Amosando publicacións coa etiqueta Contacontos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contacontos. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de outubro de 2025

Tres vellas na romería

"Tres vellas na romería" é algo parecido ao espectáculo de "Contos na lareira", pero neste caso é unha produción de Excéntricas que ten a tres personaxes fixos: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín pola parte galega (e que están case sempre en "Contos na lareira") e José Luís Gutiérrez "Guti" con orixe en Zamora, ao que non coñecía de nada.

De Quico e Celso non hai moito que dicir, xa os vin moitas veces e falei deles dabondo neste blog como para descubrir nada novo. Guti non me gustou demasiado. Cantou, contou algunhas historias sobre todo de vellas e de cregos, cun curioso acento (total respecto, os zamoranos poden ter o sotaque que lles pete, faltaría máis), pero non me chamou demasiado a atención. A min xa me estrañaba, que oíra falar deste espectáculo, pero o nome do terceiro contacontos non me soaba de nada, e non é doado estar á altura dos outros dous.

Saúdos.



sábado, 19 de abril de 2025

Falando a boca chea 2025

Estiven revisando cantas veces aparecía este festival de narración oral neste blog, porque habitualmente asisto a algunha das súas sesións. Por algunha razón que non consigo lembrar, hai artigos sobre as últimas edicións pero nada sobre a de 2024. Se cadra agora teñen o hábito de poñelo na semana anterior á Semana Santa, na que habitualmente eu vou de excursión co meu alumnado. Este ano tamén sucedeu, pero puiden asistir a última das sesións, a do sábado.

Este ano actuaban Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín (a estes dous vinnos hai menos dun mes nunha nova edición de "Contos na lareira"), Pepo Suevos (xa hai algún tempo que non coincido con el), e na última sesión Oswaldo Digón, a única que puiden ver este ano, contador ao que tamén había tempo que non vía actuar. Segue na súa liña habitual, non me desagrada e resulta moi simpático, pero é máis monologuista que contacontos (eu diferencio moito eses dous oficios).

Saúdos.



domingo, 6 de abril de 2025

Contos na lareira 2025

Chegou á Coruña unha nova edición de "Contos na lareira", unha produción sinxela pero que o ten todo para triunfar. O escenario só ten unhas poucas cadeiras sinxelas e nun estremo hai un pote do que sae un pouquiño de fume (producido de non sei que xeito, pero non molesta e apenas se nota).

Como vedes, a receita é ben sinxela. Os convidados nesta ocasión eran dous (normalmente eran tres), pero dos máis significados: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín. Nunca decepcionan, pero como xa os vin moitas veces (a Quico algo máis que a Celso), algunhas historias xa me soan algo repetidas.

Chamoume algo a atención (para mal), que nalgunha historia o chiste baseábase en paradoxas das novas tecnoloxías, como o abismo xeracional á hora de usar móbiles. Un non vai a "Contos na lareira" para oír esas historias, para iso está "Noites de retranca" ou o "Club da Comedia" (aos que obviamente, non vou).

Saúdos.



sábado, 27 de abril de 2024

Falando a boca chea 2024

Sempre me gusta moito asistir a este ciclo de contacontos que se celebra todos os anos a poucos minutos da miña casa, no Fórum Metropolitano, pero este ano non foi posible apenas, cadroume bastante mal.

Este ano só puiden asistir á primeira das funcións, a do mércores, na que contaba Cándido Pazó. Como digo ultimamente, gústame moito, xa perdín a conta das veces que o vin actuar (e sumei outra máis), pero xa non o vexo tan áxil nin resultón coma antes. Xa pasa claramente dos 60 anos, e supoño que a idade non perdoa. Aínda así, sempre resulta agradable asistir a unha das súas contadas.

O resto do artigo vai ser para explicar o que me perdín. Unha das visitas que máis me atraía era a segunda, a do xoves, Sole Felloza, unha contadora uruguaia que leva máis de 20 anos en Galicia contando en galego. Crucei a cidade case de punta a punta para vela, pero cheguei uns minutos tarde e o acceso ao auditorio xa estaba pechado, outra vez será. O venres viña un tal Alexandre Sá, que creo que é portugués ou brasileiro, pouco máis sei. E o sábado actuaba o meu colega Victor Grande, ao que tamén xa vin actuar unhas cantas veces, pero ese día resultábame imposible asistir.

