Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de agosto de 2026

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non foi dirixida por Miguelanxo Prado. A persoa encargada de coller o relevo foi o coruñés Manel Cráneo, persoa moi activa e con moita iniciativa. Como era previsible, comezou a súa dirección engadindo algunhas cousas que non se fixeran ata aquel momento.

Unha delas foi traer a autores portugueses, e máis concretamente a Chili com Carne, unha coñecida asociación portuguesa que se dedica é edición e promoción de fanzines e de publicacións underground nese país. Polo que parece, a súa sede central está en Cascais, preto de Lisboa. Entre outras cousas, puxeron un "stand" na feira" e fixeron unha exposición no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Nunca lin un cómic en portugués, pero supoñía que me resultaría factible, así que fun ao seu posto para ver que material tiñan á venda. Como a oferta era moi variada, non sabía eu por que decidirme, así que lle dixen á persoa que alí atendía unha información que podía valerlle de algo para comezar a negociación. Díxenlle que me gustaba bastante a ciencia-ficción. Cousa que é certa, pero que podería facer pensar que teño unha obsesión con ese xénero, e non é certo, pero sempre é un comezo para desencallar ese tipo de situacións.

En canto dixen iso, a súa mirada foi para "Espero chegar em breve", un pequeno cómic no que o autor Nunsky facía unha versión gráfica do relato do mesmo nome escrito en 1980 polo mítico autor Philip K. Dick, un dos máis prestixiosos dentro dese xénero. Ese volume forma parte dunha colección chamada Mesinha de Cabeceira, asociada a un fanzine do mesmo título.

A verdade é que hai non poucos relatos e novelas escritos por Dick que foron levados á gran pantalla, o máis coñecido deles é "Blade runner". Pero tamén é certo que foi moi prolífico e escribiu moitas obras, un total de 36 novelas e 121 relatos. 

Polo que parece, a saúde mental do tipo foi algo feble en bastantes momentos da súa vida. Se cadra de aí sae a temática das súas obras, moi centradas en personaxes atormentados e paranoicos, sempre dubidando de cuestións como a identidade. Por se non chegara con iso, xuraría que algunha vez lin que el opinaba que a súa mellor obra era unha titulada "Confesións dun artista de merda", que era a única que non era de ciencia-ficción. Síntoo moito, pero vendo a cantidade de obras súas que si son de ciencia-ficción e que gustan tanto a tanta xente, non lle vou facer demasiado caso.

Neste relato en cuestión, un astronauta chamado Víctor Kemmings vai crioxenizado nunha nave espacial que ten que facer unha viaxe duns dez anos. Pero nada máis saír, a intelixencia da nave dáse de conta de que el só (vai con moitos máis tripulantes, pero aos outros non lles pasa o mesmo) leva a mente consciente. Polo tanto, a nave vai extraendo recordos da súa mente para propoñerlle situacións na que el poida interactuar durante todo ese tempo, xa que na nave non hai aire nin ninguén con quen falar. Ou sexa, tremenda paranoia.

Saúdos.





A illa do tesouro (banda deseñada)

Un ano destes, na feira Viñetas dende o Atlántico, atopeime atendendo un dos postos a un ex-alumno co que me levaba moi ben. A verdade é que non lembro exactamente a quen pertencía aquel "stand", pero si sei que un dos produtos que vendía (porque me autoimpuxen a obriga de mercarlle algo) eran cómics da colección ClasiComix, ou sexa, a colección Clásicos Revisitados.

En canto vin que tiñan unha versión de "A illa do tesouro", o clásico de Robert Louis Stevenson, debuxado por un tal André Valente, que é un autor brasileiro que reside en Francia, decidinme por el. Lin a magnífica novela orixinal hai uns corenta anos e sempre me fascinou. Hai algunhas persoas que din que é a mellor novela da historia, eu non chego a tanto pero ando cerca desa opinión.

O único que vou comentar aquí desta coñecidísima historia son varios detalles que me chamaron a atención. O primeiro, cerca do comezo aparece a única figura feminina da historia, e o seu debuxo vaise "borrando" aos poucos. Nun determinado intre, o debuxante recoñece que lle doe que a única personaxe feminina da historia desaparecese por completo, cando parece que tiña bastante forza.

