domingo, 12 de novembro de 2023

O ilusionista

Nas últimas semanas volvín a Rakuten, despois de moitos meses sen pasar por alí, para ver se  había algunha película interesante, e atopei algunha perla ben destacada. Tamén é certo que fixeron unha cousa que non me gusta. Antes, a carón de cada película, poñían a nota media da mesma na IMDB, que sempre é unha referencia. Ese dato aínda segue, pero moito máis oculto, así que agora estamos algo máis a cegas, porque hai bastante broza polo medio nesa plataforma. Pero atopar "O ilusionista" foi unha boa alegría.

Foi dirixida en 2006 por un tal Neil Burger, que tamén foi o guionista xunto a Steven Millhauser, o autor da novela corta na que está baseada. Haberá que seguirlles a pista. O protagonista principal é Edward Norton (actor que está comezando a convencerme bastante). O resto do elenco está formado por Jessica Biel, Rufus Sewell e Paul Giamatti.

A historia é algo retorcida, e ten un aura de maxia e misterio moi interesante. Eduard Abrahovich é un rapaz que se cría na Viena de finais do século XIX, fillo dun ebanista e pobre, que coñece a unha marquesa da que namora, e ela del, e que nun curioso encontro aprende cousas de maxia e queda moi interesado nese arte. Como o amor entre os dous non é ben visto, ten que marchar da súa terra.

Aparece de novo uns anos máis tarde, xa como mago profesional, co nome artístico de "Eisenheim o ilusionista". Fai uns trucos alucinantes e ten moitísimo éxito en Viena ao pouco de chegar. O príncipe Leopold, escéptico e moi intelixente, asiste a un dos seus espectáculos coa intención de desacreditalo, e nun número no que o mago pide un voluntario, o príncipe ofrece á súa propia prometida, que mira ti por onde, xustamente é a marquesa da que Eduard estaba namorado na súa infancia e adolescencia (tardan pouco en recoñecerse). Gusta moito o truco que fai, e é convocado a palacio, e alí fai unha gran actuación na que humilla ao príncipe, que solicita que pechen o teatro no que actúa. Ademais, sábese nese momento que o príncipe maltrata a todas as mulleres coas que se relaciona e que ten previsto casarse coa marquesa, aínda que a ela o plan non lle atrae demasiado.

A marquesa pretende rachar o compromiso co príncipe, pero nun arrebato de ira, este mátaa, pero conseguen ocultar as posibles probas, e inculpan a outra persoa que non ten nada que ver no tema. Eduard aluga outro teatro máis pequeno e axiña obtén moito éxito porque o seu espectáculo baséase en invocar as almas dos mortos, e fai aparecer a persoas que alguén do público recoñece como familiares ou amigos xa falecidos. Isto provoca un grande escándalo e fai que as forzas da orde vaian a detelo na seguinte actuación. Nesta fai aparecer á marquesa, que insinúa que foi asasinada polo príncipe. Cando van deter ao mago, resulta que el tampouco é real, é unha aparición e non consiguen detelo.

O xefe de policía que leva a investigación (eu non o mencionara ata agora, pero ten certa importancia na historia) chega á conclusión de que o príncipe foi o asasino da marquesa. Van ao seu palacio a prendelo, e el intenta defenderse, pero acaba suicidándose.

E a película remata dunha das formas que a min máis me gusta e que xa mencionei neste blog algunha vez (tamén hai que ter en conta que este blog xa está a piques de cumprir 17 anos): na última escena sucede algo inesperado, que fai que descubras algo que non viras ou non sabías, e ao sabelo, resulta que toda ou boa parte da historia cambia, e estivo pasando algo diferente ao que ti pensabas. Iso non o vou desvelar, para que vexades esta película, que é unha pequena obra mestra.

Saúdos.




Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...