sábado, 25 de novembro de 2023

O reiciño de Galiza

Hai pouco neste mesmo blog falei dun cómic baseado en "O reiciño de Galiza" de Víctor Hugo. Pois iso fíxome lembrar que tiña esa "obra" na miña casa, pero que nunca me animara a lela. Como xa dixen daquela, seguramente me animaría a facelo axiña, para completar o círculo. E así foi.

O pequeno volume forma parte dunha colección da que xa teño falado aquí. Chámase a "Biblioteca Galega de Clásicos Universais", que sacou a Voz de Galicia a comezos do século XXI, cando Tucho Calvo aínda mandaba algo alí e promoveu varios coleccións de alto valor engadido.

Como xa dixemos na outra ocasión, "O reiciño de Galiza" forma parte dunha obra máis grande titulada "A lenda dos séculos", composta por moitas historias épicas breves, que era un dos xéneros que máis lle gustaba ao autor. Editou varios volumes, e esta historia formaba parte desa magna obra dende o comezo, incluso parece que a anunciou algo antes de escribila, así que debía ser un tema importante para el.

Mestura a historia real do Rei Don García, que viviu en torno ao ano 1100, coas peregrinacións a Santiago. Ao rapaz que pretenden usurpar a herdanza do reino do seu pai chámalle Nuno, e 10 irmáns que viven pola cornisa cantábrica queren raptalo, e están debatindo se matalo ou metelo nun convento. Nese intre aparece o mítico Roldán, que dá boa conta deles (só un consegue escapar) e permite que Nuno volva a Compostela no cabalo de Roldán.

O libro que eu lin é moi breve, e xa non digamos o fragmento da autoría de Víctor Hugo. Non chega ás 150 páxinas. Primeiro hai unha longa introdución que fala sobre a vida e obra de Víctor Hugo (que semella que tamén foi moi animada) e "A lenda dos séculos". Despois vén a obra en si, que ocupa unhas 50 páxinas, tendo en conta que aparece a versión orixinal francesa e a galega traducida por Henrique Harguindey Banet, en páxinas opostas. Ou sexa, que a peciña son unhas 25 páxinas en verso que se len en menos de media hora. E finalmente vén unha contextualización que fai un paralelismo entre esta historia e a de Don García.

Saúdos.



Shaft: the return

Sempre me chamaron a atención esa saga de películas do detective negro John Shaft, protagonizadas por Richard Roundtree nos anos 70. Pero por unha cousa ou outra, aínda non conseguín ver ningunha. Pero o outro día si que conseguín ver "Shaft: the return", que entendo que se leva ese título será porque é a primeira da nova serie, que a verdade é que non sei cantas películas forman. Pero polo menos agora si que saciei a miña curiosidade. Pero aínda así, a ver se teño a posibilidade de ver unha das antigas.

"Shaft: the return" foi dirixida por John Singleton no ano 2000. Os dous principais papeis do elenco foron para Samuel L. Jackson e Cristian Bale, entre os secundarios están Vanessa Williams, Jeffrey Wright, Toni Collette, Dan Hedaya e Busta Rhymes.

A trama xira en torno ao asasinato dun rapaz negro que entra coa súa moza nun local elitista de Nova Iork, e iso non lle gusta a un ricachón, racista e supremacista branco, fillo dun importante construtor. A cousa semella bastante clara, pero a principal testemuña, unha camareira, fuxe e escóndese. Entre iso e o poder do asasino (máis ben do seu pai), fai que a xustiza sexa moi benévola con el e escapa a Suiza.

Un par de anos máis tarde volve de incógnito, pero Shaft entérase e arréstao nada máis chegar. O ricachón cre que vai fuxir da xustiza tan facilmente como a outra vez, e máis ou menos é así, pero esta vez quítanlle o pasaporte e, polo menos, xa non pode fuxir do país. O ricachón, ademais, non está nada conforme co feito de que o seu pai é moi brando e non se aplica ao máximo para resolver o problema.

Polo tanto, decide contratar a un mafioso para que se desfaga da testemuña, pero este mafioso tampouco llo pon demasiado fácil. Shaft si que consegue localizar á testemuña e a convence para declarar. Cando vai celebrarse o novo xuízo, a nai daquel rapaz negro asasinado, cansa xa de que a xustiza dos brancos non resolva nada, mata ao ricachón á porta dos xulgados, con centos de persoas e xornalistas diante.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...