venres, 9 de abril de 2021

Star Trek: Na escuridade

Recoñezo que nunca vin nada da longuísima saga de "Star Trek". Comezou sendo primeiro unha serie de varias tempadas, sagas, versións, spin-offs, con centos de capítulos, e despois en películas xa levan unhas 15. Onte pola noite metinme por primeira vez no universo "trekkie". Non estivo mal, porque a película é recente, e os efectos especiais son moi avanzados, pero tampouco me pareceu tanta cousa. Seguramente repetirei cando me cruce con outra da saga, polo menos ata que me canse, claro.

A que eu vin foi "Na escuridade", película do ano 2013 dirixida por J.J. Abrams. Do longo elenco de actores e actrices, só coñecía a Benedict Cumberbatch e Peter Weller, e soábanme algo Zoe Saldaña e Karl Urban. Do resto, seguro que son moi coñecidos agora, pero eu estou algo ou bastante desconectado do cine actual. Así que os actores e actrices que eu máis coñecía van morrendo ou desaparecendo dos elencos, e emerxen novas figuras ás que eu tardo bastante en poñerlle cara.

A trama principal da película trata sobre o enfrontamento da Flota Estelar cun personaxe chamado Khan, villano mítico desta saga, que polo visto é un super-humano, ou sexa, un humano xeneticamente modificado. Está protagonizado por Benedict Cumberbatch (ten pinta de que xa é e vai seguir sendo durante unhas décadas unha superestrela do cine mundial), que se marca un papelón. Buf, a trama é moi enrevesada, pero como todo transcorre no ano 2200 e pico, a tecnoloxía é moi avanzada, non hai nada imposible, e por moi peregrino que pareza un xiro de guión, cabe a posibilidade de que se produza. Entretemento puro, adrenalina e acción. Ao final ganan os bos, e polo que me pareceu ver, o malo non foi eliminado, senón crioxenizado, así que poderán sacalo da neveira cando necesiten facer caixa.

Unha cousa que me chamou a atención é que, antes dos títulos de crédito, hai unha escea que non ten case nada que ver co resto da historia. Seguramente é un alarde de efectos dixitais, tan en boga agora, para deixar á xente anonadada xa dende o comezo. Pero aí xa coñecín ao famoso Spock e fun pillando algunhas claves da saga, como que a nave Enterprise non debe ser vista por civilizacións máis atrasadas, para que non condicione a súa evolución futura, ou que Spock é un tipo moi recto e eficiente, pero pouco emotivo. Esta escea só serve de escusa para que o impulsivo capitán da nave sexa relevado do seu posto, aínda que esa situación pouco dura.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...