No tramo central, cando van chegando á illa onde supostamente se atopa o tesouro, a folla divídese verticalmente en dúas metades, e vai contando simultaneamente o que vai pasando nos dous bandos, o dos piratas e o dos "bos". Creativa e innovador solución. Por outra parte, teño a sensación de que na parte final simplificaron moito a historia, que daba algo máis de sí.

Saúdos.




O paso do noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy

Vaise achegando unha nova edición do salón de banda deseñada Viñetas dende o Atlántico, e lembrei que tiña na casa non sei cantas obras dese tipo aínda sen ler, así que puxenme con varias delas (hai que recoñecer que se len axiña).

A primeira obra que lin tiña unha pintaza. Titúlase "O paso do Noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy". O guión é do escritor Xavier Queipo e o debuxo é de Primitivo Marcos. Se non entendín mal, Xavier Queipo xa escribira uns anos antes unha novela sobre esa temática e Primitivo converteuna en novela gráfica. Foi editada por Galaxia, que non me soa que teña moita traxectoria en banda deseñada.

Para os que non o saiban, o Paso do Noroeste é un mítico paso entre os xeos do Ártico que permitiría ir do Atlántico ao Pacífico sen ter que rodear América polo sur nin cruzar pola canle de Panamá. Foi moi buscado e explorado durante séculos, sobre todo polos europeos. Polo que parece, a obra é totalmente de ficción e aproveita algúns feitos sucedidos en Europa para darlle máis lustre.

Vendo o apelido do principal protagonista, parece claro que Francia é quen leva a voz cantante. A expedición parte de Brest a finais do século XVIII. A armada francesa non quere revelar cal é o obxectivo real da expedición, así que maquíllana tamén de científica, pero iso obrígalles a contratar a un naturalista chamado Mirabeau, que terá bastante influencia en moitas peripecias da expedición, aínda que inicialmente non estaba previsto que fora así.

Paran nas Azores, despois nun porto de Terranova, e nese intre revelan cal é o seu verdadeiro obxectivo. Teoricamente íanse enfrontar a asentamentos ingleses nesa mesma ruta, pero atópanos xa abandonados, e non dan con seus inimigos en ningún momento. Os momentos de máis tensión son nalgúns enfrontamentos con esquimós.

Outra das tensións é que, cando a expedición marcha de Francia, aínda impera alí a monarquía, e o capitán Duchesnoy ten unha orixe nobre, da que presume moito. Aceptan con recelo a Mirabeau, que é claramente republicano e non o esconde.

Cando estaban na viaxe de volta polo Atlántico, o seu barco naufraga, polo que parece debido ás embestidas dun polbo ou lura xigante. Só Duchesnoy sobrevive e é recollido por un barco de pescadores vascos, que o levan a Hondarribia.

Unha vez reposto, entra en Francia e cre que a situación política é a mesma que había cando marchou, pero resulta que estalou a revolución, caeu a monarquía e os nobres coma el son pasados pola guillotina. Ao principio, el presume da súa orixe porque cre que lle abrirá portas, pero ten moita sorte e todos lle perdoan a vida porque entenden que leva anos fóra do país e que aínda non é consciente do cambio radical que tivo lugar. Acaba morrendo só na miseria e deixa como único legado a historia da súa expedición.

Saúdos.




domingo, 26 de xullo de 2026

A Coruña en acuarelas

A verdade é que non resulta moi acaída a sección de "Banda deseñada" para esta obra, pero crear unha específica para ela (que seguramente ficará soa alí) tampouco me parece gran idea. O caso é que no Culturgal do ano 2024 finalmente fíxenlle gasto no posto de Almacén de Fábulas, unha miniempresa montada por Anabel Ramudo que basicamente vende as acuarelas pintadas por Eduardo Baamonde.

Teñen cadernos de diferentes cidades e vilas de Galicia. Eu merquei a da Coruña, que ten 64 páxinas. Editárono no 2018, pero por algúns símbolos que veñen nalgunhas das acuarelas, parece que maioría foron pintadas a finais de 2017 e comezos de 2018.

Saúdos.

sábado, 18 de xullo de 2026

Engurras

O outro día conseguín que funcionara de novo na miña "smart tv" a aplicación de streaming da TVG. Non debe levarse demasiado ben co meu televisor, estivo algún tempo que non conseguía entrar de ningún xeito, e o outro día probei, e funcionaba outra vez, pero aínda segue facendo cousas algo raras. En calquera caso, aproveitei para ver unha obra á que tiña moitas ganas dende hai tempo.

