mércores, 3 de agosto de 2022

Vermello e negro

Hai xa bastante tempo lin unhas cantas novelas do século XIX, españolas, francesas e rusas, e comprendín perfectamente a que se refería a expresión "grandes novelistas". Pero había xa tempo que non o facía. E xurdiu a posibilidade de ler a versión en galego de "Vermello e negro" de Stendhal, e animeime.

De Stendhal non lera nunca nada, aínda que tiña fama de ser un dos mellores novelistas franceses. Das súas novelas, "Vermello e negro" semella ser unha das novelas máis exitosas. Por certo, o título fai referencias ás cores habituais nas indumentarias dos militares e dos clérigos, porque dalgo diso trata a obra.

Basicamente, a novela trata dos catro ou cinco últimos anos de vida do xoven Xulián Sorel. Un provinciano do Franco Condado, a rexión francesa fronteiriza con Suiza, fillo dun serrador, que quere estudar nunha familia na que non se lle dá ningunha importancia a ese feito, polo que se sente desprezado.

Na vila na que vive, a ficticia Verrieres, está de alcalde un tipo, monsieur de Renal, mediocre como todos os seus veciños, que aspira a ser envexado e a intentar chegar a parlamentario ou ter influencia na corte real. Ao descubrir casualmente que o fillo daquel serrador ten estudios, pensa na posibilidade de contratalo como preceptor para os seus fillos, tamén pensando en adiantarse ao seu grande rival na vila, monsieur Valenod.

Pero resulta que ademais de saber o Antigo e o Novo Testamento en latín de memoria, ten un certo atractivo físico, e iso fai que todo o mundo o admire. E as mulleres máis venerables da sociedade namoral del sen remedio. En Verrieres, namora del perdidamente madame de Renal, a muller do alcalde.

Por se non chegara con iso, a personalidade de Xulián Sorel é tremendamente complexa. É moi ambicioso e quere ser rico e formar parte da alta sociedade, á que ao mesmo tempo despreza totalmente. Válelle tanto un posto no alto clero coma no exército. E como parece que ten moito encanto coas mulleres, válese dese medio para medrar. Despois dun estraño equívoco en Verrieres facilmente evitable que fai que case todo o mundo comece a saber da relación do preceptor coa muller do alcalde, acordan levalo ao Seminario en Besançon, a capital da rexión.

Nada máis chegar alí, non cae nada ben, pero ao pouco tempo, xa todos o admiran e o abade que dirixe o Seminario consegue chegar a un acordo cun importante personaxe de París, para que Xulián pase a ser o seu secretario persoal, o cal lle abrirá moitas portas. Este importante personaxe é o Marqués de La Mole, e ademais de traballar, tamén vive na súa impoñente casa.

Dese xeito, comeza a alternar co máis granado da sociedade parisina, comezando pola marquesa, e polos dous fillos do matrimonio, Norberto e Matilde. Matilde está considerada unha das rapazas novas máis adorables do país e moitos homes novos de alta alcurnia aspiran a casar con ela. Pero mira ti por onde, quen consegue namorala é Xulián, e nalgún dos seus encontros furtivos, déixaa embarazada.

Cando o marqués coñece esta noticia, totalmente indignado, intenta resolvelo de varias formas. Dálle un alto cargo no exército, está disposto a cederlle unha renda para que se vaian lonxe e coiden ao seu fillo, pero non acepta baixo ningún concepto que se casen. E para confirmar todo isto, nese mesmo intre madame de Renal escríbelle unha carta dicindo que Xulián só se move pola ambición pero que nunca sente amor.

Xulián fuxe e volve a Verrieres, e ataca a madame de Renal nunha misa pegándolle dous tiros, e crendo que a matou. Despois déixase apresar para que o metan na cadea, o xulguen e o condenen a morte. Resulta que na prisión recibe visitas de Madame de Renal, que segue namorada del e que xa o perdoou, porque finalmente só tivo unhas feridas leves. Pero tamén recibe visitas de Matilde. Pero en xeral, agás algún momento de fraqueza, está decidido a morrer e cre que é o seu xusto final, incluso cando sabe que madame de Renal non morreu polos seus disparos. Finalmente é guillotinado.

Pois a min non me pareceu tanta cousa. Supostamente ten algo de novela realista (está baseada en varios casos parecidos), tamén de novela psicolóxica (en moitos momentos están analizando o comportamento interno de Xulián), pero a min pareceume máis unha novela romántica, e non me gustan demasiado. Lembroume en parte a "Cumios treboentos", que algúns colegas meus aos que lles creo bastante criterio literario louvaron sen recato, e cando eu a lin pareceume un mero folletín. Pois iso, esta "grande obra" a min non me chamou demasiado a atención.

Por certo, esquecín dicir que este volume foi o primeiro que lin doutra colección que sacou A Voz de Galicia a comezos deste milenio. Neste caso era sobre clásicos universais traducidos ao galego (non son experto no tema, pero nalgún momento a tradución non me pareceu demasiado boa). Merquei uns 20-25 exemplares desa colección, que estaban agochadiños na miña biblioteca, pero acabo de inaugurala.

Saúdos.





Ons

Tiña certas ganas de ver a película "Ons", creo que a última que fixo (de momento) o director Alfonso Zarauza. Aínda que tamén me temía que podía ser lenta e intimista, e ese tipo de historias non sempre me cautiva.

Foi dirixida en 2020 por Alfonso Zarauza e o máis destacado do reparto é Melania Cruz, Antonio Durán, Xulio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado.

Mariña e Vicente forman un matrimonio que vive en Barcelona e que vai pasar unha tempada á illa de Ons. No faro da illa vive o irmán de Mariña, coa súa muller e filla. Vicente é un médico xa algo maior, que hai algún tempo tivo un accidente de coche, no que morreu unha amiga que ía con el. Van á illa coa intención de que el supere a profunda depresión na que está sumido. Mariña é tradutora e está traballando nun libro, así que pode facelo alí sen demasiados problemas.

Pero a estancia na illa non resulta tan proveitosa como lles gustaría. Vicente si, porque vai recuperando o ánimo, pero precisamente a Mariña pásalle o contrario, porque comeza a ter ciumes de Vicente. Vicente lévase bastante ben coa súa cuñada, comeza a ter curiosos malentendidos cunha rapaza da illa que semella algo fresca, cunha estranxeira náufraga que aparece unha mañá nunha praia despois dun temporal, Mariña pregúntalle que facía a súa amiga común no coche no que tivo o accidente e el non é capaz de respostar.

Ademais, na illa está claro que tamén pasan outras cousas estrañas. Ao final parece adiviñarse que o fareiro irmán de Mariña coñecía dalgo á náufraga, que pouco despois aborta axudada por Vicente, que é médico, como xa dixemos. Tamén anda por alí outro mariñeiro que non semella xogar moi limpo, en definitiva, na illa de Ons non todo é o que parece.

En xeral, fíxoseme lenta e longa. A película non chega nin a hora e media de duración, pero pasan poucas cousas e a súa lentitude non me resultou demasiado atractiva. Como tamén lin nalgunha crítica, non resulta demasiado crible o matrimonio entre Mariña e Vicente, cunha grande diferenza de idade. Os dous actores principais son fantásticos, pero Morris se cadra está demasiado inexpresivo.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...