Esta película debín atopala en Amazon Prime. Debín ver outras veces que estaba no seu catálogo, pero non lle prestei demasiada atención. Esta vez debeulle favorecer o feito de que dura só hora e media (tristemente, ese é un criterio que aplico con demasiada frecuencia). Recoñezo que me sorprendeu algo o xénero, porque trata dun asasino en serie, pero a película ten tintes de comedia (están chalados estes estadounidenses). Outra cousa curiosa é que o asasino en serie, que é apresado nunha das últimas escenas, e dun xeito moi peculiar, parece estar interpretado por un actor branco bastante irrelevante, pero que nesta película levaba a cara pintada de negro, na única escena na que se lle recoñece minimamente. Tamén me chamou a atención que se fala máis das relacións persoais entre os principais personaxes que ao asasino en si. Resólvese o caso, en parte, coa axuda dun ordenador NEC, xa que está ambientada a película a finais dos anos 80.
"O asasino do calendario" (o título orixinal era "O home de xaneiro") foi dirixida en 1989 por Pat O'Connor. O elenco ten a bastantes figuras, como Kevin Kline, Susan Sarandon, Mary Elizabeth Mastrantonio, Harvey Keitel, Danny Aiello, Rod Steiger e Alan Rickman.
Dada a estraña historia que se conta aquí, véxome obrigado a dividir a crónica en dúas partes. A primeira parte, e breve, trata sobre o asasino en serie, que eu pensaba que era o tema principal, pero non o parece. O caso é que no día de fin de ano en Nova Iork dúas amigas están celebrando a festa. Pouco despois de despedirse, unha delas morre estrangulada por un tipo. A cidade entra en shock porque non é, nin moito menos, o primeiro crime dese tipo. A outra amiga era a filla de alcalde, que o pasa moi mal porque pensa que perfectamente podía ser ela a vítima.
O que a xente non sabe é que ese ía ser o penúltimo crime da serie, e que o seguinte e supostamente último se produciría poucos días despois (uns cinco). O intelixente investigador que o descubre e resolve, coa axuda dun colega e un ordenador cos seus correspondentes programas, chega á conclusión de onde será e cando seguindo curiosos métodos matemáticos e musicais (ou sexa, tamén matemáticos) que o fan pasar por un tipo excéntrico. Pero acaba resultando efectivo, resolve o caso e incluso apresa el mesmo ao asasino. O día anterior ao do último intento de crime (que non chegou a consumarse pola pericia do investigador) houbera un caso parecido, que si rematou en crime e en suposto suicidio do asasino. Pero o investigador, coa súa perspicacia, dixo que aquel non era o asasino senón un vulgar imitador.
E agora podemos falar dos personaxes principais da película e as relacións entre eles, que realmente semellan o máis importante da película:
- Nick Starkey: o investigador principal. Ao comezo da película era bombeiro, xa que dous anos antes o botaran da policía polos conflitos que ía creando. Cando a serie de crimes avanza e a policía non é capaz de resolvelos, o alcalde obriga a que Nick sexa readmitido no corpo de policía, pero iso reabre vellas feridas. Ademais disto, é moi excéntrico e usa métodos moi pouco convencionais, e iso non fai as cousas máis fáciles no corpo de policía.
- Frank Starkey: é o xefe de policía, encargado do caso. As súas relacións co seu irmán non son nada boas, pero ten que tragar con que Nick volva á policía para resolver o caso que el non é capaz de rematar.
- Christine Starkey: a muller de Frank pero que estivo liada con Nick, e semella que aí segue habendo algo entre os dous, pero nunca queda demasiado claro. Só co que levamos ata aquí, xa vedes que hai movidón.
- Eamon Flynn: o alcalde de Nova Iork, que se ve obrigado a reclamar de novo a Nick na policía, porque independentemente da súa indisciplina, era o axente máis brillante.
- Bernadette Flynn: a filla do alcalde, que se libra do penúltimo crime por pouco, e que acaba liándose con Nick, así que todo se lía máis. Ademais, fai de señuelo no último intento de crime, para apresar ao asasino.
- Vincent Alcoa: capitán de policía, que non soporta a Nick, e que non quere aceptar a orde dos seus superiores para que Nick volva á policía, pero ten que tragar con ela, pero intenta poñer todas as trabas posibles.
- Ed: colega de Nick co que semella compartir piso, é pintor (artista) pero tamén sabe traballar con ordendores, que son os que axudan a resolver o caso.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario