sábado, 25 de decembro de 2021

Spiderman 2

Pois polo visto, nos últimos tempos, nas cadeas de televisión españolas puxéronse de acordo para proxectar moitas das películas de Spiderman. Supoño que quererán aproveitar a promoción da nova que se vai estrear ou estreou xa. Como xa dixen nun dos últimos artigos, esta é a segunda da primeira das sagas, protagonizada por Tobey Maguire.

Foi dirixida en 2004 por Sam Raimi (coido que dirixiu as tres desta primeira saga) e o elenco, como sempre nesta saga, está formado por Tobey Maguire, Kirsten Dunst, James Franco, Alfred Molina e Rosemary Harris. O máis singular deste elenco é Alfred Molina, que fai dun científico vangardista que traballa para Harry Osborn e despois dun fallo nun experimento (que raro que suceda iso nunha película de superheroes!!) acaba converténdose no malote Doutor Octopus. A película pareceume algo sosa e lenta. Hai tempo que non vexo a primeira da saga (téñoa en DVD na casa, ao mellor cae pronto), pero teño fresca a terceira, que me pareceu máis complexa e entretida.

Esta película basicamente trata do dilema moral e existencial de Peter Parker. Hai poucas aparicións de Spiderman como tal, e algunhas das que hai son bastante patéticas, porque vese que está perdendo cualidades e xa non lle resulta demasiado útil á sociedade. A Peter Parker na vida real sucédelle o mesmo, perde traballos precarios porque non se centra, nos estudios vai mal aínda que parecía ser brillante, a súa relación con Mary Jane Watson vai a pique porque el considera que, sendo un superheroe (ela aínda non o sabe), a súa vida ía ser moi perigosa e moi lonxe da normalidade que lle gustaría. E ela aproveita para liarse cun tipo que ademais é unha estrela a nivel social e deportivo.

Mentres sucede todo isto, un científico chamado Otto Octavius está traballando en Oscorp ás ordes de Harry Osborn, e está facendo experimentos para simular a fusión nuclear. Harry pensa que se van forrar con ese avance. Claro, se sae ben, que como todos xa intuímos cando vemos unha película destas, nunca vai ser así, sempre pasa algo. Ademais, Peter fala co seu profesor na universidade e quere facer  unha investigación precisamente sobre o traballo do profesor Octavius. Así que todos están presentes o día que o experimento falla. Durante el, ao profesor Octavius se lle adhiren catro brazos robóticos á médula espinal. Teoricamente, el ten a potestade para manexalos ou desconectalos cando e como queira. Pero algo sae mal, e acaba converténdose no Dr. Octopus (os catro brazos robóticos máis as catro extremidades que xa tiña, claro), no gran antagonista de Spiderman a partir dese momento.

Pois nada, no que falta de película enfróntanse entre os dous. O máis destacado é a pelexa nun vagón de tren que vai elevado por unhas vías en Nova Iork. Durante ese tramo final da película, os cidadáns descubren quen se esconde tras Spiderman, tamén o descubre Mary Jane e tamén Harry Osborn, que quería matar a Spiderman, a quen culpaba da morte do seu pai, pero dubida moito cando sabe que Peter Parker é Spiderman. Aínda que se ve que se vai converter nun dos seus grandes inimigos a partir dese momento, como xa se comproba ao comezo de "Spiderman 3". Ao final, ganan os de sempre, obviamente, pero queda o campo aberto para a terceira parte da saga.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...