sábado, 22 de xuño de 2024

O espírito da colmea

Non contaba eu con iso, pero hai uns días, recibín unha amable invitación para ver no Teatro Colón da Coruña a película "O espírito da colmea". Vinna xa unhas cantas veces, e dende a primeira, considero que é unha das mellores (senón a mellor, a secas) película española da historia, así que aceptei a invitación. Como curiosidade, direi que o título da película e os textos sobre abellas que se escoitan na voz dun dos actores principais están sacadas do libro "A vida das abellas" de Maurice Maeterlinck.

"O espírito da colmea" foi dirixida en 1973 por Víctor Erice (a súa primeira película, e só dirixiu catro en solitario) e o elenco está capitaneado polos catro personaxes principais que forman a familia: Fernando Fernán Gómez, Teresa Gimpera, Ana Torrent e Isabel Tellería. Hai uns cantos secundarios, pero o seu papel é tan residual que non creo que pague a pena mencionalos.

A mediados dos anos 40 chega ao pobo segoviano de Hoyuelos (que aínda agora se mantén como aparece na película, acabo de velo en Google Maps) o cine, coa proxección da primeira versión de cine mudo sobre "Frankenstein". Toda a xente da aldea vai á proxección, que causa unha especial impresión en Ana, a filla pequena da familia. Isabel, a irmá maior, que é moi xoguetona, dille que o monstro é amigo dela e que pode convocalo se tamén se fai a súa amiga, e isto trastoca a mente da pequena.

Tamén van de visita a unha pequena construción abandonada que está cerca da súa casa, e alí Isabel insinúalle que pode atoparse co monstro. Ana colle moito valor e vai alí de visita de cando en vez, e nunha delas, atopa a un maquis fuxido, que pouco despois é asasinado alí mesmo polas "forzas da orde". Atópanlle obxectos do pai e este sospeita como puideron chegar ata alí. Unha noite, Ana sae da casa para atoparse co monstro, e efectivamente o atopa. Toda a aldea sae na súa busca e atópana durmindo a carón dunhas ruínas cando xa está amencendo.

A historia non dá moito máis de si, pero a beleza das imaxes é de tal calibre que conforma unha película marabillosa. O ritmo é tremendamente lento, sobre todo ao comezo. O que chama a atención é o contexto, sobre todo as características da familia, que son moi peculiares. É unha familia totalmente disfuncional, e moi anacrónica para os anos 40 no medio de Castela, moi difícil de entender.

O pai anda ao seu rollo, nunca queda claro a que se dedica, non semella traballar en nada concreto, é un namorado das abellas, ten colmeas, e está sempre lendo e escribindo sobre ese tema. Semella un intelectual, pero teñen a mellor casa da aldea con diferenza, e criados, non se explica demasiado ben. A nai tampouco parece ter unha ocupación determinada, en varios momentos escribe cartas dirixidas a non se sabe quen do seu pasado, e ao final queima unha carta que polo visto ía dirixida á Cruz Vermella Internacional en Francia. Só se lle ven dous momentos de "cariño familiar", nun deles está peinando a Ana e noutro quítalle as gafas ao seu marido, que quedou durmido. E as dúas nenas (as estrelas da película, claramente) fan e desfan o que lles peta, entran e saen sen control ningún, só unha das criadas, chamada Milagros, parece ter algo de ascendente sobre elas. Todo moi raro para a época e o lugar.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...