domingo, 9 de agosto de 2026

Lorca, morte dun poeta (serie)

Uns días antes vin a película baseada nesta serie, e como a serie é breve, decidín facer o esforzo de vela completa. En total, son unhas 6 horas, e a película que vin o outro día era máis ou menos equivalente aos dous últimos capítulos, ou sexa, unhas dúas horas. E así podía saber máis cousas sobre a vida de Lorca, xa que os últimos capítulos estaban baseados no seu último mes de vida, que xa foi suficientemente convulso.

"Lorca, morte dun poeta" (tanto a serie como a película) foi dirixida por Juan Antonio Bardem en 1987. No elenco da serie podemos destacar a Nickolas Grace (obviamente), Fernando Chinarro e Margarita Lozano (pais), Diana Peñalver (a súa irmá Concha), Amparo Baró (a criada), Ángel de Andrés (Ramón Ruiz Alonso, o que o denunciou), Manuel de Benito (Luis Rosales) e José Manuel Cervino (comandante Valdés, quen mandaba en Granada). Nos primeiros capítulos aparecen bastante Máximo Astray (Rafael Alberti), Nuria Espert (Margarita Xirgú), Tito Valverde (Luis Buñuel) e Fernando López Veloso (Salvador Dalí).

As temáticas dos seis capítulos son as seguintes:
- Primeiro: Ata os 20 anos, infancia e adolescencia. Tiña un grande talento musical, sobre todo para tocar o piano, e intentou ir a París para seguir cos estudos musicais, pero os pais esixíronlle que sacara algunha carreira universitaria.
- Segundo: Os cinco anos seguintes, cando vai á Residencia de Estudiantes de Madrid, e alí coñece, entre outros, a Dalí e Buñuel.
- Terceiro: Os tres seguintes anos, onde se distancia de Dalí, o seu primeiro grande amor, que se foi a París, e namora do escultor Emilio Aladrén.
- Cuarto: Remata a ditadura de Primo de Rivera, chega a República e sae de xira coa Barraca, o grupo de teatro universitario que leva o teatro por toda España.
- Quinto: Gaña as eleccións a Fronte Popular e o ambiente no país complícase moito. Decide deixar Madrid e volver a Granada, a súa familia xa está na finca da aldea.
- Sexto e último: é apresado por unha denuncia falsa chea de rancor, e nin sequera os contactos dos irmáns Rosales, que eran cabeciñas da Falanxe en Granada, conseguen evitar o seu fusilamento.

Como cousas curiosas da serie, diremos que todos os capítulos comezaban co mesmo fragmento de dous minutos que daba final á serie, no que se veía como sacaban do cárcere a Federico e aos tres compañeiros que estaban con el nese momento, un profesor e dous banderilleiros.

Tamén se trata algo o tema da súa homosexualidade. Recoñece que tivo mozas nos primeiros anos, pero non chegou a ningunha relación sexual, pero si tivo relacións con homes. Na serie escóitase falar de tres dos seus catro amantes coñecidos. O último foi en Granada nos últimos meses de vida, e non me soa que o mencionen en ningún momento.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Lorca, morte dun poeta (serie)

Uns días antes vin a película baseada nesta serie, e como a serie é breve, decidín facer o esforzo de vela completa. En total, son unhas 6 h...