domingo, 28 de abril de 2024

O labirinto do fauno

Había tempo que tiña ganas de ver esta película, pero non foi posible ata onte pola noite. Como xa dixen en moitos máis casos, se non vin antes unha película española de hai case 20 anos, debe ser que moito esforzo non fixen, e así é, pero logreino por fin.

"O labirinto do fauno" é unha produción hispano mexicana dirixida por Guillermo del Toro no ano 2006. O máis destacado do elenco está formado por Ivana Baquero, Ariadna Gil, Sergi López, Doug Jones, Maribel Verdú e Álex Angulo.

Está ambientada nalgún lugar do norte de España no ano 1944. Un pequeno grupo de militares franquistas está intentando rematar cun dos últimos núcleos de guerrilleiros. Teñen unha base instalada, os militares, a carón dun muiño, e ao seu lado hai un estraño labirinto de pedra que semella abandonado. A ese lugar chega a muller do sanguinario capitán, acompañada da súa filla Ofelia, que ten pouco máis de dez anos. Esta muller xa estivera casada, pero o marido morreu, e ela casou de novo con este capitán, ao que Ofelia coñeceu por primeira vez nesta visita, e non lle gustou dende o primeiro momento (o certo é que o tipo non facía o máis mínimo por caer simpático nin ser querido, era un militar franquista, e punto).

En paralelo a todo isto (seguramente a ambientación podía ter sido outra totalmente diferente, e seguramente podería funcionar igual de ben) existe un mundo de fantasía no que facilmente entra Ofelia, moi dada a ler contos de fadas. Nada máis chegar, entra en contacto cun insecto do tipo mantis, que lle persegue. Na primeira noite revélase que ese insecto realmente é unha fada.

Lévaa ao labirinto, e ao cruzalo, chegan a un pozo profundo polo que baixan unhas escaleiras. Alí preséntase un fauno que di levar moito tempo esperando por ela. Dille que foi unha princesa que fuxiu da mansión dos seus pais, pero que todos esperan e desexan que algún día volva. Pero para facelo, debe demostrar unhas cualidades por medio da superación de tres probas. Vainas facendo, con máis ou menos atrancos, atopándose en lugares e con personaxes moi estraños. Non vou desvelar o final, pero direi que o mundo real ponse moi chungo pero o mundo de fantasía ponse moito mellor. Merece ser vista.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...