martes, 23 de febreiro de 2021

Goldfinger

Podemos comezar co título, para variar. Creo que o título orixinal era "Goldfinger" a secas. En España e boa parte de Hispanoamérica utilizaron variantes como "James Bond contra Goldfinger" ou "007 contra Goldfinger". E en Arxentina fixeron seguramente a tradución perfecta: "Dedos de ouro". O que pasa é que, despois de ver a película, non teño nin idea que pintaban os "dedos". A película trata de ouro, e o malo da mesma apelídase Goldfinger, pero nada xira en torno a uns dedos, nin os seus nin os ninguén máis, que eu recorde.

Foi a terceira da saga, foi dirixida en 1964 por Guy Hamilton. O director das dúas primeiras fora Terence Young, e parece que non dirixiu esta por desencontros económicos, pero si algunhas posteriores, e Hamilton ao final tamén dirixiu varias máis. A estrela total é Sean Connery, obviamente, e dos demais non me soaba ninguén. Por dicir algún, Gert Frobe, un actor alemán que debía ser famoso nos 60 facía de Goldfinger, pero a min non me soaba de nada.

Como sempre, a trama é moi retorcida. Pero axiña se percibe que a cousa ten que ver co ouro, e que o malo é Goldfinger, un ricachón que xa é moi rico, pero que quere selo máis, como sempre. Para desvelar xa o meollo, diremos que o obxectivo final dos malos é asaltar Fort Knox, o complexo do estado de Kentucky onde se atopa a reserva de ouro dos Estados Unidos. Pero a idea non é levalo, senón facer estallar unha bomba nuclear xusto alí, para que ese ouro quede contaminado e xa non poida significar nada durante décadas. Hai que recoñecer que non está mal pensado.

Aínda que o tema é algo raro, debo recoñecer que esta película xa me pareceu algo mellor que as anteriores de James Bond.

Saúdos.



Godzilla

Os poucos lectores que ten este blog seguramente alucinarán cando lean que vin unha das versións cinematográficas de "Godzilla". E seguramente non lles falte razón. Pero recoñezo que tiña certa curiosidade por saber de que vai a historia dese monstro orixinario da cultura xaponesa. Non houbo razón máis profunda que esa. Estivo ben, pasouse o rato, e a curiosidade xa está saciada.

Foi dirixida en 1998 por Roland Emmerich, que sempre está dispoñible para estas pirotecnias. Os actores máis recoñecibles, polo menos para min, son Matthew Broderick e Jean Reno, que tampouco son actores de moita calidade en xeral, así que xa se ve o que pode saír de aí.

A historia parece ir do seguinte: en décadas anteriores, os franceses estiveron facendo probas nucleares na Polinesia. Por avatares do destino, semella que esas radiacións afectaron a algún lagarto da zona, que cando creceu se converteu nun bo bigardo. A película comeza véndose como ese super-lagarto ataca un gran barco mercante xaponés nalgún lugar do Pacífico. Nese momento van buscar ao personaxe supostamente principal da película (quitando ao lagarto, claro), un científico especializado en radiación, que estaba traballando en Chernobyl. El non sabe que é o que ten que facer, pero pasan por Panamá, e detectar unhas pegadas dun tamaño xigantesco. O detalle de que sexa Panamá semella importante. O seguinte que vemos é a Godzilla atacando Nova Iork. Tendo en conta que NY está no Atlántico e o lagarto viña do Pacífico, debeu cruzar por Panamá, pero todo semella algo collido polos pelos. Coido que a idea forza da película era que o lagarto destruía Nova Iork, unha cidade que se presta moito a ser destruída no cine estadounidense.

E a historia non dá moito máis de si. Vai facendo destrozos por toda a cidade, para gozo do director, que todo o que sexa destrución e explosións, o pasa en grande. E o listísimo científico parindo teorías aparentemente absurdas, pero que semellan acabar sendo intelixentes, comparadas coas dos militares que lle rodean, que queren bombardear todo. Unha das ideas que el descubre (ninguén máis o fai, obviamente), é que o lagarto é hermafrodita, está embarazad@, e que seguramente estea buscando un sito para poñer ovos e perpetuarse. Efectivamente o fai, pon uns 200 ovos no Madison Square Garden. Por suposto, iso estaba pensado para unha das escenas máis destacadas da película, con mogollón de lagartiños que acaban de saír dos seus cascaróns, que ameazan con saír do edificio, ata que o destrúen con misiles.

