domingo, 24 de decembro de 2023

Forrest Gump

Só cheguei a ver esta película con 29 anos de retraso. Chamou moito a atención no seu momento, pero eu negueime a vela, probablemente por culpa de Tom Hanks, que sempre me caeu bastante mal. Porén, nos últimos tempos amosaba eu un maior interese, e non o conseguín ata esta mesma mañán do día no que escribo este artigo. Onte botábana na 1 a un horario moi tardío, pero hoxe estaba en RTVE Play, así que aproveitei.

Foi dirixida en 1994 por Robert Zemeckis. Do elenco destacaremos a Tom Hanks, Robin Wright, Gary Sinise (o que máis me gustou, seguramente) e Sally Field. Tamén destacou polos efectos especiais nos que metían ao personaxe no medio dos eventos máis salientables da súa época, que polo visto chamaron moito a atención.

A película conta a vida de Forrest Gump, un neniño bastante corto de mente e con certos problemas de psicomotricidade (polo menos ao principio), que acaba saíndo adiante con moita solvencia debido á súa tenacidade e a seguir ao pé da letra os consellos bastante estrambóticos da súa nai, que tamén era unha señora bastante rara.

A película non está mal, pero tampouco me parece para tanto. Creo que é moi pretenciosa, que quere facer unha epopea estadounidense de mediados do século XX aproveitando ese simpático personaxe, pero que forza moitas situacións para ter unha escusa para falar de determinados temas destacados. Unha das cousas que me chamou a atención é que Jenny, o amor de toda a vida de Forrest, con quen acaba casado, de forma algo estraña, morre de sida pouco despois de casarse, pero nas últimas escenas nas que aparece, apenas se lle nota nada. Non sei, creo que querían meter o sida na crónica dese século, e inventáronse unha escusa calquera.

Saúdos.



Xente corriente

Onte levei a sorpresa de que botaban esta película en TeleVigo. Nesta estraña cadea local botan bastante cine, e dunha certa calidade media, pero en non poucas ocasións non se sabe que película vai ser. Destinan unha franxa temporal ao cine, pero non din que película vai ser. E claro, así non hai forma. Pero onte si dicían cal era, e tiña un certo interese en vela. Recoñezo que a razón principal era ver a Timothy Hutton, actor que non me desagrada, que apuntaba moi alto ao comezo da súa carreira, pero que quedou en case nada. Tendo en conta que ganou o Óscar con esta película, cando só tiña 20 anos.

"Xente corriente" foi dirixida por Robert Redford en 1980. Os papeis principais están repartidos de xeito algo coral, sen ningún que destaque demasiado, entre Timothy Hutton, Donald Sutherland, Mary Tyler Moore e Judd Hirsch. O que xa me soa máis raro é que a Hutton lle deron o Óscar a mellor actor de reparto, cando eu creo que era o actor principal. Pero claro, debutando e tan novo, tiñan que minimizalo dalgún xeito.

A película conta a historia dunha familia máis ou menos normal. Os dous pais con dous fillos. Os fillos están navegando nun bote nunha tormentosa noite e morre o maior, Buck. O pequeno, Conrad, séntese culpable, e algún tempo despois, intenta suicidarse no baño de casa, é salvado polo pai, que casualmente estaba alí, pero non tiña por que ser así.

A película comeza cando Conrad acaba de chegar do seu ingreso no hospital. Comeza a ir a terapia cun psiquiatra que lle recomendan no hospital, aínda que el é moi escéptico en que vaia valer para algo, pero finalmente parece que acaba conectando algo co psiquiatra.

O pai intenta recompoñer a situación familiar, e intenta non criticar nin reprochar nada a Conrad. A nai, pola contra, é moito máis insensible e dura. Buck era o seu fillo preferido, e non pode evitar deixalo patente. Cando hai vacacións, a nai quere ir só co seu marido e prefire deixar a Conrad cos avós, e ao pai iso non lle gusta nada, e acaba provocando a ruptura da parella, xa que a nai acaba marchando.

Pois nada, iso, xente normal á que lle pasan cousas normais, nada do outro mundo.