"Engurras" é a versión en galego de "Arrugas", a película baseada na banda deseñada de Paco Roca. Non sei moi ben en que consiste facer unha película a partir dunha banda deseñada, pero o director foi un tal Ignacio Ferreras. A música é de Nani García e dobraxe en galego foi a cargo das mesmas persoas que a dobraxe en español, polo menos nos actores principais: Álvaro Guevara, Tacho González e Mabel Rivera.

A historia conta a chegada a unha residencia de anciáns de Miguel, un home que comeza a ter os primeiros síntomas de alzheimer. Tócalle compartir habitación con Emilio, un porteño que parece bastante simpático, que parece ser o máis sano de toda a residencia, pero que tamén ten uns comportamenos estraños como pedirlle cartos a todo o mundo, aínda que alí dentro non serven para case nada.

Pouco a pouco vanse vendo diferentes casos de usuarios do centro, e Miguel descubre que no seguinte andar están os que xa están moito máis graves, que teñen que ser atendidos para case todo. El non se decata, pero cada vez vai tendo máis síntomas de alzheimer, que el non quere ver nin asimilar. Ao final Miguel ten que subir á seguinte planta, e Miguel trasládase con el, para facerlle compañía e atendelo, porque cada vez lle fai máis falla.

A verdade é que esta historia e a realidade das residencias de anciáns resulta abrumadora.

Saúdos.



venres, 30 de agosto de 2024

Viñetas dende o Atlántico 2024

Este verán xa se celebrou a edición de 2024 do salón coruñés do cómic "Viñetas dende o Atlántico". Foi a primeira edición baixo a dirección de Manel Cráneo. A min transmitíronme boas sensacións algunhas cousas que vin nos días que estiven alí e teño entendido que gustou bastante o estilo que marcou. Así que, xa tranquilos porque se comprobou que podía superarse a marcha de Miguelanxo Prado, augúrase un futuro proveitoso para o salón.

Xa sabedes que non son eu un experto en cómic, e case ningunha das exposicións que puxeron me chamou demasiado a atención. Se queres, mira ti, se cadra a máis emotiva é a da homenaxe dos debuxantes coruñeses a Akira Toriyama, xa que ubicaron a diferentes personaxes dese autor en paisaxes galegas. Pode verse na sala de exposicións de Durán Loriga. Todas as exposicións poden verse ata finais de setembro, agás as que están no Kiosco Alfonso, que estarán ata o final das vacacións de Nadal.

Podo comentar os cómics que merquei na feira (son case as únicas compras deste tipo que fago no ano):
- "Cinza" de Manel Cráneo, versión en banda deseñada de "A nosa cinza", a famosa novela de Xavier Alcalá.
- "Espero chegar em breve" de Nunsky, unha versión en portugués dun relato breve do mítico Philip K. Dick, un dos xenios da ciencia-ficción.
- Tres volumes dunha colección de cómics sobre científicos publicada pola editorial Anillo de Sirio. O guión e debuxos son de Jordi Bayarri (que me dedicou os tres) e a cor é de Dani Seijas. Dos moitos números que teñen, eu collín tres dedicados a mulleres científicas: Marie Curie, Hipatia e Ada Lovelace.

Saúdos.



sábado, 17 de agosto de 2024

Arrepío


Estes días estase celebrando Viñetas dende o Atlántico, a fantástica feira do cómic coruñesa, dirixida por primeira vez por Manel Cráneo, que creo que está gustando por algunhas ou moitas das novas perspectivas que acolleu este ano.

A inmensa maioría do cómic que teño foi mercada aí nas sucesivas edicións, sobre todo dende hai 5 ou 6 anos, pero recoñezo que non me dou moita presa en lelos. Case todo o que merco é cómic en galego, aínda que caen outras cousas de cando en vez, como contarei axiña.

Se case todo o cómic que merco é en galego, tampouco hai tanto onde escoller: basicamente Demo Editorial (casualmente dirixida por Manel Cráneo, mira ti) e Retranca, dirixida por Kiko Da Silva, que leva xa varios anos sen vir á Coruña e cos que só coincido no Culturgal pontevedrés (casualmente a editorial está radicada alí).

