martes, 12 de outubro de 2021

Verbas no ar

Agora si que rematei por completo toda a colección de libros editados por Biblos Clube de Lectores. Despois dos 50 números da súa colección e dos 7 que editaron do Premio Biblos-Pazos de Galicia para autores menores de 25 anos, xa non queda ningún máis. Este último titulouse "Verbas no ar", escrito por Iria Morgade, e publicado xa no 2011, tardei 10 anos en chegar a el.

É do 2011 e supostamente ten que ver cos movementos revolucionarios a nivel planetario que tiveron lugar naquel momento, como o 15M ou as primaveras árabes. Pero non fun quen de entender absolutamente nada da trama. Lin as case 200 páxinas e só me quedou claro que os personaxes principais se chamaban Andrade, Adaoha, Okenna, Vera e Xián (creo que non esquezo ningún importante). Intenteino pero non fun capaz de entender que relacións había entre eles e que historia contaba a novela. Ver coido que era neta de Andrade, e pouco máis pillei. E nin diso estou seguro.... así que me costaría bastante recomendar esta obra. Ao mellor está moi ben, pero eu non fun capaz de captalo.

Saúdos.


Xigante

Esta película téñoa fresquiña, aínda rematei de vela hai pouco máis dunha hora. É longa, dura algo máis de 3 horas, e obviamente nunca a vira enteira. Soábame algunha escea, como esa na que nas terras de James Dean por fin aparece o petróleo. Unha vez máis, temos o contraste entre o culto e educado Leste estadounidense, e o racista e ignorante Sur e Oeste.

A película foi dirixida en 1956 por George Stevens. Ten un reparto bastante coral, pero destacan claramente Rock Hudson, Elizabeth Taylor e James Dean. Pero entre os moitos secundarios tamén está Carroll Baker, Dennis Hopper ou Rod Taylor, por dicir só algúns.

A película trata basicamente da maior parte da vida do matrimonio formado por Jordan Benedict e Leslie. El, que é un grande granxeiro de Texas, vai a Maryland para mercarlle un cabalo ao pai de Leslie. Alí namoran inmediatamente e volven casados para Texas. Pero pasa o de sempre. Leslie xa tiña unha idea da colonización de Texas que non agradaba pola zona, e a súa culta e aberta mentalidade do Leste non casa nada ben coa ignorancia e costumes de Texas. Así que o problema está servido. Pero vaia, o matrimonio vai tirando, tendo fillos e avanzando. Imos vendo como teñen fillos, como crecen, como teñen netos, e todo iso.

Jett Rink é un díscolo e rebelde empregado de Jordan, que recibe un pequeno terreo cando a irmá de Jordan morre dun accidente ao caer dun cabalo, precisamente o mesmo que lle comprou á familia de Leslie. Jordan e os seus colegas pretenden mercarlle ese terreo a un moi bo prezo, pero Jett prefire ter a súa propia terra e ir mellorando. E xa non digamos cando Jett descubre que nas súas terras hai petróleo, cousa que por Texas estaba aparecendo por todas partes. Ademais, Jett está namorado de Leslie, pero ela non fai ningún caso das súas insinuacións.

Jett vólvese inmensamente rico. Jordan négase a entrar no negocio do petróleo, aínda que seguramente o hai nas súas terras, pero déixallo explotar a Jett. Jordan sempre foi gandeiro. Os fillos de Jordan e Leslie teñen plans para as súas vidas diferentes aos que eles deseñaran, pero que teñen que ir aceptando. Por se non chegara co choque de mentalidades entre Leste e Oeste, ademais vese un grande racismo cara aos mexicanos. Jordan tamén era moi racista antes, pero agora estase suavizando porque unha nora e un neto del son de tez morena.

Saúdos.






2012

Teño que recoñecer que as películas de catástrofes estadounidenses non me desagradan. Son grandes truños que non hai por onde collelos, pero os medios técnicos son fantásticos, vense imaxes que non se poderían ver doutro xeito, e resultan bastante cómicas cando meten polo medio ao presidente, ao exército, e a tontos parecidos, que obviamente é case sempre (non sei por que puxen "case").

Concretamente esta foi dirixida no 2009 (fixeron ben en adiantarse á data, por se a profecía era certa) por Roland Emmerich, especialista en barbaridades destas. O reparto é moi coral, encabezado por John Cusack, e tamén está por aí xente como Chiwetel Eljofor (actor negro británico de estraño nome ao que non coñecía ata hai unha semana, e agora aparece en todas partes), Thandei Newton, Danny Glover como presidente, aínda que pouco dura, Woody Harrelson, que tamén dura pouco, Amanda Peet ou Oliver Platt.

