, ven un cadáver xunto a un bote de madeira e un cofre. Baixa o máis novo deles axudado dende arriba polos outros dous, para comprobar se o home está vivo, que non o parece. Esa impresión dá, pero cando se descoida, o outro esperta e intenta matar ao rapaz. É axudado dende arriba con pedras, e despois dunha pelexa, consegue matalo finalmente. Suben o cofre e descobren que ten lingotes de ouro.

Pouco tempo despois, chega un pequeno barco pesqueiro con dous homes, que semellan nórdicos ou algo así (Islandia e Feroe non están tan lonxe deste lugar, se o miras ben). Veñen buscando ao seu compañeiro, do que non saben nada. O fareiro máis veterano dilles media verdade, que efectivamente apareceu o seu cadáver nun acantilado da costa, pero que eles non viron ningún cofre. Vese que os outros dous desconfían da palabra do fareiro. Simulan que marchan pero captan perfectamente que dan a volta e que entran na illa por un sitio diferente ao porto natural. Ao pouco tempo, téñenos de novo no faro con intención de agredelos. Cústalles bastante, pero ao final acaban matándoos tamén, por defensa propia.

E a parte final da película trata da tolemia na que cae o fareiro de idade intermedia, debido ao illamento do lugar. Se digo a verdade, non lembro se acaba matando aos outros, ou como remata exactamente. Iso non debe ser bo indicio, pero así tampouco fago "spoilers".

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...