Pois estiven lendo estes días unha das obras de Demo Editorial. Foi editada hai un par de anos e eu debina mercal daquela. Forma parte dunha colección chamada BDG13, que consiste en que 13 autores diferentes dan lugar a 13 breves obras que teñen un fío común. O primero volume desta colección sacárono hai anos e titulouse "Licor café". Eu xuraría que o merquei hai tempo pero agora mesmo non sei onde o teño, debinllo deixar a alguén.

O que lin estes días é o segundo volume desa colección, titulado "Arrepío". Obviamente, o tema que fai de fío conductor é o medo ou o terror, dende múltiples puntos de vista. Os trece autores convidados foron (por orde de aparición no volume): Bento Carroña, Dani Xove, Inés Vázquez, Marcos Calo, Mabel Lareo, Rubén Rial, Santy Gutiérrez, Tomás Guerrero, Álvaro López, Luis Sendón, Greta Debelius, Manel Cráneo e Javi Montes.

Como sempre pasa neste tipo de obras colectivas, unhas historias gustan máis e outras menos. Pero a min fíxome especial graza a historia de Santy Gutiérrez, que obviamente non vos vou contar.

Saúdos.

venres, 9 de agosto de 2024

O voo da curuxa


Está a piques de chegar unha edición máis de Viñetas dende o Atlántico, este ano coa novidade de Manel Cráneo na dirección do salón, tras 25 anos no cargo de Miguelanxo Prado. Un dos cómics que merquei o ano pasado, precisamente recomendado polo propio Manel, foi "O voo da curuxa", da autoría de Inacio Vilariño e Iván Suárez, que xa traballaron conxuntamente nalgunha obra anterior da editorial Demo.

A proposta inicial tiña boa pinta, pero ao final quedou bastante esvaecida. Un escritor nado en Cuba e que estivo principalmente activo no mundo hispanofalante a finais do século XIX e sobre todo no primeiro tercio do século XX, chamado Eduardo Zamacois, estivo de xira por España nos anos 20 intentando facer un documental cos principais escritores españois, entrevistándoos e nos que se visen algunhas esceas da súa vida normal. Polo que parece, ao principio pasaban bastante del, pero en canto Pérez Galdós dixo que si, de súpeto a todos lles entrou o interese. Esta obra fala da visita que lle fixo Zamacois a Emilia Pardo Bazán no seu Pazo de Meirás, uns meses antes de que morrera. Parece que de aí saíron as únicas imaxes de cine que existen da autora, pero non sei onde se pode ver ese documental.

A obra conta como son as circunstancias desa breve visita e rodaxe, e o que facía Emilia neses intres, pero a maior parte das viñetas son fragmentos de relatos da autora, que ela simula estar lendo mentres lle graban. Non está mal, pero ao final decepciona un pouco, non hai apenas chicha.

Saúdos.

sábado, 2 de marzo de 2024

As pombas de Carboeiro

Como fago moi de cando en vez (teño moitas obras deste tipo aínda por ser lidas, pero quero dosificar), hai xa máis dun mes lin un cómic titulado "As pombas de Carboeiro". Os autores son Inacio Vilariño (guión) e Iván Suárez (debuxos), e neste caso incluso poderíamos falar da música de Benxamín Otero, pero iso xa o comentarei despois, porque seguramente non sabedes que pinta a música nun cómic.

Como case sempre, a obra foi publicada por Demo Editorial, a magna empresa de Manel Cráneo. Manel ten moita querenza pola Idade Media, e non sei se esta obra foi un encargo del ou se lle chegou por outra vía, pero se foi así, seguro que namorou axiña.

A historia está ambientada en Galicia a comezos do século XIX. Un batallón do exército napoleónico chega ao mosteiro do Carboeiro (na comarca do Deza, se non estivestes alí, é unha visita moi recomendable) para establecer alí unha base, e atopan alí pechado a un monxe ao que liberan, e co que axiña fan boas migas.

Despois dunha cea cunha amigable charla, os franceses dinlle ao monxe que ao día seguinte van comer unhas pombas que aniñan no mosteiro. Pero o monxe cóntalles unha fermosa historia de amor ambientada na Idade media, cun terrible final, e que está moi vinculada (segundo as lendas) coa existencia desa colonia de pombas, polo que desaconsella totalmente que coman eses animais.

