Amosando publicacións coa etiqueta Maxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maxia. Amosar todas as publicacións

domingo, 4 de xaneiro de 2026

Reinventio

Onte fun ver o espectáculo "Reinventio". Acabo de enterarme que hai tres anos estivo de xira outro espectáculo parecido chamado "Inventio", así que este debe ser unha nova versión daquel, supoño (do outro non oíra falar, aparte de que o 2022 non era moi bo ano para facer espectáculos pola pandemia). É unha mestura de varias artes escénicas, cun moito de maxia, algo de circo acrobático e un pouco de danza contemporánea.

O importante, para min, é que é un espectáculo de orixe galega. Todos os rótulos como todo o que se di (gravado ou polo condutor-presentador) é en galego, e interactúan en galego co público, así que iso xa me parece un grande avance.

Os creadores da parte da maxia son os magos galegos Fani Triana e Martín Varela (este último é o presentador e condutor principal do evento), pero tamén actúan malabaristas variados, entre elas unha parella ucraniana que fan sobre todos números sobre bicicletas ou patíns. Tamén actúa un pequeno grupo de danza contemporánea no que, polo que parece, case todos son da Coruña.

Non está mal, ten un nivel interesante e vin trucos parecidos aos que vin unha semana antes no IX Galicia Magic Fest, así que penso que non desentona demasiado.

Saúdos.



luns, 29 de decembro de 2025

IX Galicia Magic Fest

Onte asistimos a unha edición máis do Galicia Magic Fest, organizada polo mago pontevedrés Pedro Volta. Comparando as actuacións que estaban previstas e as que finalmente houbo, había varias diferenzas:
- Finalmente non viñeron os neerlandeses Magus Utopia (que son un feixe de xente)
- No seu lugar veu o alemán Julius Frack e o surcoreano Sang Soon Kim

As actuacións foron as seguintes:
- Juliana Chen, chinesa-canadiana, que fixo primeiro un truco con máscaras e cartas que aparecían por todas partes, e despois outro con aneis metálicos que entraban uns dentro doutros.


- Stuart MacDonald, estadounidense, que fixo unha historia sobre un libro de maxia, e sobre todo facía aparecer unha variña máxica e as súas gafas vermellas en todas partes, e despois duplicaba cousas cun espello.



- Julius Frack, alemán, que sobre todo facía aparecer prendas de roupa a partir de calquera cousa.



- Sang Soon Kim, surcoreano, que fixo trucos coas cores e tallas de zapatillas deportivas.



- Mirko Callaci, arxentino, que fixo trucos de base física cun aro e un vaso cheo de auga, noutro fixo de ventrílocuo (é máis de humor que de maxia), e outro con pompas de xabrón que se convertían en pelotas de cores e materiais diferentes.



- Pedro Volta, co seu muestrario habitual de adiviñacións e teletransportacións variadas.


Saúdos.

luns, 6 de xaneiro de 2025

VIII Edición do Galicia Magic Fest

A maxia non me desagrada, en absoluto, pero tampouco poño moito interese en ir a actuacións de magos ou magas. Pero si que collín certo hábito en ir a cada unha das edicións navideñas do Galicia Magic Fest, que o mago pontevedrés trae de xira pola súa terra todos os anos. Xa vai pola oitava edición.

O deseño do espectáculo é o habitual. Cada un dos convidados fai o seu truco estrela (algúns saen dúas veces, outros non), e no intermedio entre números, cando supoño que están preparando de novo o escenario, Pedro Volta sae para escenificar algún dos seus números. Non sabería dicir por que, pero este ano pareceume que o espectáculo era algo máis frouxo que noutras ocasións, pero en calquera caso, pasouse un rato moi agradable.

Os convidados deste ano foron:
- Un sueco chamado Hakan Berg, algo cómico, que facía números con paxaros (pero mecánicos, non de verdade) e cousas que el facía voar.
- O estadounidense Trigg Watson, que fai trucos de interacción con redes sociais nun móbil, sacando e metendo obxectos en vídeos que se están vendo en directo.
- Lea Kyle, unha francesa que practica o "quickchange", que consiste en cambiar de traxe a toda velocidade en poucos minutos.
- Anca e Luca son unha parella, ela rumana e el austríaco, na que ela é mentalista e el simplemente un "azafato". Ela, cos ollos tapados, vai adiviñando cousas que pensan ou escriben uns convidados que saen ao escenario.
- Por último, Hun Lee é un coreano que fai trucos con cartas e incluso mazos completos na súa caixa.

Aquí abaixo tedes algún video de cada un deles.

Saúdos.







mércores, 3 de xaneiro de 2024

Galicia Magic Fest (VII Edición)

Onte asistimos a unha edición máis de Galicia Magic Fest, organizada polo mago galego Pedro Volta, e que trae todos os anos (supoño que pararon na época da pandemia), na época do Nadal, ás principais cidades e vilas de Galicia un espectáculo con varios dos mellores magos do Estado e do planeta. Resulta moi amena e variada, uns gustan máis e outros menos a cada persoa, pero normalmente resulta agradable de ver. Normalmente Pedro Volta actúa entre as actuacións dos demais. Nesta edición puidemos ver o seguinte:
  • Jun Woo Park, de Corea do Sur, facía un moi vistoso truco de cartas que manipulaban a música que oíamos no auditorio.


  • Jessica Guloomal, das Illas Canarias, presentou un curioso truco no que era capaz de avanzar por unha liña de tiza e esquivar bolsas que tiñan cristais rotos cos ollos pechados. Polo que se ve no seguinte video, o de andar por enriba de cristais rotos xa o ten moi adestrado.


  • Mikael Szanyiel, de Francia, que facía unha breve actuación, máis divertida que máxica, na que semellaba cantante de ópera e director de orquestra, e na que algúns elementos da escena, como os micros e as partituras, parecían cobrar vida propia.


  • Eric Chien, de China, semella que agora mesmo é o mago máis sorprendente do mundo. O seu número coas cartas que cambian de cor resulta bastante incrible.


  • Mag Marín, de Cataluña, con divertidos e variados trucos


  • E haberá que rematar con Pedro Volta, facendo un truco en galego nun asteleiro.


Saúdos.

mércores, 22 de decembro de 2021

XII Lúas de Outono: Un trebón de maxia

Acabo de inaugurar a sección de Maxia neste blog. Este leva aberto algo máis dun ano, no anterior xa debía haber algo, pero non o tiña estruturado por seccións, creo. Tamén é lóxico, porque é un tipo de espectáculo ao que vou pouco, pero tamén é certo que non vexo moita oferta na cidade.

Con algo de retraso, porque sempre se celebraba en setembro, coincidindo coa data da morte de Manuel María, pero volveu celebrarse o evento cultural que o lembra: as Lúas de Outono. E aínda menos mal, porque no 2020 nin sequera houbo.

Todos os anos o centran nun sector ou actividade cultural, e eu xuraría que nunha edición anterior xa houbo algo de maxia. Si, na edición de 2013 houbo unha breve actuación de Martín Camiña, pero non era un monográfico sobre maxia, como nesta edición. Nesta ocasión disfrutamos do célebre Mago Antón, e dun novo valor, David Méndez, que naceu en Outeiro de Rei, a poucos metros da casa de Manuel, que agora é a súa Casa-Museo.

Como sempre, a maxia non decepciona, houbo trucos máis sorprendentes, outros menos, un que fixemos todos cuns papeis que nos deron na entrada, que coido que xa entendín como o fixemos.

Saúdos.



Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixin...