mércores, 6 de xaneiro de 2021

A guerra da Galia

Hai non moito tempo, chegou ás miñas mans unha versión en galego, publicada pola Editorial Laiovento, da famosa obra "A guerra da Galia", escrita polo famoso xeneral romano Xulio César. Lina estes días, hai que recoñecer que é bastante curioso.

Antes de todo, hai que saber que Xulio César era un tipo con moitas ambicións políticas, algo bastante común en Roma na súa época, e que esta obra, polo visto, era parte do mecanismo para intentar medrar na sociedade romana. De feito, crese que a foi redactando para enviar ao Senado e irse ganando adeptos. Porque hai e había xente que opinaba que esta costosísima guerra nese vasto territorio, ou non era necesaria, ou non foi tan esaxerada como el a conta.

Esta continua guerra e escaramuzas tiveron lugar entre o ano 58 e o 50 a.C., que foi cando el dirixiu esta provincia, e consta de oito libros, basicamente un por cada ano. Parece que loitaban basicamente nas estacións máis cálidas e secas, como primavera e verán, e no inverno paraban, porque era moi complicada calquera manobra militar. Os sete primeiros libros foron escritos por el mesmo e o último foi obra de Aulo Hircio. A extensión xeográfica destas guerras colle a actual Francia, Bélxica, e tamén tiveron algunha incursión na Gran Bretaña e Alemaña.

Os temas xerais dos oito libros son os seguintes:
- Libro I (58): operacións contra os helvecios e o xermano Ariovisto
- Libro II (57): campaña contra os belgas
- Libro III (56): campaña no norte, noroeste e suroeste de Francia
- Libro IV (55): primeiras incursións en Xermania e Britania
- Libro V (54): segunda incursión en Britania
- Libro VI (53): segunda incursión en Xermania
- Libro VII (52): rebelión xeral na Galia liderada por Vercinxetórix
- Libro VIII (51): liquidación dos derradeiros focos de resistencia

Pois xa digo, estivo ben como curiosidade histórica. Agora ben, como todos os textos antigos, resulta bastante repetitivo. O estilo estaría moi ben para o momento, pero agora xa cansa un pouco. Sen mencionar a posible obxectividade do texto, bastante dubidosa, obviamente. E non digamos xa o salvaxismo que denota a época, pero iso si que non se pode cambiar, eran así e punto, todos.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...