Como detalle curioso, diremos que a parte da obra que ten lugar no século XIX está pintada en escala de grises, mentres que a parte de historia ambientada na Idade Media está pintada con cores moi vivas e rechamantes. Outro detalle é que aparece en varios lugares o "tarot de Marsella", que debía ser un xogo de cartas do tarot típicas de Francia ao que parece que o exército napoleónico lle facía certo caso, pero vaia, isto último xa é unha especulación miña.

E que pinta a música en todo isto, diredes? Xunto coa obra en papel, vén un CD coa interpretación da historia con voces que narran e coa música da Banda de Música de Lalín. Na páxina web da emisora podes descargar a versión instrumental ou dramatizada con voces. Ou sexa, outra perla de Demo Editorial, das que últimamente estamos disfrutando moito.

Saúdos.



mércores, 1 de novembro de 2023

O reiciño de Galiza (banda deseñada)

Hai unhas semanas, nunha breve pausa na miña elevadísima carga de traballo, deume por ler un tamén breve cómic que merquei no último verán. Os cómics, xa de por sí, ao ter moito debuxo e pouca letra, ocupan moito menos tempo de lectura que un libro convencional, pero ademais este era curtiño, polo tanto non me ocupou máis que media hora.

O cómic titúlase "O reiciño de Galiza" e está baseado nun relato breve escrito polo francés Víctor Hugo incluído na súa magna obra "A lenda dos séculos", perfecto exemplo do romanticismo tan presente na Francia do século XIX. O guión é de Inacio Vilariño e os debuxos son de Iván Suárez. Tomaron como base a tradución desa obra feita por Henrique Harguindey Banet, e que acabo de lembrar que a teño na casa, así que intentarei lela un día destes (cando o faga, que será pronto, pouco despois veredes aquí o devandito artigo).

A historia está vagamente baseada no rei Don García de Galicia, de vida breve, que viviu a finais do século XI. Pero o autor tomouse moitas licencias. Chámalle Nuno, di que hai sete infantes que o raptan para desfacerse del e que un enigmático cabaleiro francés chamado Roldán, que forma parte da épica das súas lendas, vén a liberalo. O debuxo e a cor son moi atractivos, e o guión e diálogos tamén, porque están compostos en verso, que seguramente todos asociamos ás tramas desa época e/ou posteriores.

Por se non chegara con iso, Demo Editorial, a principal editorial de cómic en galego (xunto con Kiko da Silva en Pontevedra, co Garaxe Hermético), dirixida polo coruñés Manel Cráneo, ademais de publicar a obra, fixo un pequeno pero digno documental para anunciala, que puxeron á disposición do público na súa canle de Youtube, e que vos poño eu ao final.

Saúdos.



luns, 26 de decembro de 2022

Roxín Roxal

O evento no que máis banda deseñada merco claramente é o salón "Viñetas dende o Atlántico", que se celebra todos os meses de agosto na Coruña dende hai case un cuarto de século. De feito, ata agora era case o único, pero no último Culturgal víñenme arriba e tamén merquei bastante aí, pero diso xa falaremos máis adiante.

E como xa teño comentado, de momento, mentres non me entre máis pasión por ese medio (a palabra segue sendo demasiado importante para min), basicamente mercarei cómic galego e en galego, para ir sondeando o mercado. Se cadra algún día merco algo de cómic foráneo, pero a iso aínda non cheguei. E tristemente non hai moito onde escoller en canto a editoras de cómic en galego: Demo Editorial (con Manel Cráneo) e Retranca e Garaxe Hermético (con Kiko da Silva). O resto son cousas moi puntuais.

Pois de Demo Editorial, no último salón merquei, entre outros, a historia de "Roxín Roxal: A daga do conde", con guión de Manel Cráneo (que lle vai moito a Idade Media galega) e debuxos de Brais Fierro.

A historia está ambientada en terras do Eume. Roxín Roxal era un rapaz que servía para o conde de Andrade, e estaba namorado da súa filla Tareixa, e ela correspondíalle. Pero o conde tivo que buscarlle un partido á súa filla, e aínda que estaba moi contento con Roxín, non tiña nivel social suficiente para pretendela, así que emparellouna cun igual.

Roxín foi para o castelo da Nogueirosa (tamén dos Andrade), entre outras cousas, para non estar cerca de Tareixa, e alí ben lle lembraban a súa orixe humilde, aínda que estaban ben contentos do seu rendemento. O caso é que na comarca estaba habendo mortes moi salvaxes e estrañas, que ninguén sabía explicar, pero que estaban causadas por un xabarín moi bravo.

