luns, 1 de abril de 2024

As alumnas

Esta obra de teatro xa levaba meses xirando polo país, e incluso non descarto que xa viñera á Coruña, pero non fora capaz de vela. E nesta Semana Santa trouxérona ao Teatro Colón, con entrada libre e incluso con coloquio posterior coas actrices e a súa autora, Paula Carballeira. O caso é que o Teatro Colón estaba totalmente cheo (tanto, que eu non conseguín entrada, e só puiden acceder porque cerca da taquilla había un grupo ao que lle sobraba algunha entrada). Ademais chamoume moito a atención que, no grupo co que eu entrei, e en todo o teatro, había unha boa cantidade de público novo, moi boa noticia.

"As alumnas" fala de dúas ex-alumnas da insigne mestra coruñesa María Barbeito que supostamente se atopan no enterro de María, en novembro de 1970. Digo "supostamente" porque ao final se revela que ese encontro non tivo lugar, só se saudaron, pero que na súa imaxinación puido transcorrer como se conta na obra. As actrices foron Mónica Caamaño e Anabell Gago.

As actrices representan a Rosa, mestra de caracter progresista que segue solteira e que consegue seguir traballando, a pesar de que a súa forma de pensar e ensinar choca frontalmente co que propugna o franquismo, e a Elvira, esposa sumisa con dúas fillas, que intentou divorciarse do marido, pero que non puido porque todo o entorno se puxo na súa contra. Claramente teñen caracteres opostos, pero a súa amizade cultivada dende a idade infantil perdura.

A continuación da obra comezou un moi interesante coloquio coa autora e as dúas actrices. O curioso é que a maior parte das intervencións do público viñeron precisamente do grupo co que eu entrei no teatro, ao que non coñecía de nada e a quen lle agradezo que me prestaran unha das súas entradas sobrantes. Resulta que o grupo estaba formado por dous profesores e cerca dunha vintena de alumnas dun instituto coruñés, que estaban moi emocionadas na representación. Por que? Porque están ensaiando esa mesma obra e xa coñecían ás actrices, porque viron a obra en Carballo.

Saúdos.



Papagena

Hai xa tempo que sucedeu, pero hai anos intenteino coa ópera. Non o tiña eu nada claro, pero pensei que era un tipo de espectáculo que reunía moitas cousas interesantes (voz, música, teatro) e que había que darlle unha oportunidade. Fun ver "Elisir d'amore" de Donizetti, entre outras cousas porque dicían que era das máis accesibles para público profano. Deberon xa pasar 20 anos, se cadra. Non estivo mal, pero tampouco me enganchou. Hai que recoñecer que os cantantes teñen o maior dominio da voz, pero cantan dun xeito que fai moi difícil entender o que din, e iso é un defecto, na miña humilde opinión. Por outra banda, os textos son moi repetitivos, avanzan lentamente, e iso fai que normalmente as óperas sexan bastante longas. Ou sexa, que decidín que raramente volvería. Menos mal que nos letreiros electrónicos aínda se vai entendendo o texto, aínda que estean noutros idiomas, que é o habitual.

Pero nos últimos anos a compañía galega ButacaZero decidiu facer unha curiosa incursión na ópera, e ademais en galego. Creou a ópera "Papagena", que é unha especie de "spin-off" de "A frauta máxica" de Mozart. Colleron o personaxe de Papageno, o home-paxaro algo controvertido, e uníronlle o de Papagena, que na obra orixinal apenas tiña presenza, e cos dous fixeron unha pequena obra aparte, no que a muller colle moito máis protagonismo, ata igualalos. O home intenta seguir coa súa vida de libertino e ter á súa muller nunha gaiola na casa, pero ela resístese e rebélase. A pesar de ser en galego, houbo partes que non fun quen de entender, pero o intento non estivo mal. Ademais, é moi breve, menos de unha hora.

A soprazo é Esperanza Mara, o barítono é Jacobo Rubianes Castelo (que polo visto actuou con algo de catarro) e tamén estaba en escea Iago Hermo, o compositor da música, que estaba interpretando ou máis ben "lanzando" en directo, xa que era de tipo electrónico. A escenografía era curiosa, con varias estancias da casa enmarcadas en luces de neón que ían acompasadas coa música e con algúns xestos dos cantantes.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...