domingo, 20 de novembro de 2022

A volta ao mundo en oitenta días

Ando bastante liado agora mesmo, esa é a razón pola cal pasou case un mes dende que vin esta película e aínda non puiden escribir esta breve crónica sobre ela. Non a vin na televisión convencional, nin en ningunha plataforma das actuais, senón que forma parte desa colección de cine clásico que me agasallaron, e da que xa dixen algunha vez que me agrada especialmente o caderniño que trae e que explica os principais pormenores de cada película, que me parece moi interesante.

Ten toda a pinta que foi unha superprodución, na que aparecen moitos actores coñecidos facendo pequenos papeis, visitaron uns cantos países para facer máis internacional a película (coa súa temática era moi comprensible) e definitivamente foi un grande negocio cunha alta porcentaxe de éxito. É longa, dura tres horas, pero como pasan tantas cousas e en tantos lugares diferentes, transcorre nun suspiro. E recoñezo que, como viaxeiro que son, tiña ganas de ver unha película ambientada en moitos lugares e paisaxes diferentes.

Foi presentanda en 1956, dirixida por Michael Anderson e producida por Michael Todd (parece que este dato é máis relevante do habitual), baseada na novela homónima de Xulio Verne, o cal tamén é unha garantía adicional. Os catro papeis principais foron para David Niven, Cantinflas, Shirley MacLaine (no seu primeiro papel importante) e Robert Newton. A nómina de actores famosos (case todos homes) que fixeron cameo (parece que ese concepto e palabra foi un invento do produtor para esta película) foi longa, e podemos destacar, entre outros, a Buster Keaton, Charles Boyer, Fernandel, Frank Sinatra, John Gielgud, Luis Miguel Dominguín, Marlene Dietrich, Peter Lorre, Ronald Colman ou Trevor Howard.

A historia penso que é ben coñecida. Phileas Fogg, un estirado señorito victoriano, durante unha partida de cartas no seu club en Londres, aposta cos seus compañeiros de timba unha grande cantidade de cartos a que é factible dar a volta ao mundo en 80 días, sobre todo agora que os británicos xa remataron as obras do ferrocarril na India. Xusto ese día, prodúcese un atraco no Banco de Inglaterra, e o autor ten un certo parecido físico con Fogg, así que alguén sospeita que el foi o ladrón.

Comeza a viaxe cun recén contratado criado (pouco lle duraban, despedíaos por calquera fruslería) chamado Picaporte (na versión española), e comeza a perseguilos de incógnito un axente de Scotland Yard, pola sospeita do roubo no banco. Van pasando por Francia, España, o canal de Suez, India, Hong Kong, Xapón e Estados Unidos. No seu paso pola India, únese a eles a princesa Aouda, que ía ser queimada xunto ao seu marido morto, nun ritual hindú.

Finalmente chegan a Londres de novo, pero cren chegar tarde por uns poucos minutos ou horas. Ata que se decatan que non pasaron aínda 80 días, senón 79, xa que, pola traxectoria da súa viaxe, cruzaron o meridiano do Pacífico nun sentido que lles fai atrasar o reloxo 24 horas. Así que agora están sobrados de tempo, ganan a aposta, e incluso Fogg e Aouda casan ou prométense.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...