xoves, 24 de decembro de 2020

Apolo 13

En xeral, o tema espacial interésame, así que en canto tiven a posibilidade de ver esta película, fíxeno. Foi dirixida en 1995 por Ron Howard, e os actores principais foron Tom Hanks, Bill Paxton, Kevin Bacon, Gary Sinise e Ed Harris.

A historia é ben sinxela. Non moito tempo despois de que o Apolo 11 puxera a dous estadounidenses na Lúa, seguiron mandando misións similares, que tamén o conseguiron, aínda que non tiveron tanta fama como os primeiros, obviamente. Pero casualmente unha das máis famosas foi a do Apolo 13, que non o conseguiu e que deu lugar á famosa frase "Houston, temos un problema".

Polo que me pareceu entender na película, esta expedición xa foi bastante accidentada antes de saír, porque o equipo de astronautas. Primeiro ía subir un equipo de tres astronautas, pero algúns problemas de saúde detectados nalgún deles, fixo que se cambiara o equipo completo (a compenetración entre os tres era esencial, polo visto). E dous días antes de saír, descubriuse que un dos astronautas tampouco podía ir porque había un alto risco de posibilidades de que tivera sarampión durante a viaxe, cousa que ao final non sucedeu (aínda que quedou na Terra). E cambiaron a ese tripulante que non estaba tan compenetrado cos outros dous, o que provocaba algo de tensión.

O caso é que o cohete saíu, foise desprendendo das pezas, ía todo ben, e cando estaban facendo unha operación de mantemento rutinaria, produciuse unha explosión que mermou en moito as capacidades da nave. Dende ese momento xa sabían que non podían alunizar, e que o obxectivo era voltar á terra vivos, pero iso tampouco parecía doado, porque non había combustible nin aire para conseguilo.

Pero esta xente é toda listísima e conseguiron voltar, cun amplo equipo de apoio en terra, e co astronauta descartado facendo simulacións en terra para axudar aos que estaban en órbita.

Saúdos.



Os sete magníficos

Eu supoño que vin esta película clásica de 1960 algunha vez completa no pasado, pero cruzóuseme no camiño e apeteceume vela de novo, por se acaso. O director foi John Sturges e está baseada en "Os 7 samurais", e mira ti por onde, esta non a vin nunca, a ver se algún día é factible.

A historia é bastante simple. 7 homes mercenarios do salvaxe oeste americano (ou sexa, estadounidense) únense para axudar a uns granxeiros mexicanos que son roubados sistematicamente por outro pistoleiro mexicano chamado Caldera. A cousa non dá moito máis de si.

Os actores que interpretan aos "bos" pistoleiros que axudan aos granxeiros son Yul Brinner, Steve McQueen, James Coburn, Charles Bronson, Robert Vaughn, Horst Bucholtz e Brad Dexter. O malísimo Caldera é interpretado por Eli Wallach.

Pois iso. Tres dos granxeiros cruzan a fronteira e achéganse ao primeiro pobo, a ver se poden mercar armas ou contratar a algún pistoleiro que lles axude a liberarse do xugo de Caldera. Ven unhas estrañas e simpáticas escenas nas que algúns dos seus futuros salvadores resolven un conflito social e racial a tiros, e deciden falar con eles, para ver se poden axudarlles. Con máis ou menos dificultades, conseguen que 7 pistoleiros (cifra máxica) se ofrezan a axudarlles, aínda que o salario non é moi alto, que digamos.

Chegan ao lugar, teñen un enfrontamento con Caldera e os seus homes, e saen vencedores. Pero non están tranquilos, porque saben que volverán, e con moitos máis medios. Pero non fai falla, confíanse un pouco, saen unha noite para espiar aos outros, e ao mesmo tempo, os outros toman o pobo e espéranos a que volvan. Os homes de Caldera perdóanlles a vida e lévanos ata a fronteira, pero o seu orgullo está ferido, e deciden volver. Conseguen acabar cos outros, pero só sobreviven 3 dos 7, que despois seguen coa súa vida.

A verdade é que non me soaba nada ese final, pero se a vin completa, seguro que foi hai moito tempo.

Saúdos.



Ricardo Carballo Calero, Día das Letras Galegas 2020

Neste estraño ano de 2020 se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Ricardo Carballo Calero. Despois de moitos anos intentándoo moitas asociacións de base, conseguiuse, non sen certa sorna, porque ao final, resulta que todos os integrantes da Real Academia Galega querían dedicarlle ao día, cando en anos anteriores o enfrontamento por ese tema era total.
Por se non chegara con iso, chegamos ao ano en cuestión e aparece unha pandemia dun nivel que non víramos nos últimos 100 anos, o cal condicionou toda a nosa vida. E tamén a da Academia, cuxo propósito básico nesta actividade, non o debemos esquecer, é facer o seu acto institucional no día sinalado e na vila ou cidade natal da persoa homenaxeada, cos seus discursos impostados que, seguramente, non lle interesan case a ninguén máis que a eles.
E para iso tamén houbo lío. Como o autor homenaxeado naceu en Ferrol, que xunto con Lugo e Santiago foi unha das cidades ás que estivo máis unido, o acto do 17 de maio ía ser alí. Pero chegou a pandemia, e na primavera non estabamos para actos destes. Pospúxose todo para finais de outubro, cando supostamente xa íamos estar algo máis preparados para celebrar un acto coma este. Pero chegou ese momento, e xusto un par de días antes a Xunta decretou confinamento perimetral das principais cidades galegas, e houbo que pospoñer de novo o acto. Finalmente fíxose a mediados de decembro, e na Universidade de Santiago (onde el fora profesor, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega), co enfado da corporación ferrolá, que se negou a desprazarse ata Compostela.
Por se non chegara todo o anterior, claro, todas as entidades de base que solicitaran durante tanto tempo dedicarlle esta homenaxe, levaban tempo pedindo que se prolongase tamén ata o 2021, no que supostamente iremos superando a pandemia algo mellor, para que se puidera celebrar noutras instancias da sociedade. Pero claro, todo iso á Academia deulle igual, e xa decretou que o 2021 será homenaxeada a poeta Xela Arias (isto acaba de saberse hai un par de días). Unha vella reivindicación de moita xente, sobre todo colectivos feministas.
Neste ano 2020 lin un suplemento especial sobre Carballo Calero que publicou Nós Diario en maio. E tamén lin outro suplemento e un pequeno libriño que publicou A Voz de Galicia en outubro.
Polo que me pareceu entender, os primeiros anos de vida xiraron en torno a Ferrol, onde pretendía asentarse, pero a Guerra Civil fíxolle alonxarse da súa terra, e acabou na cadea en Jaén. Tiña condena de 12 anos, pero só cumpriu 2, porque os golpistas non sabían como alimentar a toda a xente que meteron na cadea.
Foi malvivindo e no ano 1950 ofrecéronlle o posto de director (aínda que oficialmente non constaba así, porque seguía sendo mal visto polo réxime) do Colexio Fingoi en Lugo, bastante vangardista para a época no seu estilo educativo. E en 1965 foi dar clase á Universidade de Santiago. Se non me engana a memoria, en 1962, e durante os últimos 8 anos da súa carreira en activo, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega. Morreu en 1990, cando tiña case 80 anos.
Déixovos un vídeo dun famoso programa da TVG dos anos 80 no que confrontaba Carballo Calero defendendo o reintegracionismo con Constantino García, asturiano que defendía o galego normativo.
Saúdos.


Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...