Este verán cumpríronse 90 anos do comezo da Guerra Civil, e polo tanto, tamén do asasinato de moitas figuras artísticas e políticas da España de 1936. Non quero pensar as conmemoracións que haberá dentro de 10 anos, cando se cumpra o centenario. Como xa veríades no blog, hai unhas semanas intereseime pola figura de Federico García Lorca, grazas a unha magnífica miniserie que está accesible en RTVE Play. A raíz diso, cando vin que tamén botaban "Morte en Granada" (o título orixinal foi "A desaparición de García Lorca"), animeime a vela, pero resultou un chasco, porque desentonaba moito en calidade ao comparala con aquela serie.
"Morte en Granada" foi dirixida en 1997 por un tal Marcos Zurinaga, que non me soa de nada, e que sospeito que debe ser un director portorriqueño, xa que esta foi unha produción hispano - portorriqueña, feita en inglés con case todo o elenco de portorriqueños ou algo parecido. Os papeis principais foron para Andy García, Edward James Olmos, Esai Morales, Miguel Ferrer, Jeroen Krabbé, Marina Saura, Eusebio Lázaro, Marcela Walerstein e Giancarlo Giannini.
Todo xira en torno a Ricardo Fernández, un rapaz que descubre a García Lorca en Madrid en 1934, cando estrea "Yerma", unha obra de teatro moi polémica. El e a súa familia son de Granada, así que coinciden con García Lorca alí en 1936, cando estoupa a Guerra Civil. Ao pouco de suceder iso, a súa familia ten problemas e deciden marchar a Porto Rico.
Dezaoito anos máis tarde, en 1954, Ricardo teima en ser escritor, pero está obsesionado coa figura de Lorca, e está empeñado en escribir un libro sobre el, e decide volver a Granada para investigar a súa morte, a pesar da forte oposición do seu pai, que non ten bos recordos en absoluto do que pasou alí.
Chega alí e o primeiro que fai é visitar a un bo amigo da familia, o Coronel Aguirre, que tivo moito que ver no apresamento e desaparición de Lorca. A pesar diso, manteñen as formas e respéctanse, pero o Coronel avisa aos seus subordinados para que vixíen ao suposto escritor.
Como era previsible, o rapaz vaise metendo en problemas, porque a súa intención última é averiguar quen foi a persoa ou persoas que mataron físicamente a Lorca. España segue no medio da dictadura e Lorca segue sendo unha figura ben incómoda, así que esa investigación non se ve con bos ollos, así que recibe ameazas, malleiras, etc. En fin, que a trama vai avanzando e na última escena acaba sabendo quen foi o causante daquela morte, e non lle agrada nada o resultado final da investigación.
Como dicía, é unha ficción arredor da morte de García Lorca, feita con respecto, pero con pouca documentación ou con moitas ganas de ficcionar. E polo que parece, en Porto Rico xa non queda case nada de cultura hispana e sí moito de estadounidense (teñen todo o dereito, por suposto), que se pode apreciar en que Lorca dedica libros escribindo en inglés, e que o escritor toma notas nun caderno escribindo en inglés, sendo el español de nacemento e vivindo exiliado en Porto Rico. Non sei, pareceume un pouco patético por semellar colonizado.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario