martes, 6 de xullo de 2021

Tabeirón

Tiña claro que xa vira esta película completa, pero parece que hai tempo que sucedeu. Hai case 15 anos que teño este blog e non atopo ningunha reseña desta película, pero si da segunda parte. E como é bastante raro que esqueza comentar as películas que vexo, pois será que a vin antes desa data.

A película foi dirixida en 1975 por Steven Spielberg. O trío protagonista correu a cargo de Roy Scheider, Robert Shaw e Richard Dreyfuss. Acabo de ler que estes tres actores non eran moi coñecidos naquel momento, e que preferiron non contratar estrelas para que a estrela máxima da película fora o tabeirón, e para que o público tivera claro que iso podía pasarlle a calquera. Efectivamente, os tres actores non eran demasiado coñecidos. O máis maior era Shaw, que se cadra podía facerse unha cara coñecida debido a algunha película de James Bond e a "El golpe", na que era o mafioso estafado por Newman e Redford. Os outros dous eran menos coñecidos aínda. Tamén lin que tiveron problemas técnicos cos tabeiróns mecánicos que deseñaron (ata 3) e que por iso non se lles ve demasiado, especialmente ao comezo da película (na parte final xa se lle ve bastante). Pero iso tamén fai máis tenebrosa a película, coa música de John Williams. Igual que en "Alien, o oitavo pasaxeiro" case non se ve o alieníxena ata a metade da película, ao comezo só se intúe.

Supoño que non hai moito que contar. Nunha illa da costa leste de Estados Unidos (na película chámanlle Amity, na realidade é Martha's Vineyard) que vive do turismo veraniego, danse varios casos de posibles ataques de tabeiróns. Pero as autoridades queren tapalos e dicir que foron accidentes con barcos, aínda que hai algunhas evidencias de que non é así. Cando a cousa se pon fea, saen de cacería moitos dos pescadores locais, e conseguen captura un tabeirón tigre de grande tamaño, e quedan moi satisfeitos, pero hai quen opina que o tabeirón que está atacando é moito máis grande ca ese.

Finalmente fórmase unha expedición para capturar o grande escualo. Está formada polo xefe da policía (Scheider), un xoven científico (Dreyfuss) e un vello lobo de mar (Shaw). Teñen caracteres moi distintos e nas primeiras horas e días cústalles entenderse entre sí, pero vanse facendo amigos. Van no barco "Orca", que é do mariñeiro, e que supostamente está adaptado para ese tipo de expedicións. Van atopándose co tabeirón, e descubren que é un tabeirón branco de 8 metros e 3 toneladas de peso, e que é moi intelixente. Consegue devorar ao vello mariñeiro, e está a piques de facelo cos outros dous, pero ao final conseguen matalo porque conseguen meterlle na boca unha bombona de osíxeno e dispáranlle para facela estoupar.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...