sábado, 13 de xaneiro de 2024

Viva a Comuna!

Xa hai anos que oín falar sobre ese "curioso suceso" que sucedeu en Francia (patria de moitas das revolucións máis virulentas) a finais do século XIX: a Comuna de París. Durou pouco máis de dous meses, pero segundo Marx e Engels, que levaban décadas teorizando sobre a revolución socialista e comunista, foi o primeiro exemplo de Dictadura do Proletariado. Como exemplo, actualmente os concellos en Francia seguen chamándose "comunas" e o Estado francés é totalmente laico, e iso promulgouse durante eses dous meses (parece que non antes), polo tanto parece que algo de influencia aínda tivo, a pesar da súa brevidade.

Digo todo isto porque durante o Nadal estiven lendo unha novela galega que trata sobre ese suceso. Titúlase "Viva a Comuna!" (berro que proferían habitualmente os comuneiros para saudarse e darse ánimos, similar ao "Hail Hitler" dos nazis, refírome a que se usaban co mesmo propósito) e o autor é Carlos Meixide, humorista e escritor que, ata agora, daba principalmente lugar a obras de tipo máis ameno e menos serio, pero que nesta obra se defende moi ben neste novo eido, polo menos na miña opinión. A obra lese con fluidez, a pesar de ser 600 páxinas, para pouco en descricións e hai moito diálogo e moitas personaxes.

Unha das cousas que me preocupaba (pouco, pero algo) era a veracidade documental. Acabo de estar lendo algo do suceso na Wikipedia (razonablemente fiable para moitas cousas) e, polo que parece, a novela é moi fiable e os sucesos foron máis ou menos así. Certo é que é unha novela, non un documental nin ensaio nin libro de divulgación, e hai ficción nos feitos máis sinxelos (supoño), pero resulta moi fiable á hora de coñecer os personaxes principais. Porque claro, eu non son un experto na historia francesa (nin nas outras), pero podo asegurarvos que non me soaba nin un só dos personaxes que se mencionan, nin sequera presidentes do goberno ou emperadores. Cando a novela comeza, reina Napoleón III, sobriño do famoso, e eu nin sequera sabía da súa existencia (si sabía que esa saga se prolongara varias décadas e que chegaran a gobernar en varios países, como España), pero non sabía que chegaban ata 1870.

Brevemente, a Comuna de París durou de mediados de marzo a mediados de maio de 1871. Os líderes que non foron asasinados ou condenados a morte xa no momento, foron levados á prisión en Nova Caledonia, no Pacífico Sur, onde foron amnistiados en 1880.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...