mércores, 1 de maio de 2024

Os violentos de Kelly

O outro día, no espazo de cine clásico da 2, botaban "Os violentos de Kelly". A min non me gusta demasiado o cine bélico, pero a estas alturas de ano xa estou demasiado canso como para tomar decisións moi sesudas, e esta película non a vira nunca. Ademais, tiña pinta de ser unha película estadounidense bélica pero bastante en plan comedia, igual que "MASH", así que podía valer. De feito, algún dos actores estivo nas dúas películas, e facendo papeis similares. Pero, vaia, unha vez vista, paréceme un disparate.

Foi dirixida en 1970 por un tal Brian Hutton do que nunca oíra falar. No elenco destacan actores (porque non hai nin unha soa muller) como Clint Eastwood, Donald Sutherland, Telly Savalas, Don Rickles, Carroll O'Connor, Harry Dean Stanton, Gavin MacLeod, Stuart Margolin e Karl-Otto Alberty. Por certo, o do título tamén ten coña. A tradución do orixinal sería "Os heroes de Kelly" (Kelly é o apelido do soldado que ten a idea do atraco ao banco, do que agora falaremos). Aquí chamouse "Os violentos de Kelly" e en Hispanoamérica preferiron "O botín dos valientes".

A historia non dá moito de sí, e é bastante disparatada, aínda que semella estar baseada nun feito real, pero aínda así, apenas hai información sobre el, así que os guionistas deberon ter bastante liberdade. A rodaxe transcorreu mentres sucedía a guerra do Vietnam, e como sucedeu daquela con "MASH", parece que pretendía dar a impresión de que o militarismo estadounidense non tiña moito sentido. Ademais, as cancións da banda sonora tiñan o típico espírito californiano dos anos 70, así que non pegaba nada nunha película ambientada na Francia do final da II Guerra Mundial. Pero todo dá igual cando hai ganas de ganar cartos cunha película. Foi rodada na antiga Iugoslavia, entre outras cousas, porque era un país que tiña aínda nos 70 moito material bélico dos anos 40 nun estado de conservación razonablemente bo.

Un batallón de apáticos e desmotivados soldados estadounidenses, que están cruzando Francia despois do desembarco de Normandía, apresan a un comando alemán. Conversando cun deles, descubren que nun banco dunha vila cercana, pero que está do outro lado das líneas inimigas, hai un fabuloso cargamento de lingotes de ouro, que vale moitos millóns de dólares.

Kelly, que é quen descobre o feito, comeza a conspirar e a convencer a outros soldados para que colaboren con el para levar adiante o atraco. Dálles igual o curso da guerra e pasan moito das incomprensibles ordes dos seus superiores, pero o ouro si que os motiva. Resúltalle bastante doado convencer a todos os do batallón para ese obxectivo.

Acaban chegando á vila e intentan planificar o atraco, pero atópanse con certa resistencia dos alemáns, que teñen alí un pequeno destacamento que acompañan a tres tanques Tiger. Os estadounidenses chegaran alí con tres tanques Sherman guiados por un tipo que está moi chalado. Parece que os tanques alemáns son moito mellores que os estadounidenses, pero tiran para diante. Acaban dobregando a todos agás a un dos tanques alemáns. 

Pero charlan co seu comandante e convénceno axiña para que se una ao seu grupo. De feito, a porta do banco é volada por un obús do tanque alemán. E casualmente, entran no banco, e nada máis entrar, hai un grande bulto no medio formando por todas as caixas cos lingotes. Cóllenos e vanse, así de sinxelo. Vaia disparate.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...