xoves, 31 de decembro de 2020

K-19

Onte vin a película "K-19 The widowmaker", coa que me cruzara varias veces. Documentándome agora sobre a mesma, acabo de ver que tivo bastante máis chicha da que parecía. Poderíamos resumila rapidamente como "paranoia soviética con submariño nuclear", pero como sempre, iso sería simplificar moito as cousas.

Foi dirixida en 2002 por Kathryn Bigelow, e os dous papeis principais foron interpretados por Harrison Ford e Liam Neeson. Todos os demais, homes na súa inmensa maioría, son secundarios que case 20 anos despois non me soa que triunfaran demasiado. Pero é que acabo de flipar bastante ao saber que ningún estudio importante quixo afrontar a rodaxe desta película, e que a productora principal foi National Geographic. Está baseada nun suceso real que agora intentaremos explicar.

A comezos dos anos 60, a Guerra Fría estaba no seu apoxeo. E o armamento nuclear non era un aspecto menor da mesma. Naquel tempo, con ameazas dos dous bandos, os soviéticos remataron o seu primeiro submariño nuclear, o K-19. E decidiron sacalo de paseo para que os americanos os viran e dar algo máis de medo, e foron de ronda polo Ártico e o Atlántico Norte.

Na película (porque na realidade non sei se sucedeu o mesmo), tamén houbo un importante problema no mando do submariño. Inicialmente o capitán era Polenin (Liam Neeson), pero todas as simulacións e simulacros que facían de accidentes e problemas no dique seco saían mal. A pesar diso, era moi respectado pola súa tripulación. Por esa razón, as ríxidas autoridades de Moscú o cesaron e puxeron ao mando ao capitán Vostrikov (Harrison Ford), que era moi duro e esixente, e do que se dubidaba da súa verdadeira capacidade e que tiña enchufe en Moscú. Obviamente, este caía moi mal entre a súa tripulación. Pero na primeira viaxe foron os dous, Polenin como segundo de Vostrikov, e xa vos podedes imaxinar a tensión que iso provocaba.

O caso é que van de paseo, van facendo simulacros nos que Vostrikov esixe cousas que os demais pensan que van dañar o submariño, e Polenin tamén o cre, pero seguen as súas instrucións, e todo vai saíndo ben. Pero nun determinado momento, prodúcese unha fuga nun dos dous reactores nucleares, comeza a subir a temperatura nel por falta de refrixeración, e se chega a unha determinada temperatura, tería lugar unha explosión nuclear superior á de Hiroshima. De feito, na realidade se lle puxo ese alcume ao submariño, o de "widowmaker" foi unha tontería propia da película nada máis.

Aos enxeñeiros e técnicos que hai na nave se lles ocorre que poden bombear a auga doce que vai nos depósitos do barco ao reactor, hai que soldar unhas tuberías e facer unhas conexións, pero é factible. A parte máis dura é para as persoas (poucas) que teñan que entrar no reactor para facer iso. Van estar expostos á radiación, e ademais moitísimo máis do que cren, porque os supostos traxes anti-radiación que levan só serven para productos químicos. Na película insinúase en varios momentos que o material é moito máis mediocre do que debería porque en Moscú están máis pendentes de celebrar festas.

Efectivamente, así o fan, pero vese que os que entran a facer esa reparación, aínda que só están 10 minutos, saen moi perxudicados. Pero conseguen o seu propósito, e a temperatura do reactor baixa considerablemente, polo menos durante algún tempo. Pero volven fallar as soldaduras, e o xefe do reactor, un rapaz da Academia sen experiencia, que non se atrevera a entrar antes, entra agora só a reparar a nova fisura e está moito máis tempo que os outros. Tamén sae, pero xa case nas últimas.

E para rematar, e por se non chegara con iso, atópanse cun destructor americano que lles ofrece axuda, por se a necesitan. Inicialmente Polenin era partidario de pedirlles axuda, e Vostrikov obviamente non. Incluso o delegado do Partido e un alto mando conseguen unhas pistolas e deteñen a Vostrikov, porque cren que xa é demasiada rixidez a deste tipo. Isto sucede cando Polenin está apagando un incendio noutra parte do submariño. Cando chega, ante a sorpresa de moitos, libera a Vostrikov, ponse ás súas ordes e manda prender aos outros dous. Nese momento, tamén para a súa sorpresa, aparece outro submariño soviético que lles bota unha man, pero incluso Vostrikov acepta a axuda dos americanos. Os soviéticos dinlle que sigan dentro do seu submariño nuclear contaminado, tomando froita fresca, pero xa pasan deles.

A película remata con eles declarando a súa inocencia en Moscú e prometendo o seu silencio. Non se soubo nada do tema ata case 30 anos máis tarde, coa caída do bloque soviético. Polo visto, tivéronse en conta as opinións dos protagonistas reais do suceso, que non estaban nada contento co guión inicial.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...