luns, 8 de agosto de 2022

Unha lección esquecida. Viaxes pola historia de Europa

Sigamos con coleccións de libros nas que estou avanzando. Como xa mencionei nalgunha ocasión nos últimos tempos, no verán de 2020 a Voz de Galicia sacou unha colección de 8 libros de historia de autores variados: 3 eran sobre a historia de Galicia, 3 sobre a de España e 2 sobre a de Europa. Nesta ocasión tocoulle á Historia de Europa, nun volume dobre asinado polo xornalista Guillermo Altares e co mesmo título que o deste artigo.

Foi corresponsal e fixo viaxes a moitos países, moitos deles europeos, parece que principalmente para El País. O libro ten unha certa estrutura cronolóxica, pero non é nada exhaustivo, senón que vai facendo capítulos sobre aspectos relevantes da historia do continente ou dunha zona considerablemente grande. O índice de capítulos trata dos seguintes temas:

- Cavernas con pinturas prehistóricas
- Otzi, un home sapiens morto nos Alpes
- A Guerra de Troia
- Imperio Romano no seu momento de apoxeo
- Desaparición do Imperio Romano
- Cruzada contra os cátaros
- Exterminio e persecución dos xudeus ao longo dos séculos
- O Renacemento centrado en Caravaggio
- O terremoto de Lisboa
- Colonia correcional británica en Australia
- París, a cidade das revolucións, sobre todo no século XIX
- Sherlock Holmes
- A batalla do Somme na I Guerra Mundial
- O cerco de Madrid na Guerra Civil Española
- A represión estalinista
- O asedio de Berlín na II Guerra Mundial
- A destrución de Bucarest a cargo do matrimonio Ceaucescu
- O asasinato de Olof Palme
- O asasinato de Theo Van Gogh en Amsterdam
- A guerra de Kosovo

Esta lectura resulta moi estimulante e o autor demostra moita erudición e ter viaxado e coñecido moitas realidades diferentes, e suxire centos de temas, lugares e personaxes moi interesantes.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...