sábado, 17 de decembro de 2022

Blasco Ibáñez, a novela da súa vida

Imos poñer este produto audiovisual na sección de "Series", pero realmente só tivo dous capítulos e dura menos de 3 horas, pero éche o que hai. Polo visto, a produción era inicialmente máis ambiciosa, pero houbo recortes e quedou nisto. Parece que querían rodar tamén en Montecarlo e Hollywood, onde se supón que tamén viviu o personaxe, pero os cartos xa non chegaron a tanto. Vin esta miniserie en RTVE Play, e aínda que non lin ningunha obra deste autor, sempre me chamou a atención, porque parece que era un gran escritor e, en xeral, un personaxe bastante peculiar. Agora xa me fago unha idea aproximada.

Esta miniserie foi dirixida en 1997 por Luis García Berlanga (parece que foi un proxecto moi valenciá). O papel principal foi para Ramón Langa. Pero aparecen un bo feixe de secundarios de luxo para multitude de papeis célebres, como Ana García Obregón, Carlos Iglesias (que fai de Sorolla), Emma Penella (Pardo Bazán), Simón Andreu, Antonio Dechent, Mario Pardo, Enrique San Francisco ou Antonio Resines (que fai de Mariano Benlliure).

Polo que puiden percibir da vida e obra do tipo no breve tempo desta miniserie, diferencio tres facetas:
- Político: dende sempre, foi un líder algo extremista do republicanismo, por esa razón estivo no cárcere nalgunha ocasión, estivo desterrado, durante algún tempo non puido pisar o país, etc.
- Persoal: era un desastriño, era moi mulleireiro, coa súa primeira muller tivo varios fillos, pero nun determinando momento namorou de Elena Ortúzar, e foise a París con ela. E cando estaba alí, tiña amoríos con outras mulleres tamén. Pasou en moitas ocasións estreiteces económicas (pero non sempre), debido ao pouco que se preocupaba de organizar a súa vida.
- Escritor: semella que tivo moitísimo éxito. As primeiras obras estaban baseadas en historias locais que a todos nos soarán como "A barraca" ou "Cañas e barro". Máis adiante xa foi escribindo doutras temáticas, como "Sangue e area" (levada ao cine moi pronto) e sobre todo "Os catro xinetes da apocalipse", coa que se forrou.
- Vida: viviu primeiro en Valencia, despois pasou algún tempo en Arxentina porque promoveu alí unhas plantacións que non foron moi exitosas, despois foi para París e rematou vivindo na Costa Azul. Co grandísimo éxito de "Os catro xinetes da apocalipse" fixo unha longuísima xira por Estados Unidos, coa que ganou moitos cartos, e despois tamén deu unha volta ao mundo.

Esta miniserie serviume para facerme unha idea de quen era o personaxe, pero coido que aínda teño pendente unha investigación máis profunda, porque parece que o tipo da de si.

Saúdos.






O sinal

Na sección de ciencia-ficción de Rakuten non hai películas moi destacadas. As mellor puntuadas en IMDB pasan do 6, e non lembro se algunha pasa do 7. Por exemplo, entre elas está a versión antiga de "Dune". O outro día mirei nesa sección e vin unha que pasaba do 6 e na que había un actor coñecido e dixen "veña, imos probar", a ver se había sorte. Algo de sorte houbo pero tampouco era para tanto.

A película foi dirixida en 2014 por un tal William Eubank, do que nunca oín falar. O actor coñecido que é un dos principais é Laurence Fishburne. Os dous actores novos moi destacados, que a min non me soan de nada, pero que deben estar comezando a saír en series famosas, son Brenton Thwaites e Olivia Cooke.

Esta historia tamén é unha paranoia, que para iso estaba na sección de ciencia-ficción. Tres rapaces que son moi bos en informática, están facendo unha viaxe en coche cruzando os Estados Unidos, porque van a deixar á rapaza, un dos tres viaxeiros, en California. Pero cando pasan por Nevada reciben novos avisos nos seus ordenadores de que están sendo rastreados e seguidos por Nomad, un hacker co que teñen moitas disputas. Parécelles percibir que o lugar onde está conectado Nomad é moi cerca de alí, así que deciden acercarse.

