domingo, 31 de marzo de 2024

Dune: parte dous

A ver, o meu interese pola ciencia-ficción e por "Dune" en particular vén de hai xa moito tempo, décadas. Non sei exactamente cando, pero pouco despois de que se fixera a primeira versión cinematográfica (1984), xa a vin e pareceume unha historia ben interesante. Como saberedes, é das primeiras e das poucas películas de David Lynch máis ou menos comprensibles (e se non o é, non é por culpa del, que é o habitual). Aquela película era a versión da primeira novela da saga, formada por unhas seis obras.

Hai uns anos fíxose unha segunda versión cinematográfica, máis ou menos co elenco que vou mencionar agora. Polo visto, esa e a que vou comentar neste artigo son a nova versión da primeira novela da saga. E parece que, se estas teñen éxito, dentro duns anos farán unha terceira película que trataría do mesmo tema que a segunda novela da saga. Pero creo que non teñen intención de ir máis alá (que non é pouco).

"Dune: parte 2" foi dirixida en 2024 por Denis Villeneuve, e no elenco están Timothée Chalamet, Zendaya, Rebecca Ferguson, Josh Brolin, Austin Butler, Florence Pugh, Dave Bautista, Christopher Walken, Stephen McKinley Henderson, Léa Seydoux, Souheila Yacoub, Stellan Skarsgård, Charlotte Rampling, Javier Bardem e Anya Taylor-Joy.

Non vou poñerme a contar aquí o complicadísimo entramado desta historia. Basicamente direi que no Imperio hai un Emperador, que é bastante falso, e que enfronta a unhas familias e etnias con outras, para intentar manter o poder. Na galaxia todo depende dunha sustancia chamada a "especia", que se atopa nun planeta desértico chamado Arrakis. Os que están encargados de extraer esa especia (e iso dálles bastante poder) son os Harkonnen, que van todos coa cabeza rapada e non parecen moi boa xente. O principal atranco para obter esa especia son uns vermes xigantes (semellantes a lampreas, pero moitísimo máis grandes), que sempre aparecen cando detectan ritmos regulares de son (dá igual que ou quen os produza).

Outra casa importante é a dos Atreides, cuxo herdeiro é Paul Atreides, o principal protagonista da historia. Non é moi ben visto por moitos dos seus contrincantes, pero segundo avanza a historia, vai convencendo cada vez a máis tribus de que é o "mesías" do que falan as vellas profecías. Os seus primeiros aliados son os "fremen", unha tribo que vive nas covas de Arrakis. Tamén son moi importantes as "bene geserit", que son algo así como sacerdotisas cuns poderes moi especiais, e que son escoitadas con veneración e temor por todo o mundo.

Se nunca vos mergullastes no universo de "Dune", anímovos a facelo, a min paréceme que está moi ben. A película de 1984, que é moi visible, pode verse en Youtube e en moitas plataformas. A ver se un ano destes me animo e comezo a ler as novelas, levo anos ameazando, pero non hai forma.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...