domingo, 19 de xuño de 2022

Galicia

Está claro que nun blog coma este, moitas cousas poderían levar un título coma o deste libro. Escrito por Francisco Fernández del Riego en 1994, cando xa tiña 80 anos, vén sendo algo así como unha guía de viaxes (sen unha soa foto) do país. Como me encanta Galicia e a teño pateado en todas direccións (pero aínda faltan moitas cousas) supuxo un pracer ler estas páxinas. Supoño que foi un artificio literario inventarse que o narrador era un tal Ramón Sanfiz e que ía acompañado de tres amigos bretóns. Supostamente a viaxe era nun Renault que conducía a única muller do grupo.

As etapas da súa viaxe foron aproximadamente as seguintes:
- De Bonaval a Ribadeo, pasando por Melide e Palas de Rei, por exemplo
- De Mondoñedo a Ferrol pola costa
- De Pontedeume ata Muxía, pasando pola Coruña e a Costa da Morte
- Dende Fisterra á ría de Arousa, indo pola costa
- Dende Pontevedra ata Baiona, pasando por Vigo, por exemplo
- Dende a desembocadura do Miño ata Ourense, pasando por Tui e Ribadavia, por exemplo
- Dende a Ribeira Sacra ata Monterrei, pasando por Allariz e Celanova, por exemplo
- Dende A Gudiña ata Monforte, pasando por O Barco, por exemplo
- Dende O Incio ata Lugo, pasando incluso por Becerreá e Fonsagrada
- Dende Portomarín ata a Ponte Ulla, pasando por Lalín e Caldas, por exemplo
- Remate final en Santiago de Compostela
- Un último capítulo para lembrar algúns sitios a onde lles gustaría ir, pero que non foi posible, como Vilalba, A Toxa, Os Ancares ou O Cebreiro

En definitiva, un paseo bastante exhaustivo por un país que aínda dá para máis.

Saúdos.



O cabaleiro escuro

Hai pouco descubrín algo curioso na televisión española. "Clan", unha cadea supostamente orientada ao público infantil e xuvenil, e que pertence a RTVE, pois resulta que todos os días, a partir das 22.30 ou 23.00 horas, bota series ou películas dirixidas a todos os públicos. Por exemplo, é habitual que durante a semana laborable proxecten capítulos de series como "Los misterios de Laura". E nas fins de semana botan películas, e ademais bastante boas. Vaia sorpresón levei o outro día cando vin que botaban "O cabaleiro escuro", da factoría Nolan.

"O cabaleiro escuro" é unha película do ano 2008 que conforma a segunda parte da triloxía que os irmáns Nolan (Christopher na dirección e Jonathan no guión, aínda que colaborando co seu irmán) dedicaron a Batman, e que están consideradas entre as mellores películas no que vai de século e milenio. O reparto é fantástico, aínda que case todo masculino: Christian Bale, Heath Ledger (que morreu pouco despois de asinar esta magnífica interpretación como "Joker"), Michael Caine, Gary Oldman, Aaron Eckhart, Maggie Gyllenhall (a única muller en papel destacado) e Morgan Freeman.

De que trata a historia? Como xa teño escrito aquí máis veces, para o meu gusto, a factoría Nolan é a mellor produtora de películas no século XXI, pero hai que recoñecer que os seus guións son sempre tremendamente retorcidos e complexos. Se a iso lle sumas o fondo histórico de Batman, cos seus centos de personaxes, malvados variados, e os mesturas ben, sae un cóctel fantástico. Así que contarei a trama moi superficialmente. Se non vistes a película, podo asegurarvos que son dúas horas e media trepidantes nas que non paran de pasar cousas, e nas que tes que estar moi atento, porque hai personaxes que cambian de parecer, cara ou opinión dun tramo a outro da historia.

Basicamente, en Gotham existe unha nova amenaza protagonizada polo Joker (fantástico personaxe que sempre dá moito de si). Ademais, Batman está pensando en retirarse, porque xa non se sente útil (cada vez teño máis ganas de ver a primeira desta triloxía, a ver que pasou), e busca algún personaxe público que poida encabezar a loita contra a corrupción. O novo fiscal xefe, Harvey Dent, semella a persoa idónea, parécelle moi honesto e íntegro, e Bruce Wayne organiza unha recollida de fondos para apoialo. O que xa non lle fai tanta graza é que é a nova parella de Rachel Dawes, a súa antiga moza.

Joker vai facendo cada vez máis cafradas e nun determinado momento secuestra a Harvey e Rachel ao mesmo tempo, pero colócaos en puntos opostos da cidade, arrodeados de explosivos, e obriga a Batman e a Jim Gordon (xefe de policía, un dos poucos non corruptos) a intentar salvalos, pero só conseguen salvar a Harvey, e non de todo, porque sofre queimaduras que lle destrúen a parte esquerda da cara, pasando a converterse no malvado "Dúas Caras", que ademais está moi cabreado porque non salvaron á súa moza.

E así avanza a película cara a un inexplicable final aberto, porque hai terceira parte da triloxía, e algo que haberá que contar alí. Xa digo, acabo de contarvos o 10% da historia, porque ten moitos fíos dos que tirar, pero xa vos digo que non vos ides aburrir nadiña. Iso si, se estades moi atentos, porque se non o estades, axiña vos perderedes.

Saúdos.



A coartada

Eu vin esta obra na axenda cultural da cidade na que vivo, e non me chamou demasiado a atención, pero a unha amiga miña pareceulle que era boa idea ir vela, e alá fomos. Despois de asistir, penso que tiña razón eu, e a miña amiga estivo de acordo, pero agora xa está. Pero vaia, tampouco estivo mal.

"A coartada" é unha obra de teatro protagonizada por María Castro (a única que está no escenario todo o tempo), Dani Muriel e Miguel Hermoso (non chegan nunca a coincidir os tres, cada un deles está con María por separado na súa parte da obra). O director é Bernabé Rico e a autora é unha tal Christy Hall, guionista e directora de cine estadounidense da que non oíra falar.

A trama parece tratar dunha muller que se divorciou do seu marido e que, por algunha razón, perdeu a custodia da súa filla en común, e quere recuperala como sexa. Está ensaiando co seu mellor amigo a declaración ante o xuíz sobre a última vez que viu ao seu marido, porque polo visto, iso terá importancia e daralle máis posibilidades de recuperar a custodia da súa filla. Na segunda parte da obra, vese ese último encontro co seu marido, que tampouco parece demasiado cheo de tensión nin mala relación.

E ata aquí podo ler. Como a obra segue de xira (supoño) non vou desvelar un par de detalles que se descubren no último minuto da obra e que cambian totalmente o sentido do que acabas de ver previamente (no voso caso, ler).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...