Saúdos.



Dende Rusia con amor

Como dixen hai pouco, no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite, comezaron hai pouco a botar as primeiras películas de James Bond, protagonizadas por Sean Connery. Agora que avanza o ciclo, seguen botando películas con Sean Connery, pero xa non son das primeiras, deduzo entón que debe ser unha homenaxe ao actor recentemente falecido.

"Dende Rusia con amor" é a segunda da saga, despois do grandísimo éxito da primeira (aínda que a min a primeira pareceume un pouco frouxa). Aquí xa se comezan a ver algúns elementos comúns da saga, que na primeira non se veían. Por exemplo, hai unha escena de acción intensa xa incluso antes dos títulos de crédito iniciais. Bond comeza a viaxar algo máis polo planeta, nesta xa anda por Estambul, Venecia, e no Orient Express pasa por lugares como Zagreb. Non é ningunha marabilla, pero algo é.

Foi dirixida no ano 1963 por Terence Young. A estrela total, obviamente, é Sean Connery, pero tamén ten bastante protagonismo Robert Shaw, un actor que tivo algúns papeis relevantes en películas famosas como "O golpe" ou "Tabeirón", pero sempre en roles secundarios. Con respecto ao título, a versión española e a que se viu en case toda Hispanoamérica é totalmente fiel ao orixinal, que tampouco era ningunha marabilla. A película tiña algo que ver con Rusia, pero non demasiado, nin alí transcorría ningunha escena, que eu recorde. O delirio xa veu de varios países hispanoamericanos que decidiron traducir o título como "Regreso do axente 007".

A trama? Pois xira en torno ao intento de roubo dunha máquina para cifrar mensaxes chamada Lektor. Supostamente unha desertora rusa quere ofrecerlla ao servizo secreto inglés, pero realmente é a organización SPECTRA quen se atopa detrás dese interese. Participan espías rusas que non saben que outras ex-compañeiras xa desertaron e agora pertencen a esa organización. Pero vaia, en xeral, como en todas as películas de espías, a trama é moi retorcida, e en ningún momento podes fiarte de ningún personaxe, porque todos poden enganar aos demais nalgún intre.

Unha das cousas curiosas da película é o papel de Robert Shaw, que fai dun asasino letal e case invencible de Spectre, que pasa boa parte da película seguindo a Bond, para acabar finalmente atacándoo no Orient Express, pero antes diso incluso trabaron certa amizade porque se fixo pasar por outro axente secreto, que teoricamente ía axudalos. Pero o listísimo Bond se decata de todo, loitaron, estivo a punto de perder.... pero Bond sempre gana, obviamente.

Saúdos.



Piratas do Caribe: a maldición da Perla Negra

Xa dixen por aquí hai pouco que, dado que estaba vendo bastante cine na televisión, había algún tempo que tiña certo interese en ver algunha das películas da saga de "Piratas do Caribe", porque ademais se daba o caso de que botan películas desa saga con certa frecuencia. Creo que son cinco, xa vira a segunda hai un par de meses, e esta vez caeu a primeira. Creo que xa teño saciado o apetito, porque estas películas están ben e son entretidas, pero tampouco son para tanto. Esta primeira da saga é do ano 2003, está dirixida por Gore Verbinski, e as figuras que actúan son os habituais, Johnny Depp, Keira Knightley, Orlando Bloom e Geoffrey Rush.

Pois tampouco sei se merece moito máis a cousa. Un montón de granuxas, apoiándose na típica mitoloxía dos piratas caribeños do século XVII ou XVIII, cos navíos ingleses e franceses como principal víctima, e os demais facendo falcatruadas, nalgún caso bastante divertidas. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi un efecto visual moi ben conseguido. A maldición da tripulación da Perla Negra era que estaban aparentemente mortos, pero iso só se detectaba cando se veían alumeados polo luar, se non era así a súa apariencia semellaba humana. E obviamente, nalgunha escena, estaban nunha cova na que entraba o luar por algunhas fendas. Nesa escena estaban nunha das súas típicas pelexas ou loitas con espada, e cando un deles pasaba do luar a outra zona, veíase como a súa apariencia fantasmal se convertía en carne humana, e viceversa, e cunha precisión asombrosa. Para iso si que serven os efectos visuais.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...