sábado, 2 de abril de 2022

Sendeiros de gloria

No espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite levan algún tempo botando un ciclo de cine bélico, que non me interesa demasiado. Pero acaban de darlle un xiro interesante e comezan a botar películas anti-bélicas, ou sexa, películas ambientadas na guerra que intentan convencerte do malas que son as guerras (a min non me resulta complicado chegar a esa conclusión). E fixéron proxectando unha gran película do gran Kubrick: "Sendeiros de gloria".

A película foi dirixida por Stanley Kubrick en 1956. Os actores que protagonizaron os papeis principais foron Kirk Douglas (esencial na realización da película e na contratación de Kubrick), Adolphe Menjou e George MacReady, aínda que están acompañados por un feixe de bos secundarios.

A historia é ben sinxela de entender, cáptase facilmente por que é anti-bélica e está inspirada en feitos reais, tamén da época da I Guerra Mundial, que é cando está ambietanda a película. Nun determinado lugar, o exército francés está cerca do Outeiro das Formigas, que os alemáns defenden con moita furia. Tomar esa posición podía ser unha moi boa baza para ganar a guerra, pero é moi difícil de conseguir.

Un xeneral do exército francés lémbralle esa posibilidade a outro xeneral francés, insinuándolle que conseguir ese obxectivo militar podería supoñerlle un ascenso no escalafón. Inicialmente, non o veía nada claro, pero semella que a posibilidade do ascenso faille ver máis esperanzas, e transmítelle esa orde ao coronel Dax, que é quen manda nesa posición. Este oponse á orde, por vela absurda, pero non lle queda máis remedio que obedecer.

Ao día seguinte, intentan tomar a posición, a pesar de ser case utópico. As baixas son moitas, e chegado un determinado momento, deciden retroceder porque non se ve ningunha posibilidade de avanzar. O xeneral obsesionado con esa operación para conseguir o seu ascenso está vendo a operación dende a distancia, e ao comprobar que non avanzan e que volven, dá a orde de bombardear ao seu propio exército, para que non retroceda. Pero os encargados de cumprir esa orde néganse a facelo se non hai unha orde por escrito. Obviamente, o xeneral négase a redactar esa orde. Pero convoca un Consello de Guerra contra eses batallóns.

Son tres os batallóns encausados, e nun xuízo militar absolutamente viciado (non sei quen esperaba outra cousa), a resolución é fusilar a unha persoa de cada batallón, que pode ser elixida ao chou ou usando o método que o coronel crea conveniente. Finalmente se escolle a tres soldados para os que se intenta pedir clemencia e que son fusilados. E a guerra segue, porque no exército pasan estas cousas en tempo de guerra.

Saúdos.



As fillas bravas e o mito de Casandra

Volve Chévere coa segunda parte desta obra que xa estrearon hai uns 5-6 anos. O formato é sinxelo e resultón, así que non se complicaron moito a vida. Tres pandeireteiras algo heteroxéneas cantan coplas ao estilo galego, pero neste caso, a temáticas principal das súas cancións é loitar contra o cambio climático. Hai que recoñecer que sorprende un pouco a temática para o formato.

Como sempre, as actrices Patricia De Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar fan un gran papel. A función foi no Fórum Metropolitano da Coruña, que estaba ateigado. Pareceume ver só 2-3 asentos libres, e un deles estaba xusto ao meu carón. Semella que a xente lle está perdendo o medo ao virus e que Chévere segue tendo moito tirón entre o público.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...