No lugar onde agora está a Ponte do Porco, cerca de Miño, ataca a Tareixa e ao seu novo marido, que fuxe por pernas, morrendo a rapaza. Pouco tempo despois, o xabarín aparece morto nese mesmo lugar cunha daga cravada, daga que lle regalara o conde no seu momento. Pero xa ninguén é capaz de dar con Roxín Roxal.

Saúdos.



mércores, 24 de agosto de 2022

O pacto do letargo

Como agosto é mes de banda deseñada, polo menos na Coruña (debido ao excelente salón do cómic "Viñetas dende o Atlántico"), estou facendo os "deberes" que tiña pendentes de anos anteriores. Xa no 2020 o fenomenal Miguelanxo Prado sacou a que vén sendo (creo) a súa última obra, titulada "O pacto do letargo", pero ata onte non me deu por lela. A edición é de Retranca e é fantástica.

A historia ten que ver algo coa arqueoloxía e algo coa existencia duns seres chamados os Seres Máxicos, que existían dende o comezo dos tempos, e que conviviron cos humanos nos primeiros tempos destes na Terra. Entre os Seres Máxicos había uns máis "malos" que querían exterminar á especie humana porque a consideran culpable de todos os males, e había outros "bos" que son máis partidarios de non intervir e botarlle unha man aos humanos cando estes se metan nun lío importante.

O Pacto do Letargo consiste en que os representantes dos Malos e dos Bos (e algúns outros neutrais) estarían como durmindo ata que se produciran certas circunstancias que os espertaran, e se sucedera iso, deberían valorar a nova situación para ver se teñen que intervir na marcha da historia. Unha das circunstancias ten que ver cun trisquel que estaba en mans dun vello catedrático de arqueoloxía e que estaba descubrindo cousas sobre esta estraña historia, pero ao que todos consideraban que xa ía moi maior e que chocheaba, precisamente por todo o que contaba deste tema.

Ese trisquel foi roubado por outro dos catedráticos de arqueoloxía, que levaba anos lucrándose co contrabando dese tipo de pezas, e vendeullo a un aristrócrata con aires de superioridade que pretendía asinar un pacto co Demo, e pensaba que esa prezada peza podía serlle útil. Efectivamente foille útil, pero non para contactar do Demo, senón co líder dos Seres Máxicos máis malvados, aínda que o aristócrata os confundía.

Pero tamén espertaron os Seres Máxicos bos e neutrais, e a cousa quedou en táboas, aínda que pintaba mal.

Saúdos.



martes, 16 de agosto de 2022

Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra

Aí sigo lendo cómic en galego, pero non é que me dea moita presa. Este merqueino no "stand" de Demo Editorial no Salón do Cómic Viñetas dende o Atlántico do ano 2021 (ou sexa, hai xusto un ano). Debo recoñececer que decidín lelo porque o bo colega Manel Cráneo, o xefe de Demo Editorial, me botou unha mini-bronca (máis ou menos merecida) por non telo lido aínda. Así que me puxen, que me levou só un par de horas (hai que recoñecer que o cómic consúmese axiña).

"Coraçom de terra" é un cómic que conta a densa e azarosa vida de Ricardo Carvalho Calero. Como este eminente profesor e intelectual foi, nos últimos anos da súa vida, un dos principais defensores do reintegracionismo, esta obra utiliza principalmente esta norma gráfica do galego universal.

O debuxo está bastante ben, pero é en branco e negro (a min sempre me chama máis a atención en cor, que lle imos facer). E a vida deste persoeiro deu para tanto que resulta moi ameno seguirlle a pista a través destes debuxos. Moi curioso o feito de identificar a Ricardo cunha verruga ou lunar moi grande que tiña na meixela esquerda.

Saúdos.



venres, 7 de xaneiro de 2022

O salón de té do oso malaio

A banda deseñada galega ten bastante prestixio internacional dende hai varias décadas, sobre todo dende a irrupción no mercado de Miguelanxo Prado. Pero agora ese prestixio xa está repartido entre uns cantos autores, entre os que se atopa David Rubín, que xa leva cerca de 20 anos publicando.