A cousa é ben simple. Supostamente, o calendario maia remataba o 21 de decembro de 2012. Entón, moitos milenaristas puxéronse a dicir que ese día ía ser a fin do mundo, ou que comezaría a conta atrás. Pasados 9 anos, semella que non hai moito diso. Como xa dixen, fixeron esta película varios anos, non fora ser que os pillara sen o traballo terminado. Case 10 anos despois, xa se ve canto había de realidade, aínda que seguro que haberá alguén que diga que xa se ven indicios moi claros, como a pandemia.

Pois nada, hai un lote de xente que, ou ten información de primeira man, e que xa intúe o que vai pasar, ou que pasaba por alí, ve o lío, e intenta salvarse como pode. Na película o enfocan dicindo que uns científicos informaron ao presidente americano do que ía pasar, este creuno, informou en privado só aos principais líderes mundiais, e organizaron unha operación secreta para salvar nunha especie de "arcas", que son como grandes transbordadores espaciais, a unha parte da humanidade. Obviamente, a xente con cartos ten preferencia.

As imaxes son moi espectaculares, vaise vendo como diferentes cidades estadounidenses vanse destruindo porque o magma disolve a corteza terrestre, ou a move de sitio bruscamente. A idea é que nun val nas montañas do Himalaya están construíndo esas arcas, e o obxectivo é que todas as persoas seleccionadas cheguen alí para poder sobrevivir ás inundacións que se van producir. Pois iso, moi espectacular pero moi pouca chicha, e moito patrioterismo estúpido estadounidense.

Saúdos.



A última viaxe de Robert Rylands

Creo que esta película xa a vin no seu día, no tempo da súa estrea. Debín vela no cine ou na televisión, porque nos 90 lin varias obras de Javier Marías, que me gustaba moito como escribía, e ao saber que estaba baseada nunha delas (aínda que moi libremente), seguro que me animei. 

Está baseada concretamente en "Todas as almas", e polo visto, o autor orixinal quedou moi descontento coa adaptación e levou a causa a xuízo, ganando unha indemnización e conseguindo que retiraran o seu nome dos créditos. Parece que non lle gustou sobre todo que converteran en homosexuais a dous dos personaxes principais. Javier Marías escribía moi ben (supoño que o segue facendo, pero hai tempo que non o leo), pero parecía un tipo algo agre e triste, que se cabreaba moito por moitas cousas. Pero tamén é certo que a licenza que se deron Gracia e Elías Querejeta non era pouco. E tampouco sei se era necesaria. Eles dixeron que ao principio pretendían facer algo similar á novela orixinal, pero segundo avanzaba o proxecto, decidiron separarse.

A película foi dirixida por Gracia Querejeta en 1996, o seu pai Elías foi o produtor, e asinaron o guión entre os dous. Os actores principais son William Franklyn, Ben Cross, Cathy Underwood e Gary Piquer. A pesar de ser unha produción "española", rodouse en inglés en Oxford, porque aí transcorría a novela. A película transcorre a través de varios flash-backs que se entrecruzan, pero eu contarei a historia de forma máis cronolóxica, para que se entenda mellor.

Robert Rylands é un seductor arqueólogo e profesor en Oxford, que non cae demasiado ben, porque ten moita personalidade, e anda xa polos 50 anos. Ten unha relación homosexual (na película, na novela non, polo visto, eu xa non o lembro, que a lin hai moitos anos) cun compañeiro profesor chamado Alfred Cromer Blake. Pero nun determinado momento, ten un desliz amoroso, unha noite tola coa irmá pequena de Alfred, Jill, e teñen unha filla. Debido a iso, Robert desaparece dun día para outro, durante longo tempo.

Non se sabe moi ben por que, pero volve a Oxford de forma sorpresiva uns 10 anos máis tarde. É un segredo a voces, pero todo o mundo sabe que el é o pai da filla de Jill, aínda que supostamente ninguén o afirma. Isto coincide casualmente co descubrimento dun tumor en Alfred que o matará en semanas ou meses. E tamén coincide coa chegada dun profesor visitante a Oxford, que vai dar un curso sobre literatura española, que é amigo de Alfred, que se hospeda na casa de Alfred e Jill (viven xuntos), e que namora de Jill.

Unha noite de treboada, Robert vai buscar a Alfred para darlle unha volta na súa lancha polos canais de Oxford, a pesar do claro deterioro físico de Alfred. Á mañá seguinte, o corpo de Alfred aparece morto nun prado á beira do río, e a pistola que Alfred lle regalara hai anos a Robert tamén desapareceu. Robert vai voluntariamente á noite seguinte á comisaria para contarlle toda a historia ao inspector, que máis ou menos xa intuía todo o que pasara.