Saúdos.



Chichi Campos e máis eu

Hai uns días botaban no CGAI un estraño documental titulado "Chichi Campos e máis eu". Foi realizado por Nico Campos, guionista galego fillo de Chichi, e conta a relación entre pai e fillo, xa que o pai morreu cando o fillo tiña só 11 anos. Había pouco público e creo que a metade dos que estabamos eran familiares que incluso saían no documental. Pero semella que Chichi Campos era un tipo moi interesante.

Para comezar, en Youtube semella que non hai absolutamente nada sobre el, e iso xa é un indicio de algo. Se miramos outro tipo de información e documentos, algo aparece, pero tampouco demasiado. Pero despois de ver ese documental, parece que algo fixo, e que algo de mérito acumulou.

Tamén podo dicir que eu oín falar de Chichi Campos xa hai 30 anos, debeu ser, máis ou menos, cando morreu, e dun xeito bastante singular. Un colega que tiña naquela época, madrileño, ao que lle gustaban moito os cómics e os fanzines, faloume del, non sei se foi pola súa morte ou por outra razón. Pero o certo é que Chichi morreu no ano 91, e ben podería ser naquela época. Pero dende aquela poucas mencións escoitei daquel autor.

Nos últimos tempos, con isto de que o seu fillo Nico fixo este documental, e que este ano houbo unha exposición na Fundación Luís Seoane, que tristemente non puiden ver, púxose de novo de actualidade, e quedei con ganas de saber máis. Éche o que hai.

Polo que se ve, era un portento. Tiña un sexto sentido como humorista e era capaz de debuxar a escena máis punzante e satírica en cuestión de segundos na servilleta dun bar (lembro que Martín xa dicía nos 90 que era unha das súas grandes virtudes). Polo visto, tiña un grande porvir, pero nos 80 colleu malas amizades, caeu no mundo das drogas e morreu de sida no ano 1991, cando nin sequera tiña 40 anos.

Seguro que é casualidade, pero nos últimos anos de vida tivo unha moi boa relación, que incluso provocou que se apartara algo da súa muller e do seu fillo Nico, con Piedad Cabo, que tamén foi amante de Lois Pereiro. Será casualidade, pero os dous acabaron a súa vida de forma abrupta e moito antes do previsto. E ela segue viva e tan sana, os últimos dez minutos de documental son unha charla con ela.

Saúdos.




Capitán Kidd

Hai anos tiña esta película en DVD e gozaba moito véndoa de cando en cando, porque me gusta bastante o cine de piratas clásico, pero debín prestarlla a alguén, así que tiven que ir a Youtube para disfrutala de novo. Polo que parece, está baseada nun personaxe real.

Foi dirixida en 1945 por un tal Rowland Lee. Os dous protagonistas principais son Charles Laughton e Randolph Scott. No elenco de secundarios destacan Barbara Britton, Reginald Owen, John Carradine  e Gilbert Roland. 

En torno ao ano 1700, un astuto pirata chamado William Kidd convence ao rei de Inglaterra de que tivo que enfrontarse a un dos barcos reais no Índico porque o seu capitán se volvera pirata (cousa que era totalmente falsa), e tamén o convence de que lle encargue a escolta doutro barco que trae un gran tesouro da India. Realmente o primeiro barco foi asaltado por el, e como non quedou ninguén para contar a verdade, transmite esta falsa historia para seguir aproveitándose desa situación.

Forma unha tripulación con presidiarios (con coidado de que non haxa ningún que poida recoñecelo) e entre eles vai un tal Adam Mercy, que realmente é fillo do nobre que supostamente traizoara ao Rei facéndose pirata. Obviamente, o seu obxectivo é desenmascarar o engano e demostrar que o seu pai se mantivo fiel á coroa. Nesta nova expedición, axiña se detecta que Mercy vai ter moitos problemas para sobrevivir, pero ao final conségueo e apresan a Kidd.

Saúdos.