Efectivamente, chegan a unha casa illada e todo parece indicar que está alí, pero parece inconcebible xa que a casa está totalmente abandonada. A rapaza quedou no coche esperando por eles, e nese intre escóitana berrar, saen ás presas para intentar localizala e nese momento hai un parón na imaxe.

O rapaz que levaba a voz cantante en case todo, que tiña muletas porque tiña unha estraña doenza que non se especifica, aparece nunha aséptica habitación branca reunido cun doutor, chamado Wallace Damon, que leva un traxe anticontaminación. Non ten nin idea de por que está alí, pero o doutor dille que naquela casa entraron en contacto cunha entidade biolóxica extraterrestre, e están vendo como lle puido afectar.

Todo o que sucede a partir de aquí non é doado de seguir. A rapaza parece estar en coma noutra habitación dese mesmo complexo. O outro rapaz só conseguen velo moito máis tarde, aínda que lles dixeran que non sobrevivir ao incidente da casa illada. Nun determinado momento, parécelle falar con el a través do sistema de ventilación da habitación. El xa non ten pernas, senón unhas próteses, e o seu compañeiro ten próteses nas mans.

O final xa é dificilmente explicable, así que vou deixar só algunhas perlas. Decátanse que Nomad é Damon escrito ao revés. Varios deles levan unha tatuaxe con varios números que suman 51, o cal fai pensar na famosa Área 51. Intentan escapar do complexo e aparentemente o conseguen, ata que chocan cunha fronteira ou muralla que non ven, e descubren que están nunha nave alieníxena. Para que vexades.

Saúdos.





O club da loita

Oíra falar moi ben desta película e atopeina tamén na plataforma Rakuten. Certo é que sendo estadounidense e tendo a palabra "loita" no título, a cousa podía acabar sendo moi violenta (como así é), pero en xeral, déixase ver, aínda que a historia é unha auténtica paranoia. Hai que recoñecer que o toque do director David Fincher é importante porque sempre lle imprime un ritmo moi atractivo para o visionado, e un estilo narrativo moi sorprendente.

A película foi dirixida en 1999 por David Fincher, e no elenco destacan Edward Norton, Brad Pitt e Helena Bonham Carter. Pero tamén hai algún secundario destacado como Jared Leto ou o inmenso Meat Loaf (inmenso de volume corporal, refírome).

Por se non a vistes, intentarei contarvos a historia, pero non é nada doado. Un tipo aparentemente normal que traballa asegurando coches dunha marca potente, ten problemas de insomnio, e recoméndanlle que vaia a grupos de axuda para enfermos de todo tipo, porque a compaixón e a empatía vaille vir ben para o seu problema. E efectivamente, así é. Pero sábese un impostor e fastídialle atoparse cunha tipa estraña chamada Marla, que semella facer o mesmo ca el. Para non delatarse mutuamente e poder seguir sacándolle partido a esa estraña afición, deciden repartirse os grupos aos que van asistir.

Por outra banda, nunha viaxe de avión debido ao traballo, coñece a un estraño tipo chamado Tyler Durden, vendedor de xabóns, que semella ter unha curiosa forma e filosofía de vida, pero que lle cae ben. Por algunha estraña razón, ao baixar do avión e achegarse á súa casa, comproba que estoupou polos aires debido a unha fuga de gas, e non ten a onde ir. Así que chama de novo a Tyler para quedar con el e pedirlle se pode acollelo temporalmente na súa casa. El accede pero pídelle que antes lle golpee, así que acaban pelexando amistosamente desa forma tan peculiar. Finalmente van á casa de Tyler, que é unha mansión aparentemente señorial pero que está totalmente deteriorada.

Ata aquí, aínda menos mal, pero a partir deste punto xa é un disparate. No soto dun dos bares no que paran habitualmente, pídenlle permiso ao encargado para montar un "club da loita", un lugar onde persoas que necesiten pelexar con alguén para desfogar poidan facelo sen problema. Ese club ten varias normas, e a primeira é que non se lle pode falar a ninguén del, pero o caso é que cada vez vai máis xente. Noutras cidades vanse formando clubes similares, e todo iso acaba dando lugar a algo chamado o Proxecto Mayhem, que ninguén ten moi claro o que é, pero semella que pode converterse nun colectivo moi perigoso para a comunidade.

