mércores, 26 de xuño de 2024

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais de xuño. O caso é que tocaban dous grupos galegos que me atraían de certo xeito: Caldo, grupo de folk do que oín falar ultimamente pero que aínda non vira, e Moura, grupo de rock progresivo e psicodelia que xa coñezo e que me parece moi interesante.

Caldo está formado por Anais Barbier na voz e pandeireta, María Jorge no violín e Pedro Fariñas na guitarra e gaita (aínda que este instrumento só o tocou cando estaban colaborando con Moura). Non están mal pero non me chamaron demasiado a atención, ao haber tan pouca instrumentación acaban resultando algo monótonos, e iso é a "cualidade" que menos me agrada nun grupo de música. Presentaron o seu segundo disco, titulado "Lugar a Ponte", o lugar de Gondomar onde viven ou vivían.

Moura estaba coa súa formación habitual, e presentaban un EP titulado "Fume santo de loureiro". Ao saír, merqueino, así como o EP co que comezaron, así xa teño toda a súa discorgrafía en formado CD (tampouco é tan difícil).

Tocou primeiro Caldo, os de Moura saíron a colaborar en varios temas, e cando tocou Moura, tamén saíron os de Caldo en varias ocasións. Tamén houbo colaboración variadas que participaron nas dúas partes do concerto, como a violinista Begoña Riobó ou as mozas pandereiteiras Tarabelinhas, ou o eterno Antonio Prado, que ademais de organizar o cotarro, tamén tocou en varias pezas.

Saúdos.






25 anos de poesía galega 1975-2000 (III)


Seguimos avanzando cara ao remate da Biblioteca Galega 120, que A Voz de Galicia editou completa no ano 2002, para conmemorar os 120 anos de vida do xornal. Esta vez era a quenda do volume número 108. Era a terceira parte da antoloxía seleccionada polo profesor Luciano Rodríguez que contén a principal poesía publicada no último cuarto do século XX.

Os autores veñen ordeados por ano de nacemento, dende os máis maiores, nados a comezos dos anos 60, ata as máis novas, nadas a finais dos 70. A lista completa é a seguinte: Xela Arias, Lino Braxe, Manuel Outeiriño, Henrique Rabuñal, Antón Dobao, Fran Alonso, Xosé Manuel Vélez, Helena de Carlos, Manuel Xosé Neira, Xosé Millán Otero, Cristal Méndez Queizán, Xabier Cordal, Miro Villar, Marta Dacosta, Luísa Castro, Rafa Villar, Ignacio Chao, Martín Veiga, Carlos Negro, Igor Lugrís, Lupe Gómez, Estíbaliz Espinosa, Modesto Fraga, María do Cebreiro, Estevo Creus, Olga Novo, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Emma Pedreira e María Lado.

Como curiosidade, podemos dicir que todos estaban vivos e publicando cando se editou este volume, pero xa pasaron máis de 20 anos, e varios deles xa morreron. Por exemplo, Xela Arias morreu inesperadamente pouco tempo despois, e Lino Braxe morreu a finais de 2020. Algúns deles son agora colegas ou coñecidos meus, algúns ou algunhas están retirados da publicación poética, e doutros non sabía nin da súa existencia.

Saúdos.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...