Vive como queiras

Oíra falar algunha vez desta película, outra das de Frank Capra do entorno dos anos 40, e que presentaba uns Estados Unidos moi optimistas e esperanzados nun momento no que o país o estaba pasando moi mal. A máis coñecida de todas é "Que fermoso é vivir", pero esta tamén sae moito nesas conversas. E por fin puiden vela.

Foi dirixida por Frank Capra en 1938. O elenco está encabezado por Jean Arthur e James Stewart, e entre os secundarios destacan Lionel Barrymore, Edward Arnold, Mischa Auer, Ann Miller, Spring Byington ou 
Donald Meek.

A trama é sinxela. Os Kirby teñen unha grande empresa inmobiliaria e están forraos. Tony, o fillo, é vicepresidente da empresa, pero apenas fai nada, está alí basicamente por ser quen é. Ten unha secretaria chamada Alice da que está namorado, e o sentimento é mutuo.

Gustaríalles casarse, se non fora que as súas familias non poden ser máis diferentes. A familia Kirby é moi snob e clasista, non soportan mesturarse con xente máis modesta ca eles, e case todo o mundo o é. E a familia Sicamore, a de Alice, é do máis disfuncional que pode verse. O título (na súa estraña tradución en España) fai referencia a esta familia. É un auténtico caos, ninguén sabe de que viven, alí cada un fai o que lle dá a gana, e obviamente, o choque entre as dúas familias, cando teñen que coñecerse debido ao compromiso dos fillos, é terrible. Pero ao final acaba mellor do que se esperaba, por unha destas inxenuidades de Capra nos anos 40.

A tradución do título é ben curiosa. O orixinal sería algo así como "Non podes levalo contigo", e refírese a unha charla entre o patriarca dos Sicamore falándolle a Kirby pai (creo que cando están todos no calabozo), dicíndolle que dá igual as riquezas que teña, que cando morra non vai poder levar nada desas riquezas, así que non ten moito sentido acumulalas. En Arxentina e España traducírono como "Vive como queiras", que é algo fiel porque fai referencia á situación máis singular da trama, que se ve en boa parte da metraxe. E no resto de Hispanoamérica preferiron "Tómao ou déixao", que xa me parece aínda máis retorcido.

Saúdos.



O crebanoces

Inauguro hoxe unha sección que sospeito que terá poucos artigos no futuro, pero algúns poden caer nas vindeiras datas, igual que caeu este. Se de Ballet falamos, debutei con este, e como non me chamou nadiña a atención, sospeito que vai ser difícil que repita. Fun ao Pazo da Ópera da Coruña ver "O crebanoces" de Tchaikovsky, en versión do Ballet de Kiev. Foi composto en 1892 e semella que, aínda agora, hai varias versións, non moi diferentes, pero tampouco iguais.

Non hai nin unha soa palabra, só baile, así que hai que ter unha idea aproximada da historia, ou un grande coñecemento do medio e da actividade, para entender que é o que nos pretenden transmitir. Supoñendo, claro, que iso sexa esencial, ao mellor a plasticidade dos corpos xa é suficiente premio. Pero eu practicamente non me enterei de nada, estou revisando agora na Wikipedia o argumento, e hai moitas partes das que non teño nin idea.

Polo visto, celébrase unha festa de cumpreanos nunha casa, un mago reparte agasallos para todos, e cando parece que esqueceu o da homenaxeada, aparece cun "crebanoces". Aquí vén a primeira barreira cultural. Eu non sabía que o crebanoces é un xoguete tradicional en centro Europa, con forma de soldado, ao que se lle pode mover a mandíbula cunha palanca para que crebe as noces.

Por un encanto do mago, o crebanoces convértese nun soldado, que cos seus compañeiros loita contra un exército de ratóns, que é do que trataba o conto orixinal de Hoffmann no que estaba baseado o libreto. O exército vence aos ratóns, e diso trata o primeiro acto do ballet. No segundo supostamente aparece unha Fada do Sucre, e outros personaxes que eu non fun quen de identificar cando asistín ao espectáculo.

En conclusión, que si, que moito mérito, pero dubido moito que volva ao Ballet, porque parece que o modelo de comunicación do evento cultural non me satisfai, non me transmite nada.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...