sábado, 16 de decembro de 2023

O campión

Hai pouco botaban no espazo de cine clásico da 2 unha película da que non oíra falar. Como lle teño certa lei a ese espazo, fixen o esforzo, aínda que as referencias non me animaban demasiado. Efectivamente, non me equivocaba demasiado, a combinación tan estadounidense de cabalos e boxeo non me encandilou, precisamente.

Foi dirixida en 1979 por Franco Zeffirelli (a súa primeira película en Estados Unidos, creo), e foi interpretada nos principais papeis por Jon Voight, Ricky Schroeder e Faye Dunaway.

A historia resulta bastante patética, polo menos para min. Bill Flynn é un ex-boxeador, algo alcoholizado e ludópata (como vedes, o mellor de cada casa), que ten un fillo pequeno que o idolatra, chamado TJ. A nai do neno abandonounos cando o neno era pequeno, para vivir unha vida de máis luxo (ou sexa, outra xoia).

O pai e o neno van malvivindo co coidado dos cabalos no entorno dun hipódromo, pero a ilusión do pai é volver ao boxeo, a pesar de que na última pelexa quedou moi tocado, pero iso é algo que só ven os demais, el non.

Despois dunha serie de avatares desafortunados, derivados principalmente da súa ludopatía, decide volver a boxear, aínda que lle aconsellan que non o faga. Nese intre a súa nai tamén aparece por casualidade, e volve ter algo de contacto co neno, cando este pensaban que a súa nai morrera, porque foi o que lle dixeron sempre.

Prepárase para a pelexa, que resulta moi dura e disputada, e acaba ganando. Pero polos moitos golpes recibidos nesa pelexa, e nas anteriores de hai tempo, acaba morrendo no vestiario despois de gañar (sinto o spoiler), na que moita xente di que é a escena máis triste da historia do cine.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...