Unha serie de incidentes na parte final da película fan pensar que Tyler Durden realmente non existiu nunca, senón que é unha personalidade do protagonista cando está durmido. Tendo en conta este xiro do guión, o final xa é simplemente incomprensible, ou máis ben, cada un podería interpretalo como lle dera a gana e probablemente non sería moi equivocado.

Saúdos.





ET

Eu non vin "E.T." no cine, creo. Pero a primeira vez que a botaron na televisión, coloqueime moi comodamente para gozar dela e.... fiquei completamente durmido. A comodidade debía ser moita pero tamén debeu ser indicio de algo. Como xa a rodaron hai 40 anos, xa deberon pasar décadas dende que pasou iso, pero as miñas sensacións son as mesmas. O outro día botábana na 2, sen anuncios, e penso que foi a primeira vez que a vin completa. E sigo pensando o mesmo, é lenta e aburrida. Spielberg di que E.T. podería ser ese irmán maior ou pai que non tivo, e que tiña ganas de rodar con nenos. A min paréceme unha película de nenos para nenos, e non conecto apenas con ela. Pero polo menos xa conseguín vela para poder opinar con certo criterio, que nunca está de máis.

Foi dirixida en 1982 por Steven Spielberg. No elenco estaban principalmente nenos, dos que se deducía que despois serían estrelas, pero apenas se cumpriu. O papel principal foi para Henry Thomas, do que non se volveu saber apenas nada máis. A súa irmá pequena era Drew Barrymore, que se cadra foi a que máis triunfou. Por alí andaban tamén C. Thomas Howell e Erika Eleniak, que brilaron un pouquiño nalgún momento. E dos adultos, se cadra Peter Coyote era o máis coñecido, pero tampouco chegou a nada.

Supoño que xa coñecedes a historia. Un grupo de extraterrestes que está recollendo mostras botánicas na Terra ten que marchar ás presas na súa nave, e un dos integrantes da expedición non consegue volver a ela. Intenta agocharse nun galpón da casa máis cercana, pero un curioso rapaz bastante solitario dá con el e intenta facerse amigo del. Conségueo pero só os seus irmáns saben da súa existencia, a súa nai, que acaba de separarse, aínda non se entera, pero ao final si o fai. Uns axentes do goberno que estaban perseguindo aos alieníxenas e que foron os que provocaron a fuxida da nave, sospeitan que un deles quedou en terra, e conseguen localizalo na casa. Debido a unha serie de avatares, o extraterreste aparentemente morre, e os axentes intentar salvarlle a vida, pero non o conseguen. Pero milagreiramente, o alien revive e anuncia aos seus amigos que os seus compañeiros volven para buscalo. Marchan de novo para o bosque para localizar a nave e volver ao seu planeta.

Desta, para min, aburrida película, agora que conseguín vela enteira, con diferenza o que máis me divertiu foi o grupo de axentes que perseguían aos extraterrestes primeiro, e a E.T. despois. Ían sempre en grupo, en total silencio, con traxes anticontaminación, moi ben coordinados, e transmitíase moi ben a idea de que eran os "malos" da película. Pero cando E.T. morre, de súpeto, sacan os traxes de proteción, comezan a falar entre eles, e vese que de malos non tiñan nada: eran científicos. Está moi ben conseguido ese efecto.

Saúdos.



O corvo

Mítico título que podería lembrar a Edgar Allan Poe e o seu longo poema, que coincide co título dun capítulo de "Historias para non durmir", serie de RTVE da que falei aquí hai pouco. Ese capítulo conta os últimos anos de vida do autor maldito. Pero non é así neste caso, aínda que a historia tamén é ben maldita. Tiña certo interese en ver esta película, e resulta que a atopei na plataforma Rakuten, á que agora teño acceso.

Brandon Lee foi fillo de Bruce Lee. Só chegou a participar en tres películas, e non ten moita pinta de que a súa carreira cinematográfica fora a ser moi destacada. Pero o caso é que morreu cando estaba a piques de rematar a rodaxe da terceira, "O corvo", que é do que trata este artigo. Está baseada nun comic do mesmo título dun tal James O'Barr, e como pasa sempre nestes casos, a potencia visual da historia, moi ben conseguida, e o malditismo derivado do accidente, fixo que a película fora moi famosa xa antes da súa estrea. Polo tanto, foi un éxito.

Non son moi dado a esas cousas, pero cando vin a película, entroume o interese por saber que escea estaban rodando cando sucedeu o accidente. Resulta que é unha na que, o protagonista, que xa sabe da súa inmortalidade, desafía a un dos seus inimigos, que lle apunta cunha pistola, e ponlle a man xusto diante. O outro dispara e, na película, a ferida cúrase inmediatamente e non sufre ningún dano. Pero o mundo real é algo máis sucio, e na rodaxe resulta que alguén non comprobou axeitadamente o estado da pistola, e iso provocou o fatal desenlace. Polo que acabo de ler, despediran ao "mestre armeiro" por falta de cartos e quen o substituíu non era moi experto no tema, por desgraza para Brandon Lee, en paz descanse.

A película foi dirixida en 1994 por un director chamado Alex Proyas (creo que traballa máis no mundo dos videoclips, e iso nótase na película), e o elenco tampouco está formado por xente moi coñecida (o orzamento da película non debía ser moi alto): Brandon Lee (non lembro que fora famoso antes disto), Ernie Hudson, e a min sóanme vagamente as caras de Michael Wincott, Jon Polito e Michael Massee (actor que accidentalmente matou a Brandon Lee).

A historia non é moi complexa. Nun distópico Detroit (actualmente se cadra xa se parece a iso), as bandas de delincuentes celebran con incendios por toda a cidade a Noite do Demo, que é a anterior á de Halloween. Unha desas bandas entra nun ático onde está unha parella que se vai casar ao día seguinte, matan e tiran pola fiestra ao home, e violan e deixan malferida á muller, que morre horas despois no hospital. Polo que se sabe despois, esta parella nova loitaba contra os desafiuzamentos no barrio e iso non lle fixo demasiada graza a algúns dos que tiñan intereses inmobiliarios.

Un ano máis tarde exactamente, un corvo póusase na lápida do home, Eric Draven, e este esperta e sae da súa tumba con intención de vingar os feitos do ano anterior. A súa "natureza" faino inmortal, condición da que se vai decatando aos poucos. O corvo vaino acompañando nas súas andanzas. Como era previsible, a volta consiste en ir matando un tras outro aos integrantes da banda e aos seus xefes, e xa imaxinaredes que o consegue, como non podía ser doutro xeito.

A película déixase ver, en determinados momentos ten unha potencia visual sublime (supoño que terá que ver coa orixe en cómic), pero sendo estadounidense e tratando do que trata, tamén podedes imaxinar que o nivel de violencia é extremo. Ese é un vicio que teñen nese país de salvaxes e do que lles costa moito desprenderse.

Saúdos.



A lingua das bolboretas

Polo visto, esta versión teatral de "A lingua das bolboretas" a cargo da magnífica compañía ourensá Sarabela Teatro xa é do ano 2020, cando estoupou a pandemia. Pero supoño que estiraron a xira no seu repertorio porque non chegou a todas partes ou chegou en momentos nos que o aforo das salas era moito máis reducido.

Supoño que a maioría pensamos na famosa película dirixida por José Luís Cuerda e protagonizada por Fernando Fernán Gómez e Manuel Lozano, pero coido que hai diferenzas. Xa pasou tempo dende que vin a película e dende que lin a obra de Manuel Rivas que lle servía de base, pero creo que o plantexamento era diferente.

Se non me engana a memoria, a película española que todos lembramos estaba baseada en tres contos do libro "Que me queres, amor?" de Manuel Rivas. Obviamente, a fonte principal era "A lingua das bolboretas", coido que outro era "Un saxo na néboa" que achegaba algúns personaxes, e sóame que había un terceiro conto que tamén tiña algo que ver no guión final, pero xa non lembro cal era.

A obra que representou Sarabela o outro día estaba baseada só no conto orixinal do mesmo título. De feito, a obra xa non era de moi longa duración, e segundo comentario do colega que foi comigo, que podería suscribir, había varias esceas moi poéticas e visuais (que non lle gustaron demasiado, ou máis ben nada) que parecían estar para encher tempo. O teatro é unha arte escénica na que teñen sentido esas cousas (que gusten máis ou menos é outra cousa) para as que non hai demasiado sitio na literatura.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...