domingo, 28 de maio de 2023

Un hotel de primeira sobre o río

Xohana Torres é unha autora galega que ten moito prestixio, pero que tivo bastante pouca produción, e que ademais quería ser moi anónima, non lle gustaba nada a fama. Creo que escribiu sobre todo poesía e un pouco de teatro. O Centro Dramático Galego, na súa errática traxectoria dos últimos anos, propiciada principalmente polo desleixo da Xunta, con bo criterio na miña opinión, decidiu rescatar unha das poucas obras de teatro que escribiu, titulada "Un hotel de primeira sobre o río".

A escolla do equipo artístico foi algo arriscada, polo que parece. A dramaturxia foi a cargo de Gonçalo Guerreiro e María Torres, ou sexa, Elefante Elegante, grupo coruñés principalmente dedicado a teatro infantil, pero que tamén fan teatro para adultos. Cando é así, creo que son sempre espectáculos moi visuais e coloridos, e agradécese moito, como foi neste caso. O elenco está formado por sete actores e actrices bastante descoñecidos (eu creo que non coñecía a ningún): Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga.

A historia, aparentemente, é ben simple, aínda que teño a sensación de que nesta montaxe se simplificou aínda máis para deixar sitio ao colorido e o movemento típico dos dramaturgos. Ruth é unha muller que vive nun val no que uns especuladores queren forrarse facendo complexos turísticos de luxo. Ela négase a vender, e aparecen varios personaxes que van axudala nas súas conviccións ou contradicilas. Por exemplo, uns sobriños, fillos da súa irmá que vivía en Alemaña e que xa morreu, e que era copropietaria dos terreos.

Pero xa digo, a trama semella como secundaria e bastante fácil de seguir, e o foco semella estar posto nas curiosas "coreografías" e atuendos dos outros seis actores, que ás veces saen de cor celeste, ás veces de verde, ás veces de vermello, e fan cousas ben curiosas no escenario. Pero entendo que xente que ten máis atracción polo teatro máis tradicional, con diálogos ben construídos que expliquen a historia en detalle, puidera sentirse incómoda ou desagradarlle a proposta. A min non me desagradou.

Saúdos.



O porco de pé

Cando se cumpren 95 anos da creación da novela "O porco de pé" por parte de Vicente Risco, a compañía Producións Teatrais Excéntricas atrévese a facer unha versión teatral da mesma. Pero esta compañía resulta moi fiable. Texto de Pepe Sendón, dirección de Quico Cadaval e elenco formado por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo e Patricia Vázquez. Que podía saír mal? Os tres actores están moi ben, pero hai que recoñecer que Víctor Mosqueira, que fai os papeis duais de home-cocho e ten que pasar dun rexistro a outro en cuestión de décimas de segundo, destaca especialmente.

A novela e a obra fala do ambiente caciquil do Ourense de comezos do século XX. Vendo algunhas estrañas cousas que pasan por alí (cando escribo estas liñas, están sendo as eleccións municipais, que tamén teñen moita presenza na obra), semella que a obra segue sendo moi actual.

Entre os tres actores representan os seguintes papeis: Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Advogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, as Criaturas Soñadas (o Anarquista, a Porca Vingativa, o Niilista, a Fascistoide, o Matachin Bolchevique) a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo e xentes que van á homenaxe a Don Celidonio. Esta listaxe atopeina na descrición do vídeo da obra en Youtube, obviamente eu sería totalmente incapaz de reproducila, algúns non sei nin sequera quen son. A obra é tan dinámica que están saíndo continuamente personaxes novos que enriquecen a trama.

Saúdos.



A aventura do Poseidón

Pois como dicíamos, o ciclo de cine clásico da 2 trata este mes de películas estadounidenses de catástrofes. Tivemos avións, edificios, e agora tocaba un barco. Lembrade que a gran estrela desta época foi o produtor Irwin Allen, que estaba especializado nese tipo de temáticas, gloria que pouco lle durou.

"A aventura do Poseidón" foi dirixida en 1972 por Ronald Neame. O reparto é bastante coral, aínda que se cadra ten algo máis de protagonismo Gene Hackman, o machirulo que salva a máis xente. Entre os demais, o elenco non está mal, ten a Ernest Borgnine, Red Buttons, Shelley Winters, Stella Stevens, Leslie Nielsen e Roddy McDowall, por dicir aos que máis coñecidos poden resultar agora, 50 anos despois.

Como habitualmente neste tipo de películas, a historia non ten demasiada chicha. Un transatlántico que vai polo Mediterráneo (aos estadounidenses estas cousas non lles pasan nas súas augas, vaia) é embestido por unha onde xigante dun tsunami. Como resultado diso, volva e queda coa quilla para arriba. Un pequeno grupo toma a decisión de seguir a un impetuoso sacerdote novo con moito caracter, para ir ascendendo na estrutura do barco e chegar así á zona das hélices, xa que supostamente alí o casco do barco é moito máis fino que no resto. Efectivamente, chega ata alí un grupo de só 5-6 persoas, que son rescatadas polas forzas italianas ou gregas.

Pero tamén como sucede sempre nestas tramas, hai múltiples intrahistorias que trufan a película. Por exemplo, o transatlántico está xa obsoleto e vai a Grecia para o seu desguace no seu último traxecto público. E o representante dos armadores está metendo presión para que o barco vaia a toda máquina. Iso e non levar lastre fai que a embestida da onda o volque, cousa que non tiña por que suceder, polo visto.

O sacerdote que lidera o grupo que se salva é moi enérxico debido á súa xuventude e ten moitos conflitos previos con outro sacerdote máis vello. Vai un matrimonio formado por un policía e unha ex-prostituta que o marido "sacou da rúa". Tamén vai outro matrimonio que van a Israel para ver por primeira vez ao seu neto. Unha rapaza que cantaba na orquestra do barco perdeu a todo o seu grupo, incluído o seu querido irmán, no impacto inicial. Hai un vello solteirón polo medio. Dous irmáns, o máis pequeno deles un rapaciño que sabe a estrutura do barco de memoria, e que dá a idea de subir ata as hélices. E a súa irmá maior semella estar namorando do sacerdote xoven.

Por certo, non o dixen antes, todo isto sucede na emotiva noite de Aninovo.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...