luns, 6 de decembro de 2021

Artificial Intelligence

Onte botaban na televisión a película "A.I." ou "Artificial Intelligence". Vina no cine no seu día, porque tiña moito interese en vela daquela, pero deixoume bastante frío. Decidín darlle unha nova oportunidade, pero a sensación volve ser a mesma, a de frialdade. Se cadra é lóxico falando de robots.

A película foi dirixida e producida en 2001 por Steven Spielberg. Pero o meu interese non viña de aí, senón porque a alongada sombra de Stanley Kubrick estaba detrás dela. Era un dos seus proxectos máis ansiados, e levaba traballando nel máis de 20 anos, contratou a varios guionistas diferentes, e non a levou a cabo antes porque consideraba que a industria dos efectos especiais aínda non estaba suficientemente avanzada para rodala, sobre todo para facer crer que un robot parecera humano. A mediados dos 90 viu algunhas películas, como "Parque Xurásico", que lle convenceron de que chegara o momento. Pero nese intre decidiu quedar como produtor e que dirixira Spielberg. Supoño que a morte de Kubrick en 1999 provocou o lanzamento da rodaxe definitiva. En canto ao elenco, suponse que os tres principais son Haley Joel Osment, Frances O'Connor, Jude Law e William Hurt.

A familia Swinton, formada por Henry e Mónica, tiveron un fillo chamado Martin, pero debido a un accidente, está en situación terminal, e non se sabe como e cando sairá dela, se é que sae. Henry traballa nunha empresa chamada Cybertronics, que está deseñando un prototipo moi avanzado de robot con capacidade para amar. Debido á situación da familia, é elixida para entregarlle o primeiro exemplo de neno robot. Deciden probar co neno robot, chamado David. A historia céntrase moito na relación entre David e Mónica, o pai apenas aparece. Ao comezo, a relación entre os dous é bastante fría, pero aos poucos, vanse caendo ben e querendo máis.

Nun determinado momento, a nai decide realizar o proceso de impronta, que é irreversible, e que provocará que o robot pase a considerarse fillo dela. En canto o realiza, o neno robot comeza a chamarlle "mamá", e ela síntese moi feliz. A cousa vai mellorando cada vez, pero de súpeto, un día, reciben a noticia de que Martin, o seu fillo natural, recuperouse e volve á casa. Efectivamente, faino, con próteses nas pernas porque non debe ter demasiada forza muscular, despois de tanto tempo en coma. O rapaz humano, o neno robot e un osiño robótico chamado Teddy forman un trío moi pavero.

Pero a Martin non parece facerlle demasiada graza a competencia do neno robot, e coa típica competitividade e ciumes humanos, provoca varias situacións nas que David non sae demasiado ben parado. A última delas é cando lle di que lle corte unha crecha do pelo a Mónica cando está durmindo. A David, a idea non lle parece ben ao comezo, pero como Martin o convence de que non é nada malo, entra coas tesouras na habitación dos pais, coa intención de cortarlle un mechón, e de feito o consegue. A nai esperta nese momento, e ao velo coas tesouras na man, pensa no peor, obviamente.

A nai decide abandoar a David e a Teddy nun bosque. Dálles uns consellos para que poidan sobrevivir, porque tampouco quere que os destrúan. A partir daí descúbrese que na sociedade (estadounidense, neste caso, coma sempre) hai unha serie de fanáticos da carne humana e que persiguen aos robots. Celebran uns espectáculos bastante patéticos chamados as "Feiras da Carne" nas que destrúen e despedazan a vellos robots que foron apresados polos bosques. Nunha delas, David e Teddy coñecen a Gigolo Joe, un androide que foi deseñado para ofrecer amor como prostituto, e que lle axuda a buscar de novo á súa nai.

Aínda que realmente o que busca David é a Fada Azul do conto de "Pinocho", que poderá convertelo nun neno de verdade, para que Mónica volva a querelo de novo. Todo isto sucede cando subiu moitos metros o nivel do mar en todo o mundo, debido ao desxeo dos casquetes polares, e Manhattan está mergullada en auga, só sobresaen os rañaceos máis altos. Alí atopa a sede de Cybertronics, e fala co creador do seu prototipo, que intentou deseñalo moi parecido ao fillo que perdera. E cun helicóptero submariño atopa unha estatua da Fada Azul nun parque que ten unha atracción sobre Pinocho. Queda alí pregándolle o seu desexo durante 2.000 anos, xa que chega unha nova glaciación.

Dous milenios despois, sácano de alí uns extraterrestres que chegaron ao planeta, e intentan saber que desexos ten. El exprésaos pero din que non poden facer nada sen unha mostra física desa persoa, para reconstruír o seu ADN. E Teddy saca o mechón do pelo de Mónica, pois foi el quen o gardou. Con iso, poden facer revivir a Mónica durante un día, pero será o último, non pode repetirse o proceso. Fano e David e Mónica son moi felices durante o seu último día xuntos.

Pois iso, a película está moi ben pero déixame bastante frío. A filosofía que subxace a historia paréceme tremendamente pretenciosa. Promete moito, pero ao final quédase en moito menos. Hai unhas cantas cousas que me chirrían. Por exemplo, que esa suposta capacidade de amar sexa basicamente do fillo robot á nai, non a ninguén máis. O personaxe de Gigolo Joe, protagonizado por Jude Law, paréceme bastante insustancial e dáselle bastante protagonismo pero aparentemente para nada. Tamén lin por aí como tería sido o final da película se o director fose Kubrick e non Spielberg. Efectivamente, co almibarado que é sempre Spielberg, calquera sabe como tería sido. Ao fin e ao cabo, semellan dous directores bastante diferentes.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...