martes, 3 de xaneiro de 2023

Furia de titáns (2010)

Pois seguimos con mitoloxía grega para comezar este ano 2023. Vin que botaban "Furia de titáns", pero nunha nova versión algo diferente á de 1981, e decidín probar. Eu creo que a calidade actoral é algo máis pobre e, sobre todo, acabo de comprobar que mesturan a mitoloxía grega coa nórdica e incluso a árabe, algunhas cousas xa me parecían algo marcianas de máis.

Foi dirixida en 2010 polo francés Louis Leterrier (polo visto, nos últimos tempos xa vin unha adaptación de "Hulk" feita por el). No numeroso elenco están Sam Worthington, Liam Neeson, Ralph Fiennes, Gemma Arterton, Pete Postlewaite, Mads Mikkelsen, Nicholas Hoult e moitos máis. Por certo, o papel principal de Perseo é para Sam Worthington, que me pareceu máis ben un "pedazo de carne con ollos". Se cadra o estou xulgando mal e ten cualidades para a profesión, pero non mo pareceu en absoluto.

A ver se non me lío contando a historia. Despois da Guerra de Troia e da viaxe de Ulises (o que Homero contou tan ben na "Ilíada" e na "Odisea"), os humanos xa están un pouco cheos dos deuses do Olimpo, e deciden pasar deles, non respectalos e facer a súa vida por libre. Isto indigna principalmente a Zeus, deus da terra, pero a Poseidón, deus dos mares, non parece afectarlle demasiado, e Hades, deus do inframundo, que se considera enganado polos outros dous, decide aproveitar a situación para sacar partido.

Perseo, aínda que el non o sabe, é un semideus porque o seu pai Zeus disfrazouse (como era habitual nel) para xacer con Dánae. Acrisio, o esposo de Dánae, ao sabelo, meteu nun cofre de madeira a Dánae e a Perseo e tirounos ao mar. Dánae morreu pero Perseo foi rescatado por un pescador e a súa muller. Esa familia accidental de Perseo morre cando se desencadea a loita dos deuses contra os humanos, así que Perseo cabréase un pouco.

Hades bota unha maldición sobre a fermosa cidade de Argos, que lideraba a rebelión contra os deuses, e di que liberará o kraken (lenda nórdica), unha terrible bestia mariña, contra a cidade, se non lle entregan á fermosa Andrómeda, filla dos reis de Argos. Moitos cidadáns pensan que xa podía facer ela ese esforzo, que non lle custaba moito, e ela tampouco está moi en desacordo.

Entón reúnense Perseo e a guardia do rei de Argos para ver que hai que facer para evitar o desastre. Primeiro hai que ir visitar ás bruxas de Estixia, despois de cruzar a lagoa Estixia na barca de Caronte (teoricamente, iso faise cando un morre), para que lles digan como poden vencer ao kraken. Estas dinlle que só a cabeza de Medusa pode derrotar ao kraken. Pero a ollada de Medusa petrifica a todo o que a recibe, así que tampouco vai ser doado, pero non hai nada imposible para o noso heroe. Alá van, consegue cortarlle a cabeza a Medusa sen quedar petrificado, e lévaa nunha bolsa a Argos, onde o kraken xa está facendo das súas. Pero acaban ganando os bos, obviamente.

Por certo, indo para a lagoa Estixia, crúzanse cuns estraños e perigosísimos escorpións, que están a piques de acabar con todos eles, pero que ao final utilízanos como transporte, porque están amaestrados por uns estraños seres chamados os "djinn", que semellan robots e que, supostamente, proveñen da mitoloxía árabe. Vendo isto xa me estaba chirriando bastante a historia.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...