sábado, 18 de novembro de 2023

Cube 2: Hipercubo

Na plataforma Rakuten teñen dúas películas desta saga: "Cubo" e "Cubo 2". Acabo de enterarme que posteriormente fixeron "Cubo cero", que realmente é unha precuela. Xa mirarei a ver se a teñen, aínda que xa comeza a aburrirme un pouco. En boa parte de Hispanoamérica tiveron a ocorrencia de titulala "Laberinto mortal", cando non había necesidade.

"Cubo 2: Hipercubo" é unha película canadiense do ano 2002 dirixida por un tal Andrzej Sekula. O elenco está formado por actores e actrices totalmente descoñecidos para min (supoño que canadienses), e a única persoa que me soaba vagamente é a que acaba destacando lixeiramente sobre os outros, unha actriz chamada Kari Matchett, á que coñecía dun papel moi secundario nunha serie chamada "Leverage" (en España coñecida como "As regras do xogo".

Pois nada, estamos coma sempre nesta saga. Un número de persoas, cercano a 10, atópase pechada nunha estrutura formada por habitacións cúbicas que teñen seis portas, unha en cada cara. A diferenza da primeira película da saga, onde se podía ir pasando dunha habitación a outra e, se cadra, había algunha trampa ou algo semellante, os cambios de habitación aquí poden ter consecuencias moito máis duras, como que o tempo flúa de diferente forma ou ritmo, que haxa máis ou menos gravidade,..., así que os pasos xeran moita tensión.

Como sempre, ninguén sabe por que está alí, pero cando van falando entre eles, descubren que o único punto en común é que todos teñen algo que ver, máis ou menos, cunha empresa chamada Izon, dedicada ás armas creadas con alta tecnoloxía. Van pasando diferentes cousas, algunhas das habitacións van reducíndose de tamaño, noutras aparecen "cousas" que obviamente provocan a morte, e como pasa case sempre, só se acaba salvando unha persoa (casualmente a protagonizada por esa actriz algo máis coñecida). Aparece un código numérico en moitas das salas, e ao final acaban entendendo que é unha hora concreta, e cando se chega a ela, o hipercubo destrúese e sálvase esa persoa. Que acaba declarando diante da directiva de Izon, pero é executada ao rematar a declaración, para que non sexa testemuña de ter sobrevivido á experiencia (suponse).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...