E de sempre, o título desta obra me fascinou. Eu non sabía que en Malasia había unha especie de osos particular de alí, pero o nome mola mazo. E que un oso malaio rexentara un salón de té xa me parecía o colmo do exotismo. Non me facía unha idea de que podía tratar ese cómic, era parte do misterio. A obra foi publicada inicialmente en castelán, como o resto da obra deste autor, e foi traducida a galego no 2019 por Demo Editorial, o totem do cómic en galego.

Nada máis comezar a obra, Sigfrido, o oso malaio, recoñece que o seu salón de té é unha tapadeira para un "consultorio psicoanímico". De feito, Sigfrido e o seu local é o nexo común a todas as historias, e é o que máis aparece, obviamente, pero a maior parte do que se ve na obra son as vivencias e historias que van contando os seus protagonistas, que son clientes do local ou pasan casualmente por alí, sen saber onde están entrando.

Por exemplo, a primeira historia é moi chula, e non moi longa. Fala dos dous clientes que están nese momento no local. Caetano era un superheroe que quedou cego na súa última batalla, contra un robot. E Gorgona é unha fermosa e seductora muller cunha grande cabeleira, que cando a mira algún home, este queda convertido en pedra, como pasaba con ese personaxe de mitoloxía grega. Pero cando presentan a Caetano e Gorgona, el, ao ser cego, non se converte en pedra, e ela namora perdidamente del. As historias (sete ou oito) son así, aínda que esta é a primeira e das máis impactantes, polo sorprendente final.

Eu de cómic non entendo case nada, pero o debuxo non me convence demasiado. É en branco e negro, e na maioría das escenas está perfectamente trazado e perfilado. Pero hai algunhas escenas nas que algunhas viñetas non as vexo nada claras e non teño demasiada idea do que representan. Seguramente é defecto meu pola pouca experiencia co medio, pero é o que hai. En calquera caso, foi unha agradable experiencia ler esta obra.

Saúdos.



martes, 31 de agosto de 2021

Aram o armenio

Inauguro con este artigo a sección de Banda Deseñada (cómic para os menos espabilados). Non son eu gran amante desta arte, aínda que non está mal, e case todo o que teño é banda deseñada en galego. Se cadra algún día dou o salto a outros idiomas, pero de momento vou tanteando o que hai en galego, arte na que non somos malos, polo visto.

E se quero ler banda deseñada en galego, aparte dalgúns autores xa consagrados que editan no noso idioma, a editorial de referencia é Demo Editorial, dirixida polo fantástico Manel Cráneo. Tamén fai un gran traballo Kiko da Silva dende Pontevedra co seu Garaxe Hermético (escola de debuxantes) e revistas como Retranca ou A Viñeta de Schrödinger.

Hai unhas semanas pasei pola caseta de Demo Editorial no salón "Viñetas dende o Atlántico", e merquei varias obras. Unha delas, que xa lle vira hai algún tempo, e que me chamou a atención, era "Aram o armenio". O guionista é o ferrolán Abel Alves, que estivo afincado durante algúns anos en Uruguai (isto ten importancia, como veremos). A debuxante é a arxentina Majox. E Lara Lee foi quen lle deu cor. Polo que se ve, isto da banda deseñada pode chegar a ser un traballo en equipo.

Polo que acabades de ler, esta obra semella ter bastante vinculación con Sudamérica, aparte de con Armenia, claro. Por que? Porque nalgúns lugares de Sudamérica, como Uruguai, hai unha numerosa colonia de armenios emigrados, que aproveitan para difundir a súa terrible historia, e a razón pola que tiveron que emigrar. Cal é esa razón? Pois incriblemente moita xente a descoñece, pero en 1915, nos estertores do Imperio Otomán (que pouco despois se ía converter en Turquía da man de Ataturk), esa xente perpetrou unha auténtica masacre sobre o pobo armenio.

Moitos países aínda non recoñecen que iso sucedeu, e Turquía tardou bastante tempo en recoñecelo, aínda que había moita xente doutros países que estaba alí e deu testemuña clara do que estaba pasando. Turquía agora só recoñece a masacre, pero non acepta chamarlle xenocidio, canto todo parece indicar que si o era, porque as testemuñas din que se exterminaba principalmente aos homes armenios polo mero feito de selo, mentres que se conservaba ás mulleres e nenos, pero parece que non con bos propósitos.

Saúdos.



Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixin...