domingo, 29 de agosto de 2021

A nova educación

Acabo de ler o libro "A nova educación" de César Bona. Este é un profesor aragonés de Educación Primaria que ten moita fama e que leva moitos premios por ser moi innovador e conseguir cousas bastante interesantes co seu alumnado, que basicamente parece ser da súa comunidade autónoma. O libro deixoume algo frío, porque o sistema educativo español (no que eu tamén traballo) non sei se está organizado da forma máis idónea, e por esa razón non me queda moi claro se o que fai este profesor é innovador ou se poderían atribuírse outros adxectivos diferentes.

O problema que eu lle vexo a todo isto é que no sistema educativo español (sen entrar noutras eivas estruturais) estamos moi obsesionados con que o principal é a asimilación de contidos, cantos máis, mellor. É dicir, se ti es capaz de asimilar unha gran cantidade de coñecementos, mecanismos, automatismos para resolver determinados problemas sobre diferentes materias, e es capaz de "vomitalos" no correspondente exame, a ninguén lle preocupa o máis mínimo se 15 segundos despois de rematar o exame xa os esqueciches. Nun determinado intre "demostraches" sabelos, iso xa che permite presumir de que dominas esa materia (máis ben que a dominabas nun período de tempo máis ben curto). E digo isto porque parece que non todos os sistemas educativos funcionan así. Se cadra había que mirar iso máis en detalle.

Este profesor insiste moito en que o alumnado, ademais de asimilar contidos, tamén teñen que ser boas persoas, teñen que ter intereses e iniciativas, e teñen que ir ao colexio motivados para o que se lles propoña alí. E todo iso está moi ben, faltaría máis. Pero todos sabemos que, como no sistema educativo español o prioritario (e case único por momento) é a asimilación acelerada de contidos para o seu posterior vómito, en moitas ocasións xa non queda tempo para moito máis. Estamos tremendamente presionados e ninguén quere sentirse responsable dun posible retraso nese proceso en ningún grupo de alumnado, por se queremos facer algo que se sae do previsto.

Entón lemos as propostas que nos fai este innovador profesor, e non nos saen as contas. El di que os contidos tamén se dan, porque o alumnado está moi motivado, e porque acepta o trato de "render" segundo o estándar común, a cambio de poder facer proxectos moi chulos noutro momento. Pero os que nos dedicamos a isto sabemos que o tempo pasa máis rápido do que parece, e non resulta nada doado en ocasións mesturar actividades máis convencionais con outras máis innovadoras.

No primeiro colexio no que estivo, tocoulle unha clase na que case todo o alumnado era de etnia xitana e lle gustaba a música, sabían cantar e tocar algúns instrumentos, e el aprendeu tamén a facelo grazas a eles. El di que o alumnado, ao ver que o profesor pretendía usar métodos diferentes aos habituais, baixou o nivel de absentismo habitual nesta etnia, e aprendeu moitas máis cousas, porque estaba máis motivado, ía máis á clase, e de cando en vez, facían en horario lectivo actividades que lles gustaban moito, como cantar e bailar. Xuraría que tamén dixo que levou a varios deses rapaces a un congreso sobre educación e que actuaron diante do público docente. Pero iso é proba de que seguían facendo moi ben algo que xa facían ben antes, non de que melloraron tamén nos contidos convencionais, que era onde estaban máis frouxos ata a súa chegada.

O seu seguinte destino era unha escola unitaria con só 6 alumnos, todos de diferentes idades e algúns deles incluso se levaban mal entre eles, pero por problemas entre as familias. Despois de analizar que facer, decidiu rodar unha película de cine mudo ao longo do curso e proxectala nas aldeas da contorna, co éxito que se pode supoñer. Como idea, parece chulísima. A dúbida que me queda é se fixo só iso ou lle deu tempo a facer máis cousas, non só as chulísimas.

No seguinte colexio, os rapaces estaban contentísimos porque ía visitar a súa vila un circo con animais. Comezaron a debatir e a informarse sobre o tema, e acabaron chegando á conclusión de que os circos con animais e os zoos (que inicialmente lle encantan aos rapaces) eran moi perxudiciais para a calidade de vida dos animais, e crearon unha Protectora de Animais Virtual, exemplo que foi seguido por moitos outros colexios no país e no estranxeiro. Polo visto, Jane Goodall pon moitas veces nas súas conferencias o caso deste pequeno colexio como exemplar.

Eu, que lle dou clase a alumnado moito máis maior, nos últimos cursos antes da Universidade, e que coñezo o sistema da ABAU, non teño nada claro o meu criterio neste asunto. A ABAU é o exemplo extremo de "vómito" de contidos en tempo récord, pero tampouco se me ocorre un sistema mellor ou menos malo para organizar o complexo paso do ensino medio ao ensino superior. Así que non vou caer na receta doada de dicir que hai que suprimir a ABAU. Pero tamén son consciente de que a inmensa maioría dos contidos que "asimilamos" durante eses 15-18 primeiros anos de vida, despois os acabamos esquecendo. Certo é que nos deron unha visión superficial bastante ampla de como é o mundo, e nos abren moitas vías para desenvolver as afeccións e profesións que máis nos poidan interesar para o futuro, pero sempre queda a dúbida de se valeu a pena tanto estudar e memorizar durante uns días ou horas, para acabar esquecendo case todo pouco despois.

Cando mesturo a miña reflexión anterior con todo o que fan profesores como César Bona, as miñas dúbidas son aínda maiores. Certo é que eu imparto algunhas materias que non entran na ABAU e nas que o nivel de contidos acumulados non é un factor tan esencial, e iso me permite algunhas veleidades, pero tamén imparto outras nas que a presión é moita. Así que as dúbidas persisten.

Este foi o último libro que me quedaba por ler dos que merquei durante anos no Círculo de Lectores. Comeza unha nova era.

Saúdos.




Infamia

Ledicia Costas é unha escritora galega de bastante éxito coa que tiven a fortuna de falar varias veces, semella unha persoa moi afable. Triunfa especialmente na literatura infantil e, polo visto, ten cada vez máis tendencia a tratar temáticas nas que está moi presente a morte. Seguro que alguén pode pensar que é un tema inapropiado para os infantes, pero como o trata dende un punto de vista simpático e desmitificador, parece que o efecto é exactamente o contrario, aos rapaces encántalles. Pero nos últimos tempos decidiu dar o paso e escribir unha novela aparentemente destinada ao público adulto e publicou este libro do que vos vou falar, "Infamia". Parece que está gustando bastante. Podería dicirse que é unha novela de intriga, non sabería se dicir que é novela negra, esas etiquetas son algo flexibles.

Emma Cruz é unha avogada que chega a unha vila chamada Merlo para facer unha substitución na súa Facultade de Dereito como profesora de Dereito Penal. Realmente tamén vai fuxindo dunha estraña relación cun antigo mozo que está casado e que sempre lle está dicindo que vai divorciarse para irse con ela (pero ao final nunca o fai), que incluso provocou que rachara a súa última relación amorosa, que xa duraba uns cantos anos.

Esta vila de Merlo está inmersa nun estraño ambiente, tanto social como climático. Hai 25 anos desapareceron dúas irmás, Sofía e Branca, de 14 e 6 anos, das que non se sabe nada. Moita xente di que, dende que sucedeu iso, unha mesta brétema baixa con moita máis frecuencia da que había antes. E ademais, o ambiente entre algunhas persoas da vila, principalmente do barrio onde vivían todos os implicados (e onde tamén se aloxa Emma Cruz nos meses nos que transcorre a novela), enrareceuse moito. Todo o mundo semella saber ou intuír máis do que di, pero todo parece indicar que aquel terrible enigma non ten solución.

Como era previsible, Emma comeza a meter os narices no caso, porque a súa chegada xusto coincide coa celebración do 25 aniversario da desaparición. Ademais, non sei se a vila é pequena ou é casualidade, pero axiña coñece en persoa a moitas das persoas implicadas no caso (aínda que ela non o sabe no momento de coñecelos).

Como a novela é bastante recente, non vou desvelar moito máis da trama, e xa podo comezar aquí a analizar as características da novela. Unha cousa que me chamou a atención é que a solución principal a todo o enigma xa a desvela a autora cando vai un tercio da mesma. Teño que recoñecer que me sorprendeu e non entendía moi ben a que se debía iso. Entón comecei a ver que ese era o enigma principal, aínda que había máis detalles que saber dese tema que só se saben ao final, pero é que ademais nesa opresiva vila hai outros feitos tamén feos que estiveron pasando nas últimas décadas, e que están en parte relacionados co tema principal, polo menos porque toca a algúns dos protagonistas.

En definitiva, non me pareceu unha marabilla, pero si recoñezo que o pasei ben lendo a novela, aínda que sigo sen entender moi ben por que non se tirou máis dalgúns fíos, se o enigma principal non estaría mellor desvelalo máis cerca do final, e penso na posibilidade de que se lle podería sacar máis partido aos múltiples fíos que se abren. Pero tampouco son eu un experto neste tipo de tramas e novelas, e se cadra a resolución si foi correcta e brillante. A min non me desagradou pero tampouco me deslumbrou demasiado, e teño a firme sensación de que se podería ter feito algo máis e diferente.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...