domingo, 5 de marzo de 2023

Pan, amor e fantasía

Hai unhas semanas morreu Gina Lollobrigida, e supoño que por esa razón botaron no espazo de cine clásico da 2 a película "Pan, amor e fantasía", que polo visto está considerada como unha das súas mellores actuacións.

Foi dirixida en 1953 por Luigi Comencini, e debeu ter tanto éxito que deu lugar a unha saga que continuaron os mesmos actores, despois pasou a Sophia Loren, e chegou incluso a España con Carmen Sevilla. As dúas estrelas máximas desta película son Gina Lollobrigida e Vittorio de Sica.

A historia non ten moita ciencia. A un pobo da Italia profunda chega un carabinieri de mediana idade. A súa chegada causa moita expectación, e moita máis cando saben que está solteiro e ten intención de casar. Pon os ollos na moi atractiva rapaza interpretada por Gina, pero ela pasa bastante, porque está namorada dun subordinado do carabinieri, pero é un miñaxoia e non sabe moi ben como reaccionar. O carabinieiri, vendo que a rapaza non lle fai moito caso, fíxase nunha comadroa que vive ao seu carón e que tamén resulta bastante atractiva, aínda que cun estilo moi diferente, e esa relación si parece avanzar ben.

Pois nada, unha vez máis a comedia italiana, que lles gusta moito alí, pero a min non me di case nada.

Saúdos.



Exodus: Deuses e Reis

Como xa teño dito aquí algunha vez, non me desagradan as películas de tema bíblico. As historias son bastante grandiosas e interesantes e, incluso hai décadas, cando os medios técnicos eran moito peores que os actuais, había milleiros de extras e escenarios esaxeradísimos que as convertían en grandes espectáculos. Pero claro, se as fas agora e cos medios técnicos actuais, e pós bo director, produtores e un bo elenco, xa sabes que a aposta é moi segura. Como sucede neste caso, que conta a historia de Moisés.

"Exodus" foi dirixida en 2014 por Ridley Scott. O papel de Moisés faino Cristian Bale (que para min agora xa é suficiente garantía, é un dos mellores actores das últimas décadas), pero está moi ben acompañado por outros e outras como Joel Edgerton, John Turturro, Aaron Paul, Ben Mendelsohn, María Valverde, Sigourney Weaver e Ben Kingsley. Acabo de ler na Wikipedia que os exteriores foron rodados en Almería e Fuerteventura. 

Non hai moito misterio. Conta a historia de Moisés dende que está perfectamente integrado na familia do faraón Seti I, e que está considerado case á altura do seu fillo Ramsés. El descoñece que é de orixe hebrea pero comezan a chegarlle rumores nese sentido que acaban sendo confirmados. Por outra parte, amosaba máis sensibilidade con respecto aos escravos que o resto dos exipcios, así que unha certa diferenza xa se notaba niso.

Ramsés decide exiliar a Moisés, vaise ao deserto, case e ten un fillo. Pero algo segue creándolle inquedanza e ten visións nas que Deus lle di que debe levar aos hebreos de Exipto de novo á súa terra. Vai pedirllo a Ramsés pero este négase. E entón vén un dos momentos máis impresionantes da película, que é cando caen sobre Exipto as dez pragas bíblicas. As imaxes son abraiantes pero quedaba a dúbida de como ían plasmar a última, a da morte dos primoxénitos. Fixérono dunha forma moi elegante e sinxela. Xa sabedes que os hebreos marcaron as súas portas con sangue de año, para quedar excluídos da praga. Pois vese como se extende unha sombra sobre o territorio e, ao pasar, os primoxénitos exipcios morren súbitamente.

Ramsés finalmente deixa marchar aos hebreos, pero comeza a perseguilos pouco despois. Cando chegan ao Mar Vermello, dase un estraño fenómeno (non tanto como na versión de Charlton Heston) e a ondaxe comeza a amainar. Entón Moisés comeza a andar, e todos ven que lle cubre moi pouco e que pode chegarse á outra beira sen demasiadas dificultades, pero mollándose, iso si. Todos van detrás del e chegan á outra beira en pouco tempo e sen moito esforzo. Os exipcios veñen detrás e comezar a cruzar tamén, pero nese momento vese ao lonxe unha onda moi alta ao lonxe que ameaza con engulilos, como finalmente fai. Xa vin esta película hai máis dun mes, pero creo que Moisés tamén é levado pola onda porque volveu atrás para enfrontarse cos primeiros exipcios. Pero como ten a sorte de cara, acaba chegando vivo, aínda que algo magoado, á beira de novo.

Saúdos.


Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...