Saúdos.



Só ante o perigo

Penso que vin esta película varias veces xa. Pero había tempo dende a última vez, e como a botaban no meu moi valorado espazo de cine clásico da 2, deille unha nova oportunidade. E agora, ao documentarme para escribir este artigo, e na presentación da película na televisión, decateime que non é para nada un "western" clásico, senón outra obra totalmente diferente, pola cal algúns amantes do xénero a aborrecen.

A película foi dirixida en 1952 por Fred Zinnemann (director que non ten moitos grandes éxitos na súa carreira, este é un dos maiores, claramente). O elenco está formado principalmente por Gary Cooper (obviamente a estrela case única), Grace Kelly, Lloyd Bridges, Katy Jurado e Thomas Mitchell. O lío co título tamén é interesante. O título orixinal sería "Mediodía", bastante representativo porque ás 12 chega un tren que desencadea o final, anunciado durante toda a película. En Hispanoamérica, se cadra por esa razón, decidiron titulala "Á hora sinalada", que ten algo que ver co orixinal. En España decidiron quedarse con "Só ante o perigo", que non ten nada que ver cos anteriores, pero define á perfección a trama da película.

Comecemos coa historia, que é moi coñecida e por outra parte, simple. Un home que leva moitos anos de sheriff nunha pequena vila, para satisfacción de moitos dos seus veciños (pero non para todos), acaba de casar e vai marchar de lúa de mel. Pero xusto cando acaba de suceder, córrese a voz pola vila de que no tren das 12 vai chegar un maleante ao que el meteu no cárcere e que acaba de saír. O seu irmán e os colegas da súa banda están agardando por el na estación, para vingarse do sheriff.

Todo o mundo o sabe xa, pero a diferenza do que sucedía habitualmente neste tipo de ambientes (segundo di o cine estadounidense), non se produce unha reacción de apoio nos veciños, que lle teñen grande aprecio ao sheriff. Ninguén se atreve a mover un dedo por el, debido ao medo que lle teñen ao maleante, e recoméndanlle que marche a disfrutar da lúa de mel, e de paso, que deixe o pobo. Supoño que dan ao sheriff por amortizado e asasinado, e prefiren que se salve, aínda que iso signifique que volva o caos que representa ese maleante.

O sheriff pasa todo ese tempo intentando convencer a algún dos seus veciños para que lle boten unha man para enfrontarse coa banda de foraxidos, pero por unhas ou outras razóns, ninguén lle axuda. Incluso a súa muller, que tamén lle recomenda que marchen, decide separarse del (uns minutos despois de casarse). Incluso unha amante mexicana que tivo hai tempo, que tamén foi amante do maleante, decide marchar porque non quere seguir vivindo e traballando nunha vila na que pasen esas cousas.

Ata aquí, a historia ten pouco de heroica na parte que corresponde aos veciños, bastante máis no caso do sheriff. Pero o final é bastante patético. A banda á que se enfronta está formada por catro foraxidos. Pero a súa imprudencia, inxenuidade e algo de soberbia fai que vaian morrendo un tras outro, por mala planificación do ataque e falta de coidado. O penúltimo deles morre cando a muller do sheriff, que estaba escondida, lle dispara polas costas. E o maleante é morto polo sheriff, obviamente, de forma non moi convencional, pero todo vale neste caso. Despois diso, o sheriff xúntase coa súa muller, tira a estrela diante dos veciños, e agora si, marchan de lúa de mel e para sempre da aldea.

Comezar dicindo que se dá a unidade aristotélica de acción, lugar e tempo. Ou sexa, todo transcorre no mesmo lugar a tempo real. A película dura uns 80 minutos e a acción que narra dura exactamente o mesmo. Lémbrame a películas como "A soga" de Alfred Hitchcock.

E por outra banda, e máis importante, esta película é unha metáfora do maccarthysmo, que estaba de moda na época, e que afectou bastante ao director e guionista da película, que estaban acusados de comunistas. Por iso, visto agora (porque no seu momento non me decatara, obviamente), é unha película moi diferentes a outras do xénero. Hai moita xente do Hollywood clásico que adoran esta película, sobre todo pola forte conciencia e o individualismo do sheriff (que os veciños sexan uns covardes non lles parece relevante, polo visto). Pero outros mitos como John Wayne e Howard Hawks aborrecían da película, porque dicían que non representaban ao xénero nin ao país, e que tiñan outras intencións ocultas.

