domingo, 8 de xaneiro de 2023

Á busca do tempo perdido. Pola banda de Swann

Moita fama ten, e non se pode negar que o intentei, pero sucumbo. Esta é a primeira das sete partes da magna novela de Marcel Proust, pero eu xa teño dabondo. Recoñezo que escribe moi ben, con longuísimas e elaboradas frases e parágrafos que duran varias páxinas enteiras, pero as historias que conta non me interesan en absoluto. Así que, feito o experimento, e comprobado o resultado, pecho esta experiencia.

Por explicalo brevemente (supoñendo que o resto da súa obra sexa similar, que creo que si), na obra de Proust basicamente non pasa nada ou case nada. Simplemente fai unha exploración moi pesada e concienzuda da súa memoria, dos seus recordos, sobre todo da infancia, e das sensacións que tiña en cada momento que lembra. E fai múltiples elucubracións sobre frases, pequenos sucesos, sensacións, etcétera.

Por poñer un exemplo, na primeira parte pasa non sei cantas páxinas especulando sobre o que significaba, cando era pequeno, poder despedirse pola noite da súa nai dándolle un bico de boas noites. Se llo pedía, se non llo daba, porque consideraba que era moi frouxo, fráxil e sensible, e debería fortalecerse. Os obstáculos que poderían provocar que esta noite xustamente, que el o necesitaba moito, non lle deran ese bico. E todo así, durante case 500 páxinas (este volume, que só ten a primeira das sete partes).

Esta primeira partes está, ao seu tempo, dividida noutras tres:
- Combray: unha vila no campo onde parece que ían veranear, onde vivía algunha tía e avoas (coas que compartía o sabor das madalenas, xa escoitaríades falar da historia, que a min pareceume bastante ridícula), os paseos que ían dar, e todo iso. Ao final desta parte está a famosa anécdota da madalena.
- Un amor de Swann: Swann é un amigo da familia, pero durante algún tempo parece que deixa de quedar con eles, nunha época e país que semella bastante "snob" e onde as convencións sociais para o contacto social agora semellan antediluvianas. Pois esta parte fala dunha época anterior na que o tal Swann estivo saíndo cunha muller chamada Odette de Crécy, que semellaba moi atractiva, pero que no seu pasado tivera unha moral ben relaxada, e iso é unha pesada mochila para unha sociedade tan clasista como esa. Swann semella ser, ademais, un tipo moi celoso, o que lle faltaba. Todo sucede en París.
- Nomes de terras: Esta tamén sucede en París, e o principal é que o narrador semella namorado de Gilberte, a filla de Swann, que xa se menciona na primeira parte coma un ser anxelical.

Pois nada. Ata aquí. Eu paso. Xa puxen da miña parte pero Proust, para min, acabouse.

Saúdos.



Encontros na terceira fase

Eu xuraría que esta película xa a vin completa máis veces, pero non atopei ningunha referencia a ela neste blog, que xa leva aberto dezaseis anos. Se cadra vina antes diso, pero non tiña eu esa sensación. En calquera caso, é unha película na que pasan cousas e resulta agradable de ver.

Foi dirixida en 1977 por Steven Spielberg (era unha historia á que levaba tempo dándolle unha volta) e os principais papeis foron para Richard Dreyfuss, Melinda Dillon, François Truffaut, Teri Garr, Bob Balaban e Cary Guffey. Aínda que eu penso que claramente é Richard Dreyfuss en quen máis se centra a historia. E teño que recoñecer que nesta ocasión o seu personaxe pareceume máis histérico e desequilibrado que noutras ocasións. Menos mal que ao final marcha na nave....

Supoño que xa coñecedes a historia, aínda que a contan dun xeito tremendamente atractivo, que fai que non deixes de mirar. Non hai ningún secreto dende o comezo, a historia trata de contactos con alieníxenas, e a diferenza do habitual, estes veñen con boas intencións e déixanse ver sen demasiados problemas.

En diferentes partes do planeta comezan a suceder cousas bastante estrañas. Un grupo de científicos que se interesan polo contacto cos alieníxenas atopa nun deserto de México uns avións americanos que desapareceron na II Guerra Mundial, e están intactos e funcionan. E o mesmo sucede cun cargueiro, que desapareceu no Triángulo das Bermudas, aparece no medio do deserto do Gobi, en Mongolia.

Tamén suceden outras cousas estrañas pero non tan espectaculares en diferentes partes dos Estados Unidos. Prodúcense apagóns moi incomprensibles e vense luces nos ceos facilmente identificables como de naves espaciais non orixinarias deste planeta.

Por todas esas razóns, un grupo de cidadáns estadounidenses vense animados a viaxar á Montaña do Demo, no estado de Wyoming, que foi o primeiro parque natural dos Estados Unidos. Non saben exactamente por que, pero hai algo que os leva cara alí. E mira ti por onde, casualmente os científicos que están intentando contactar coas naves alieníxenas, tamén o conseguen, e quedan precisamente en verse nese lugar.

E alí ten o pacífico encontro, intentando compenetrar vontades por medio dunha serie de notas musicais. Finalmente chega unha grande nave, e dela báixanse todos os militares e cidadáns que se deran por desaparecidos hai décadas. E do mesmo xeito, un grupo de persoas, incluído Roy Neary (Richard Dreyfuss), súbense á nave. Nese intre remata a película, pero xa é boa milagre que nunha película estadounidense deste temática non se dispare nin un só disparo (creo).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...