sábado, 3 de xuño de 2023

Jethro Tull

Foi a terceira vez que vin a Jethro Tull en directo. A primeira vez foi no Multiusos do Sar en Compostela, debía ser no ano 97 ou 98. Eu, que non son nada dado a moverme a outra cidade para un concerto, nin de ir a festivais, nin nada diso, fixen ese esforzo, nun día de semana (era mércores ou xoves), porque pensei que ía ser a única vez na miña vida que podería velos (tamén tiña 25 anos menos que agora, que tamén inflúe). Pero mira ti por onde, un par de anos máis tarde viñeron á Coruña para tocar no Pazo da Ópera, casualmente o grande recinto que queda máis cerca da miña casa, a uns 15 minutos de paseo. E inesperadamente (porque pensei que xa non estaban en activo), neste 2023 volveron ao Pazo da Ópera. Coincidía con eleccións municipais, e non merquei a entrada ata que me asegurei de que non me tocaba estar en ningunha mesa electoral.

No vídeo que vai acompañar a este texto, que recolle un par de minutos da única canción que tocan nos bises, e coa que pechan os concertos, a célebre "Locomotive breath", e que foi gravado neste último concerto na Coruña, vese que a súa montaxe non é nada esaxerada. Unha pantalla xigante de vídeo detrás do grupo. Nela veíanse imaxes continuamente, e nalgunhas cancións (non sei por que non en todas, xa que semella que non improvisan nada e saben perfectamente o que van tocar) poñían o título da canción que estaba soando. Casualmente, puxérono sempre en cancións bastante antigas e máis ou menos coñecidas. Seguramente faría máis falta nalgunhas cancións que tocaron polo medio, que me resultaron descoñecidas. Supoño que serían dos discos dos anos 90 e comezo deste século, que son os que menos escoitei. As cancións dos dous últimos discos publicados recentemente si as coñecía ben, porque estiven facendo escoita activa nas últimas semanas. Como vedes, varias torres metálicas con focos xiratorios e pouco máis. Para o espazo de escenario que tiñan dispoñible, o grupo ocupaba unha pequena parte, e o resto do espazo libre era para que Ian Anderson se movera a gusto tocando a frauta.

Reseñable é a lista de cancións que interpretan, que me desconcertou bastante. Dos grandísimos éxitos que teñen ao longo de case 55 anos de traxectoria, só tocan "Aqualung" (nunha versión algo ou bastante diferente da orixinal) e "Locomotive breath". Non tocaron nada de "Thick as a brick", nin dos discos centrais dos 70 como "Songs from the wood". Si tocaron unhas cantas cancións dos primeiros discos, como por exemplo "Sweet dreams" ou "Nothing is easy", coa que abriron o concerto. Tocaron un par de cancións de finais dos 70, pero non necesariamente as máis famosas. E dos dous últimos discos (que tampouco están mal, pero obviamente non chegan ao nivel precedente) tocaron tres cancións do que sacaron xusto agora, e unha do que sacaron o ano pasado (todos temíamos que quixeran facer promocións deles, pero pareceume que estaban máis interesados en vender coloridas camisetas a 30 euros, máis que en vender discos, que non vin ningún posto dedicado a iso).

Agora podemos falar do grupo, ou sexa, de Ian Anderson e dos que lle acompañan. Ian Anderson segue en bastante boa forma, xa con 75 anos. Pero chamoume a atención que xa non toca a guitarra acústica, só canta e toca a frauta. Supoño que por iso fixeron unha versión tan rara de "Aqualung", que case comezaba con el tocan a guitarra acústica (na web do grupo di que tamén toca guitarra, bouzouki e mandolina, pero o outro día non o fixo en absoluto, debeu ser na súa traxectoria). Na guitarra, substituíndo ao mítico Martin Barre, estaba Joe Parrish, un rapaz bastante novo, parece. Martin Barre era un bo guitarrista pero non me parece que tivera ningún rasgo moi particular na súa forma de tocar, así que substituilo tampouco debe ser tan complicado. No baixo estaba David Goodier, que tamén o fixo ben, este grupo tivo moita xente diferente tocando o baixo. Na batería estaba Scott Hammond, que tamén o fixo ben. Eu xuraría que os baterías dos primeiros tempos tiñan unha batería máis dotada de medios que a que usou el, que parecía bastante simple. E os teclados, sempre moi importantes neste grupo, foron para John O'Hara, que tamén o fixo moi ben. Deume a impresión de que só tiña dous teclados, xuraría que antes este grupo usaba máis, pero tampouco podo aseguralo (na web do grupo di que tamén toca o acordeón, pero xuraría que o outro día non o fixo).

Como conclusión, diremos que o concerto estivo bastante ben, pero se cadra eu esperaba algo máis. Non sei se hai razóns técnicas ou doutro tipo, pero tocaron moitas cancións de nivel medio do seu repertorio (teñen unha traxectoria tan longa que teñen moitísimas onde escoller) e non tocaron moitas do seu nivel máis alto. En calquera caso, un concerto simplemente bo de Jethro Tull é, para min, actualmente, dos mellores espectáculos musicais que podo ver. Tede en conta que é o único dos meus grupos favoritos dos 70 (por denominalos dalgún xeito) aos que puiden ver varias veces en momentos de certa plenitude (refírome máis ben aos dous concertos anteriores, arredor do ano 2000). Ao fin e ao cabo, Jethro Tull é o proxecto musical de Ian Anderson (paradoxalmente tamén saca algúns discos en solitario, non vexo a razón) pero tivo algúns compañeiros ilustres aos que aínda cheguei a ver hai vintepico anos. Así que, se volven, alí estarei, pero supoño que o seu final está cada vez máis cerca. Quedan as súas 200 cancións (non botei a conta, pero deben estar por aí) para alegrarnos a vida.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...