Penso que retrata moi ben o que os seus autores pretendían transmitir, que era o que sucedía realmente naquel país, aínda que pareza incrible. Polo tanto, gana puntos na miña valoración.

Saúdos.



Marte

Algo me soaba esta película que tamén é subtitulada "O marciano", aínda que en Hispanoamérica, como habitualmente pasa, foron moi creativos titulándoa "Misión rescate". Se cadra hai algunha película que teña un título moi parecido. Por exemplo, sóame que hai outra titulada "Misión a Marte" ou algo así. Como a ciencia-ficción e a temática aeroespacial non me desagrada, probei.

Foi dirixida en 2015 por Ridley Scott, e o protagonismo principal é para Matt Damon. Pero tamén aparecen outros secundarios de lustre como Jessica Chastain, Jeff Daniels, Chiwetel Eljofor ou Sean Bean, entre un moi numeroso elenco.

Hai unha misión espacial en Marte, recollendo unhas mostras. Teñen alí unha base, na que poden pasar algún tempo, e unha nave na que poden marchar á Terra, aínda que a viaxe dura bastantes meses. Na base reciben información de que se achega unha treboada moi forte que pode tumbar a nave, que está erguida e preparada para engalar. Polo tanto, deciden marchar o antes posible, antes de que a nave perda a súa posición idónea para saír. Pero como sempre, para darlle máis emoción á cousa, chegan á nave no último momento, cando a treboada xa está comezando a afectar á inclinación da mesma. E no último minuto, debido ao fragor da treboada, hai cousas moi voluminosas voando, como por exemplo a antena de comunicacións da base, que foi arrincada do seu lugar, e golpea con moita violencia e despraza a moita distancia a un dos astronautas, chamado Mark Watney.

Intentan buscalo durante un brevísimo espazo de tempo, antes de que o despegue sexa imposible xa, pero non o atopan e intúen que estará morto polo impacto e pola descompresión do seu traxe nun ambiente hostil como aquel. Así que marchan pensando que deixar alí o seu cadáver.

Pero resulta que non. O astronauta está ferido, claváronselle no traxe e no seu corpo algunhas pezas metálicas da antena, pero como aínda non saíron do seu corpo, non se produciu ningunha descompresión. Iso está a punto de sucederlle algo despois, cando esperta e é consciente da súa situación, pero consegue curarse dentro da base, e comeza unha longa agonía intentando sobrevivir o máximo tempo posible na base, tendo en conta que marcharon antes de tempo, e que alí había suministros para seis persoas.

Cos seus amplos coñecementos de botánica e química intenta racionar os alimentos e cultivar dentro da base, collendo terra de Marte, e conseguindo auga con reaccións químicas, que non sempre son moi exitosas. Pero ao final si ten éxito, o que fai que poida ter alimento a base de patacas marcianas para bastantes meses. Pero nun determinado intre prodúcese unha explosión que inutiliza boa parte da base, sobre todo a zona onde facía os cultivos, e iso significa moito menos tempo de autonomía.

Marcha da base nun dos vehículos, e chega aos restos dunha antiga sonda que se mandou hai varias décadas. Co seu módulo de comunicacións, que incriblemente aínda funciona, consegue poñerse en comunicación, aínda que sexa precaria, coa NASA, que está seguendo os seus movementos a través de sondas que sobrevoan Marte. Tamén dese xeito descubriron que estaba vivo.

E aquí xa comezan as fantasmadas da película. Un enxeñeiro medio-tolo dun dos múltiples laboratorios que traballan para a NASA di que hai unha posibilidade para rescatalo. Aparte de que se enviou unha nova nave con suministros, pero que estoupou ao pouco de despegar, porque se obviaron moitos dos controis de seguridade (había moita presa, seica), este enxeñeiro di que pode facerse que a nave na que van os outros astronautas de volta á Terra, que aínda non chegou, colla impulso arredor do planeta e volva a Marte a por Watney. Para iso van contar coa axuda da Axencia Espacial China, que tiña unha nave con suministros cerca de Marte.

Ao mesmo tempo, dende esa nave onde van os outros astronautas, conseguen lanzar unha antiga nave que quedou en Marte, e a onde se sube Watney. Teñen que facelo dende fóra porque hai que quitarlle moito peso á nave de Watney, incluso os paneis de control internos. Sucede todo iso, pero resulta que as traxectorias das dúas non se cruzan tan cerca como estaba previsto, e hai que andar argallando barbaridades para conseguir pescar ao marciano perdido.

A primeira parte aínda era algo crible e dixerible, con moitas reservas, pero a parte final xa semella un circo, con tanto saltimbanqui.

Saúdos.




Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...