domingo, 24 de setembro de 2023

Pierrot o tolo

Está claro que Francia é unha das potencias cinematográficas do planeta, e seguramente a que máis destaca en Europa. Son moitas as actrices, actores, directores e directoras, entre outros, que fixeron carreira no cine e que incluso propuxeron novos xéneros e perspectivas. Pero iso non quita que sigan tendo obras controvertidas, que non deixan indiferente, con moita fama pero que non teñen por que convencer. Por exemplo, a min a "nouvelle vague" non me convence nada, xa o tiña máis ou menos claro e despois de ver esta película xa non ten discusión. Debeu ser moi transgresora no seu momento, pero 60 anos despois xa non ten demasiado sentido. Sinto ter chegado tarde á revolución.

"Pierrot o tolo" foi dirixida en 1965 por Jean Luc Godard, que foi unha das principais figuras deste movemento francés. Aínda que o elenco é bastante máis amplo, as dúas estrelas principais que aparecen a todas horas na pantalla son Jean Paul Belmondo e Anna Karina.

A historia é un auténtico disparate. Ferdinand ten un matrimonio bastante aburrido, unha vida bastante anodina, e acaba de ser despedido do seu traballo. A súa muller case lle obriga a ir a unha festa na casa do pai dela onde poden presentarlle a alguén que lle podería dar traballo, pero aínda así, el non ten moito ánimo. Deixan aos seus fillos na casa cunha coidadora que (a muller non o sabe, supoño) foi amante de Ferdinand cinco anos atrás. Nun determinado momento, Ferdinand marcha da festa no coche do seu cuñado, porque se está aburrindo bastante (as escenas da festa son un auténtico delirio) e volve a casa para atoparse coa súa ex-amante.

Deciden fuxir de París cara á Costa Azul. Mentres vai sucedendo iso, Ferdinand (ela chámalle Pierrot continuamente, aínda que a el non lle gusta) vaise decatando de que ela ten contactos estreitos con traficantes de armas e/ou terroristas, polo que parece arxelinos. A primeira parte da película, que foi corta, aínda era algo comprensible, pero esta segunda parte, moito máis longa, xa é un auténtico caos. Polo medio hai reflexións sobre a vida nas conversas entre os dous protagonistas.

Nada, que xa me cansei. Cando volva oír falar desta corrente do cine francés, simplemente paso.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...