Saúdos.



domingo, 7 de maio de 2023

Falando a boca chea 2023

Se non me engano, a única publicación da sección "Contacontos" que hai neste blog foi a que subín o ano pasado cando asistín á edición de 2022 do festival de narración oral "Falando a boca chea", que se celebra dende hai uns anos no Fórum Metropolitano da Coruña. Pois o segundo artigo desta sección vai falar sobre a edición de 2023 dese mesmo festival. Acabo de ler a publicación de hai un ano, para ver se había moitas similitudes ou diferenzas.

En xeral, a organización do certame segue sendo a mesma. Dura catro días, dende o mércores ata o sábado. Hai sesións gratuítas a media tarde no vestíbulo, máis ben dirixidas a público infantil, e sesións de pago pola noite no auditorio, dirixidas xa a público adulto. Acabo de comprobar que das sesións de público adulto (as únicas ás que vou) houbo bastante cambio dun ano para outro, pero non total. De feito, a única sesión á que non fun este ano foi a que se repetía do ano anterior.

O mércores actuaba Celso Fernández Sanmartín. Xa o vin actuar catro ou cinco veces, pero non me importaba repetir, porque me gusta moito. Sempre leva unha pandeireta e canta algunhas cantigas populares. É a parte que menos me gusta do seu espectáculo (despois entenderedes por que digo isto) pero no resto pásoo tan ben, que compensa de sobra.

O xoves contaba Cándido Pazó. Xa perdín a conta das veces que o vin actuar, non creo que baixen de dez. Ségueme gustando, e non me aburre, pero eu xuraría que esta vez o vin algo menos áxil e lúcido que outras veces, e iso que non me soaban as historias que contou (vinno tantas veces, que algunha historia xa lla escoitei en varias ocasións, pero esta vez non foi así). Xa pasa dos 60 anos, e se cadra a idade xa vai pesando, non o sei.

O venres actuaba María da Pontragha, a única que repetía do ano pasado. Precisamente o ano pasado fun vela por primeira vez. Non me desagradou pero tampouco me chamou demasiado a atención. Igual que Celso, de cando en vez toca unha cantiga á pandeireta, porque é cantareira. De novo, é a parte que menos me interesa, pero a outra parte non me deslumbra tanto como con Celso, así que este ano decidín non ir vela, teño que descansala máis e ter máis ganas de vela a próxima vez.

O sábado había outra novidade, un contacontos ao que non vira nunca, Caxoto. O pouco que sabía del é que era o socio do chorado Pedro Brandariz, e que principalmente se dedica á animación para nenos. Pero polo visto, tamén fai contadas para adultos, e a iso veu. Xa deixou claro nada máis comezar que a súa contada dese día ía centrarse en contos eróticos ou sensuais. Estivo ben pero tampouco me deslumbrou, pero polo menos foi unha voz e un estilo diferentes aos habituais.

Saúdos.









martes, 3 de maio de 2022

Falando a boca chea 2022

A semana pasada celebrouse unha nova edición de "Falando a boca chea", un ciclo de contacontos que leva varios anos celebrándose no Fórum Metropolitano nesta época do ano. Hai actuacións a media tarde para público máis xeral e familiar, e pola noite hai actuacións no auditorio. Eu normalmente vou a estas últimas.

Este ano actuaron Oswaldo Digón, que é o único ao que non puiden ir. O xoves actuou Quico Cadaval, unha marabilla, coma sempre. O venres foi a quenda de Paula Carballeira, á que tamén vin xa moitas veces. E o sábado foi o momento da miña novidade, María da Pontragha, da que oíra falar pero á que nunca vira actuar. Conta ben e canta ben, fai unha mestura curiosa.

Por comparar aspectos das actuacións, Quico segue contando historias de coñecidos e amigos da súa familia principalmente. Paula Carballeira tamén conta moitas historias que lle contan principalmente familiares e xente maior, e céntrase en historias de medo. E María conta moitas historias da súa aldea e comarca, e de cando en vez as ameniza cunha copla popular.

Chamoume a atención o feito de que Paula e María fixeron contadas de 1 hora aproximadamente, mentres que Quico, que conta historias máis ben tirando a longas, estivo case 2 horas, e estiraba a actuación como se temera quedarse curto.

Saúdos.



Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixin...